logo

 

cabecera

CRA Ponteceso


Ivana García Andrade
Sandra Cousillas Dourado
Almudena García Rey
Rosa Mª Barreiro Carujo
CRA Ponteceso

Hoxe, os nenos e nenas da escola están a ordenar a súa biblioteca de aula, e tomaron a decisión de facer unha cadea para elaborar mellor o traballo. Preguntáronme a miña opinión sobre esta decisión e pareceume estupendo… ESTAMOS EDUCANDO.

A toma de decisión por parte dos nenos e nenas de educación infantil e primaria é un pouco a idea de cómo entendemos nós a educación.

Reivindicamos un cambio na denominación do centro no que impartimos clase. Actualmente, denomínase CRA (Colexio Rural Agrupado), e nós propoñemos ERA (Escola Rural Agrupada) porque a palabra ESCOLA ten a beleza do que significa educar. Recordo hai un par de anos, nun Congreso en Barcelona, empregar a palabra ESCOLA para referírmonos a un centro de máis de 1.500 alumnos, porque escola non é o que a súa definición achega senón polo significado que para todos nós representa. Asemade, nós interpretamos a escola como lugar construído por todos, onde todos aprendemos paseniño pero eficazmente TODO.


Nós interpretamos a escola como lugar construído por todos, onde todos aprendemos paseniño pero eficazmente TODO


Entendemos que os nosos nenos e nenas non poden ser, unicamente, receptores de coñecementos, senón que deben ser protagonistas e animadores deste proceso creativo, fomentando o desenvolvemento das súas destrezas emocionais
No noso caso somos sete escolas, cada una nunha parroquia do Concello de Ponteceso na provincia da Coruña, en plena Costa da Morte, afectada por todas as situación que alí se producen e, polo tanto, nas que cada día intentamos dar resposta a todo o que acontece.

Para tal fin, facemos uso da nosa DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas, Oportunidades) e con esta idea, esmiuzamos os cambios que se poidan producir. Entendemos que os nosos nenos e nenas non poden ser, unicamente, receptores de coñecementos, senón que deben ser protagonistas e animadores deste proceso creativo, fomentando o desenvolvemento das súas destrezas emocionais.

Destrezas que recolle Gardner no seu ideario: intelixencia lingüística, lóxico-matemática, espacial, musical, corporal cinética, intrapersonal, interpersonal e naturista; así como as intelectuais a distintos niveis.

Os nosos cativos, futuros membros activos da sociedade precisarán ser curiosos, creativos, con capacidade para traballar en grupos de xeito colaborativo, asertivos, posuír cualidades de liderado, e terán que ser moi críticos co mundo que lles tocará vivir, activos no seu proceso de ensinanza e participativos en todas as súas experiencias de aprendizaxe, tanto grupais como individuais e cunha grande capacidade para enfrontárense aos problemas que se lles presentan, e artellar adecuadas solucións aos mesmos.

ais, se o papel dos nenos e nenas ten que experimentar cambios, o dos mestres e mestras moito máis, xa que supón unha volta de 180º na formulación do noso traballo. O papel do profesorado pasa por: trasmitir paixón pola súa docencia na propia aula, filtrar contidos ou axudar a seleccionar aqueles que máis poidan interesar na práctica diaria, guiar a aprendizaxe dos cativos provomendo retos constantes e adaptados ás necesidades e características dos pequechos, propoñer ferramentas novas e motivadoras para traballar con elas, desenvolver o carácter crítico tanto para o seu traballo como o dos demais, presentar procesos de aprendizaxe complexos, guialos na súa resolución e todo iso «acompañado dunha vitalidade propia dun proceso, necesariamente, práctico.


O noso labor profesional, pasa pola reflexión, a autoavaliación e mellora
Os nosos cativos son de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria e ofertámoslles, neste proceso educativo, Educación Artística, Inglés… pero ademais estamos inmersos en proxectos europeos, axudantías lingüísticas, ferramentas tecnolóxicas de última xeración e participamos en todo aquilo que favorece a aprendizaxe destes pequerrechos. Levamos participado en diferentes proxectos europeos dende o ano 2000, ICT Program-V Programa Marco: CHIMER; Proxecto Minerva: AITMES; varios proxectos Comenius, e un próximo proxecto que está á espera de ser ou non aprobado para a súa realización. Mais a conclusión de todo isto é abrir a nosa mente e os nosos coñecementos cara Europa, á sociedade da información, á innovación permanente na búsqueda constante de metodoloxías e, deste xeito, levar a cabo un traballo profesional.

Poderíamos concluír que a nosa oferta educativa vai encamiñada a posibilitar o uso de todas as ferramentas TIC con metodoloxías diversas, informacións variadas e innovacións educativas..., que axudan a educar os nosos nenos e nenas no presente inmediato preparándoos, asemade, para un futuro de formación persoal e profesional.

