logo

 

cabecera

Falamos con Pere Marquès

entrevista


Pere Marqués Graells
Universidade Autónoma de Barcelona

As tecnoloxías da información e a comunicación, coñecidas como TIC, teñen cada vez máis presenza nas aulas. O noso alumnado vive rodeado de computadores nun mundo con sobreabundancia de información, ateigado de datos e mensaxes, no que parece sentirse cómodo. Pola súa banda, o profesorado, consciente de que o alumando domina máis ca eles a tecnoloxía, busca aprender a xestionar este novo escenario educativo.

En Galicia púxose en marcha este curso o proxecto Abalar que pretende unha integración plena das TIC na práctica educativa dos nosos centros. Neste contexto falamos con Pere Marques, doutor en Ciencias da Educación e profesor titular de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía Aplicada da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e director do Grupo de Investigación "Didáctica y Multimedia" (DIM-UAB) http://www.pangea.org/dim e mais da revista DIM (Didáctica, innovación, Multimedia). Estamos ante unha das figuras máis destacadas no ámbito da aplicación de novas metodoloxías didácticas para mellorar os procesos de ensinanza e aprendizaxe coa axuda das TIC. Ten coordinado múltiples investigación neste ámbito e publicou infinidade de libros e artigos que recibiron distintos premios nacionais.


O noso alumnado vive rodeado de computadores nun mundo con sobreabundancia de información, ateigado de datos e mensaxes, no que parece sentirse cómodo


O profesorado, consciente de que o alumando domina máis ca eles a tecnoloxía, busca aprender a xestionar este novo escenario educativo
Javier Pintor: Algúns teóricos, como Cuban, insisten na idea de que as TIC contribuén na mellora sustancial do proceso de ensino-aprendizaxe e comentan que poden ser un instrumento imprescindible para o cambio educativo. Deixando de lado a tradicional incomunicación entre teoría e práctica, cres que hoxe en día as TIC son imprescindibles para acadar a tan ansiada innovación educativa?

Pere Marqués: Entendo que si o son, por varios motivos: en primeiro lugar, porque o noso alumnado necesita adquirir unhas competencias dixitais que se deben fornecer no ámbito escolar. Que os nosos alumnos e as nosas alumnas sexan denominados «nativos dixitais» non é suficiente, pois o uso intelixente e eficaz das TIC ten de aprenderse, isto é, non se consegue só a través do xogo coas «maquiniñas». Desta maneira, os chamados «nativos dixitais» teñen unha serie de habilidades (coñecen aspectos sobre a Internet e as TIC, por exemplo), mais á hora de procuraren información e valoraren a súa utilidade e a súa validez para a usaren nun traballo, deben adquirir certas destrezas que se conseguen a partir do traballo na escola.

En segundo lugar, as TIC son ferramentas que aumentan a nosa produtividade; permítennos facermos máis cousas, facérmolas mellor e, por veces, ata en menos tempo. Xa que logo, as TIC pódennos axudar en todos os traballos que desenvolvemos na escola, tanto aos docentes como aos discentes. Precisamos, polo tanto, destas ferramentas para non seguirmos realizando os devanditos traballos como os monxes nos mosteiros na Idade Media. Cómpre traballarmos en cada momento coas ferramentas que a cultura nos proporciona.


As TIC son ferramentas que aumentan a nosa produtividade; permítennos facermos máis cousas, facérmolas mellor e, por veces, ata en menos tempo


Que os nosos alumnos e as nosas alumnas sexan denominados «nativos dixitais» non é suficiente, pois o uso intelixente e eficaz das TIC ten de aprenderse, isto é, non se consegue só a través do xogo coas «maquiniñas»
Finalmente, en terceiro lugar, mais coa mesma importancia, as TIC son importantes polo que supoñen de innovación. Actualmente, a escola precisa da innovación por dúas razóns fundamentais: por unha banda, se considerarmos que contamos con máis dun 30% de fracaso escolar, parece obvio que, de seguirmos facendo as cousas da mesma maneira, imos obter os mesmos resultados; por outra banda, cómpre entender que estamos nunha sociedade que muda continuamente e a escola debe mudar con ela, quere dicir, debe innovar e adaptarse aos cambios.

JP: O dereito da rede para todos é só un mito xa que a realidade amósanos que non todo o mundo está conectado a Internet e ademais non terá posibilidades de facelo a medio prazo. Aquí en Galicia, a chamada «fenda dixital» é moi patente en moitas zonas do rural. De quen é a responsabilidade nesta problemática?

PM: En principio, é o propio Estado quen debe facilitar a convivencia e prover a sociedade dun marco propicio. É dicir, as institucións públicas son as que teñen que fornecer os medios para solucionar calquera inxustiza social. Ademais, no caso que nos ocupa, pode ser relativamente doado.

Neste sentido, as problemáticas que se poden dar son dúas, basicamente: que non chegue o sinal de Internet [ao centro] ou que as familias non teñan cartos para iso.

No primeiro caso, o problema soluciónase con investimentos económicos (conseguir o sinal vía satélite, por exemplo). Ademais, o acceso á información tamén pode beneficiar a propia zona, pois coa mellora das comunicacións poderanse obter réditos económicos e acadar un maior benestar da poboación, evitando así, de vez, o abandono do rural en beneficio das cidades.

A respecto do segundo problema, hai que considerar que o prezo dunha conexión simple e un equipo informático básico é case ridículo. Se houber unha sensibilización por parte dos estamentos políticos, comprobaríase que o custo de organizar un sistema compensatorio para diminuír a «fenda dixital» drasticamente sería moi asumible e factible de desenvolver.

JP: En Galicia comezamos este ano co programa Abalar, como ves ti as propostas que se están a desenvolver desde as institucións educativas?

PM: Eu son optimista. Aplaudo a iniciativa 2.0 que se puxo en marcha hai uns dous anos e aplaudo os ecos que tivo na maior parte das comunidades autónomas. En canto ao seu desenvolvemento en cada unha delas, penso que ten sido dispar. Non obstante, a pegada que está a ter xa nos permitiu darmos un salto para subir un pouco na clasificación da OCDE en relación ao uso das TIC na educación, xa que aínda estamos no «furgón de cola».


O noso alumnado ten de saír da escola, ademais de cuns coñecementos e cuns valores, cun bo manexo das TIC
Por outra parte, espero que se siga neste camiño a pesar da crise; estou convencido de que seguiremos medrando. Eu creo que a sociedade non vai permitir a volta atrás. O noso alumnado ten de saír da escola, ademais de cuns coñecementos e cuns valores, cun bo manexo das TIC.

En conclusión, paréceme moi ben o que se fixo, aínda que se teñan cometido moitos erros; porén, peor sería que non se fixera nada. De cara ao futuro, sigo sendo optimista.

JP: Hai un dato que di que a pesar de que un 80% do profesorado solicitou un curso de novas tecnoloxías ou amosou interese nelas, tan só un 30% manifesta utilizalas na súa aula. A que cres que é debido?

PM: Eu téñoo claro desde hai bastante tempo. Cantos docentes teñen na súa clase un videoproxector? Posiblemente non sexan moitos máis dese 30%. Daquela, poderiamos considerar, con certeza, que o 70% dos docentes deste país non teñen medios na aula. Aínda é necesario acudir á aula de informática, e isto é moi incómodo. De nada serve dar formación, se non se poñen os medios para seguila.

O profesorado que ten na súa aula un taboleiro dixital, se non recibiu unha moi mala formación, emprégao entusiasmado. O mesmo acontece respecto das aulas 2.0, a pesar de que o seu manexo é un pouco máis complexo. Nós aconsellamos que no primeiro ano, un 30% das clases impliquen o uso do portátil, por exemplo, para crear o hábito no profesorado e no alumnado paseniñamente.

En resumo, do meu punto de vista, se o profesorado que recibiu unha formación para o uso das TIC finalmente non as utiliza, quere dicir que na súa aula non ten TIC.