O noso labor profesional, pasa pola reflexión, a autoavaliación e mellora, (dende o ano 2005, o noso centro repite «marca» de calidade ISO). Inspección colabora connosco neste proceso de «auditar a ensinanza», compartindo así, unha mesma idea de calidade educativa.

As ferramentas tecnolóxicas fornecen as nosas aulas. Estas foron adquiridas, nun principio, por nós e posteriormente pola administración, estamos referíndonos á PDI ou ordenadores, pero procuramos ter aulas con recursos tecnolóxicos de todo tipo que faciliten o traballo de todos: mestres, país, nais e rapaces. Estamos a falar de tablet, cámaras dixitais, multifuncións…mais todo iso non serve para moito se non hai inquedanzas e innovación nas nosas metodoloxías, e tampouco serve conformarse con facer traballos rutineiros no tempo, senón que temos que estar atentos a todos os cambios que neste e noutros ámbitos, se están a producir. Pensamos que a tecnoloxía cambia a unha velocidade, ás veces, importante; pero non é a tecnoloxía a que cambia senón a vida e sentímonos na obriga de estar pendentes deste fenómeno.


Vivimos na era da inmediatez, os raparigos e raparigas de hoxe en día non están acostumados a esperar e teñen moi pouca tolerancia á demora e a frustración. Por iso debemos ser conscientes do papel que, como educadores, debemos desenvolver potenciando nos nosos pequenos o traballo autónomo, a paciencia e o esforzo por conseguir algo


Estamos convencidos de que é imprescindible que se estableza unha colaboración bidireccional entre as familias e a escola para coñecer a realidade do alumnado, compartir valores e formas de entender a educación
Vivimos na era da inmediatez, onde é moi doado atopar respostas e conseguir o que desexamos moi rapidamente (nun instante podemos saber o que acontece a miles de km e nun intre compramos calquera produto sen necesidade de saír da casa). Os raparigos e raparigas de hoxe en día non están acostumados a esperar e teñen moi pouca tolerancia á demora e a frustración. Por iso debemos ser conscientes do papel que, como educadores, debemos desenvolver potenciando nos nosos pequenos o traballo autónomo, a paciencia e o esforzo por conseguir algo.

As ideas do noso alumnado valorámolas como algo importante no proceso de aprender, fomentando a asertividade: que expresen o que sintan pero sen faltar ao respeto aos compañeiros e compañeiras. Nas nosas aulas a aprendizaxe ten lugar a través da interacción física e social xa que se trata dunha metodoloxía que achega motivación pola tarefa e ademais mellora as habilidades sociais, creando lazos de axuda entre os nosos pequenos. Partimos dos seus intereses e do seu contorno, para que a través de tarefas relacionadas coa vida cotiá vaian progresivamente transferindo e aplicando as aprendizaxes alcanzadas a distintos contextos; que aprendan a aprender.

No noso centro hai moitos frontes abertos, tal e como ocorre na vida. Para nós é moi importante darnos conta do papel das familias na educación, sen a súa colaboración o noso traballo non ten sentido, a potenciación desas familias a través de colaboracións, do seu saber, da súa formación en escolas de pais e nais, de compartir con eles momentos de lecer, forma parte esencial da escola. Por iso a ANPA, dende o seu comezo, é un exemplo de colaboración e saber facer para potenciar a educación no CRA. O traballo colaborativo coa ANPA antóllase como esencial no proceso educativo do centro. Cando comezamos a experimentar no mundo da tecnoloxía, aló polo ano 2000, a colaboración da ANPA, a súa comprensión nun mundo novo para todos, a súa aprendizaxe en común cos fillos e fillas foi para a nosa escola, o que axudou a progresar coa primeira web: www.craescuela.net, na que as familias aprenderon a usar o computador, escribiron contos e gozaron connosco dos nosos éxitos. E, como non podía ser doutra maneira, dos fillos.

Estamos convencidos de que é imprescindible que se estableza unha colaboración bidireccional entre as familias e a escola para coñecer a realidade do alumnado, compartir valores e formas de entender a educación.

Hoxe no mundo da web 2.0 as nosas familias participan na nosa rede social,wwwcraescuelanet.ning.com Comunícanse cos seus fillos por mail, e son quen de aprender na rede: compartimos videos de Punset, Ken Robinson…, participan co portátil viaxeiro( unha semana na aula creando un contido e unha semana rotando polas familias..) O uso do Tablet permite aos nenos aprender outra forma de uso da tecnoloxía, contidos creados co código QR…e todo isto para que? Para aprender a aprender, para facelo motivados, para traballar coas ferramentas do presente que nos guían cara ao futuro, porque non sabemos cal será, o que si sabemos e que temos un futuro moi diferente, acaso unha educación a través do xogo? Acaso terminais persoais onde o neno acade o coñecemento permitíndolle transfomalo e compartilo? Non o sabemos, mais estamos na obriga coma PROFESIONAIS, de conducilos polo camino do futuro, e non facelo por vieiros do pasado e parados no STOP.