JP: Con que argumentos podemos convencer un profesor ou unha profesora de que utilice as TIC na súa aula? Que consellos lles podemos dar?

PM: Sobre todo, o que temos que intentar é demostrarlle que determinadas maneiras de empregar as TIC lle van facilitar o seu traballo. Coas TIC acontece o mesmo que con calquera máquina; moitas veces a formación respecto do seu uso, se non é adecuada, xera máis problemas ou fai que resulten inadecuadas para certas tarefas, pois non pagaba a pena utilizalas para iso ou provocaban demasiadas dificultades para unha fase de iniciación.

Nas nosas investigacións, que xa se remontan a hai 8 anos, procuramos analizar os resultados da formación recibida polo profesorado para ver onde é que fallan e,deste xeito, proporcionarlles formación complementaria adecuada ás súas necesidades. Nós comezamos por amosarlle ao profesorado algunhas actividades tipo, «modelos didácticos», que sexan sinxelas e teñan moito valor engadido; que sexan eficaces, que faciliten determinadas aprendizaxes; e que sexan eficientes, que non lle dean traballo extra.

Cando o profesorado ve que pode traballar igual e conseguir maior motivación e mellores resultados no seu alumnado facendo as cousas dunha determinada maneira, non precisan de ningún outro argumento para utilizar as TIC, xa lle ven a súa inmensa utilidade. Pode ser o caso, por exemplo, do lector de documentos. Hai profesores que xa non imaxinan traballaren sen el.

O que non podemos facer é comezarmos a formación do profesorado con actividades complicadas, que precisen unha cualificación TIC ou informática notable, por moito que foren moi boas pedagoxicamente, xa que requiren moito tempo e enerxía extra pola súa parte. Desta maneira, se continuarmos a dar esta formación, case de terceiro nivel, nunha fase inicial, estaremos a sementar o fracaso.

Neste sentido, penso que a introdución do profesorado no uso de Moodle, por exemplo, non debería facerse nunca nun nivel de formación básico, pois require un pouco máis de dedicación e provoca que sexan moitos os profesores que non son quen de asimilaren o seu uso, o que implica que, ben nin o apliquen, ben o apliquen con desgana.

JP: Que características pensas ti que debería ter unha práctica docente ou un proxecto educativo baseado nas TIC?

PM: As mesmas que cando realizamos unha práctica sen TIC. No mundo da educación, xa desde a Escola Nova, hai cen anos, temos os principios fundamentais moi claros: traballo central do alumno, motivación, saber facer por riba da memorización… isto debería estar sempre presente en calquera programación, con ou sen as TIC.


Segundo o profesor for descubrindo a eficacia e a eficiencia das TIC, vaise animando a facer pequenas cousas, ampliando o seu repertorio


En resumo, do meu punto de vista, se o profesorado que recibiu unha formación para o uso das TIC finalmente non as utiliza, quere dicir que na súa aula non ten TIC
Despois, hai unha serie de principios que cómpre engadir cando pensamos en ferramentas TIC, que se poden resumir en «empregar as TIC cando realmente acheguen un valor engadido». Se eu pretendo que o alumnado adquira unhas determinadas competencias, teño ante min unha serie de actividades. As TIC amplían o catálogo de actividades que eu podo desenvolver para acadar os meus obxectivos. Trátase de elixir aquelas que acheguen máis dese valor engadido para conseguirmos ditos obxectivos.

Canto maior for a formación nas TIC, máis recursos se abren perante o profesor. Unha vez superada a fase inicial de formación, xa podemos ensinarlle ao profesorado outras actividades máis complexas, como crear material didáctico co taboleiro interactivo, por exemplo. Quen souber facer isto, terá máis posibilidades para lles encargar tarefas aos seus alumnos e ás súas alumnas. Quen souber traballar con wikis terá máis opcións que o que non sabe… Segundo o profesor for descubrindo a eficacia e a eficiencia das TIC, vaise animando a facer pequenas cousas, ampliando o seu repertorio. Despois, a partir do repertorio que as actividades tradicionais e as máis «tecnolóxicas» permiten desenvolver, haberá que decidir, en cada momento, que é o que interesa aplicar.

Para isto é moi importante que as TIC estean sempre á disposición do profesorado na propia aula e que estean «ben postas». Se hai que saír á aula de informática, por exemplo, as cousas complícanse. Ou se hai Internet na aula, mais esta vai moi lenta, quere dicir que non están «ben postas».

Xa que logo, o meu consello é que se as TIC non funcionan adecuadamente é mellor non empregalas.

JP: Ti cres que as TIC axudan ás competencias relacionadas coa alfabetización? Pensas que xa son indispensables como parte do currículum?

PM: Si. Hoxe en día é fundamental que un alumno, cando termina o ensino obrigatorio, sexa un bo xestor do ciberespacio e isto os nativos dixitais non o aprenden sós, simplemente teñen máis doado completar estas competencias co que lles ha de proporcionar a escola: o xuízo crítico na selección da información, a xestión adecuada de Internet…

Sempre que se faga un uso adecuado das TIC, se no centro houber un plan curricular, transversal ou non, onde estea previsto o nivel de desenvolvemento das competencia TIC que o alumnado debe ter en cada ciclo, os obxectivos relacionados coa competencia dixital sempre se poderán acadar máis facilmente.

Por outra parte, é inconcibible hoxe en día un ensino de calidade que non teña moi integradas as TIC no currículum a todos os niveis.

JP: Debe ter o noso alumnado un acceso ilimitado a Internet nas aulas?

PM: Depende da idade. Na Primaria eu sentiríame máis tranquilo cun bo filtro para evitar que os nenos e as nenas se atopen con determinadas cousas da rede.

No Bacharelato, temos de esperar dos nosos alumnos que sexan responsables e que saiban respectar as normas. Eles mesmos débense autoimpor unha disciplina. Porén, a educación non debe refugar de camiñar co alumnado «pola beira do precipicio».

No ciclo da ESO depende de máis factores. Acho que o proxecto curricular do centro e a cultura de centro, en cada caso, deben ser o máis decisivo a respecto disto.

JP: Xa para concluírmos, como ves o cambio do formato papel ao formato electrónico en relación cos recursos educativos?


Un libro de texto en formato dixital ten moito máis valor engadido que un libro de texto en papel. Cómpre considerar que un bo libro dixital vai ter todo o que un bo libro en papel pode ter, mais terá tamén, por exemplo, actividades autocorrixibles, de maneira que o alumnado poderá ser moito máis autónomo e o/a profesor/a aforra traballo á hora de corrixir
PM: Penso que hai de todo. Algúns libros dixitais son puro pdf, outros son o pdf enriquecido e outros son produtos de nova factura.

Por outra parte, un libro de texto en formato dixital ten moito máis valor engadido que un libro de texto en papel. Cómpre considerar que un bo libro dixital vai ter todo o que un bo libro en papel pode ter, mais terá tamén, por exemplo, actividades autocorrixibles, de maneira que o alumnado poderá ser moito máis autónomo e o/a profesor/a aforra traballo á hora de corrixir. Ademais, ten vídeos, animacións, simulacións ou pequenos laboratorios, ligazóns para acceder a información complementaria… todo isto supón un valor engadido inmenso.

Cando o profesor perda o medo e estea acostumado a estar en aulas onde cada alumno ten o seu portátil, decatarase do valor engadido que isto ten. Con todo, estamos nun momento de transición. Ata que o profesor perda ese medo e se decate do valor engadido das TIC tampouco non se debe forzar. Hai que deixar que cada profesor, cada equipo docente ou cada centro decida que estratexia se quere seguir. Porén, penso que a medio ou longo prazo, hase comprobar que as achegas do libro dixital son tan grandes que as cousas deben camiñar necesariamente por esta vía.

JP: Gustarías de concluír esta entrevista cunha frase a modo de resumo do dito ao longo desta conversa?

PM: As TIC poden facilitar moito o proceso de aprendizaxe, sempre que sexan boas e a formación sexa adecuada para poder discernir cando achegan valor engadido.