Skip to Content

Ed. Primaria

Teatro "Zapping". 4º-5º-6º de Primaria.

Este mércores 31 de xaneiro o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria tivo unha clase de Inglés moi especial. Viaxaron a Pontevedra para desfrutar dunha obra de teatro na lingua extranxeira a través da cal puxeron en práctica as destrezas de escoita e fala interaccionando cos protagonistas da obra.

Como podedes ver premendo nestas imaxes, pasárono moi ben e desfrutaron aprendendo dun xeito diferente.

                                  

O ALUMNADO DE 4º DE PRIMARIA COÑECE A LOITA OLÍMPICA

O Programa XOGADE- Deporte Escolar organizou unha xornada para o alumnado de 4º de primaria coa idea de fomentar o interese pola modalidade olímpica da Loita. O profesorado tivo que formarse no Centro de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, elaborar unha unidade didáctica e levala a cabo nas súas clases. Despois, na mañá do 25 de xaneiro, todo o alumnado de 4º de primaria do CPI Aurelio Marcelino, xunto co alumnado doutros centros educativos de A Estrada xuntouse no Pavillón Municipal de A Estrada para unha demostración das habilidades de loita olímpica adquiridas na súa formación.

Podedes ver algúns dos momentos vividos desta xornada premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

                   

SAÍDA AO MERCADO DE 2º DE PRIMARIA

O pasado 13 de decembro as aulas de segundo de Educación Primaria fomos visitar o mercado de Cuntis. Alí recibíronnos para amosarnos os tres postos que hai: a froiteira ensinounos as súas saborosas froitas e verduras; a peixeira amosounos a varidade de peixes que se mercan e venden; e a carniceira tamén nos mostrou as apetecibles carnes de vaca, porco, ave e coello cos que traballa. Logo fóra do mercado vimos as fotos en branco e negro do noso pasado cuntiense.

Premede nesta imaxe e poderedes ver algún dos momentos tan xeitosos que pasamos coas nosas mestras nesta actividade....

CIENCIA OU MAXIA. EXPERIMENTOS PITEAS PARA A EP

Este pasado venres 1 de decembro tocoulle o turno ao alumnado de terceiro a sexto de primaria de vivir a experiencia da maxia científica. Unha vez máis o profesor de Bioloxía e divulgador científico e colaborador PITEAS, David Ballesteros, comparteu con todos nós os seus experimentos científicos que semellan maxia; da man das súas ensinanzas aprendimos que estudando, curioseando e sobre todo investigando o que nos rodea a ciencia é accesible a todos/as e pode resultar moi divertida.

Premendo nestas imaxes podedes ver algunhas fotos que nos quitaron as/os mestras/es....

    

Teatro "Rubicundo". 3º e 4º de Primaria.

O pasado luns 20 de novembro o alumnado de terceiro e cuarto de primaria asistiu ao teatro de Pontevedra para ver a obra de teatro "Rubicundo" na que desfrutaron cantando e interaccionando coas curiosas personaxes da obra.

A continuación, plano en man, fixeron un percorrido polas prazas máis coñecidas da cidade de Pontevedra seguindo o itinerario que eles/as mesmos/as marcaran previamente. Uns grandes exploradores!

Coma sempre, aquí podedes ver unhas fotos da xornada visitando a nosa galería de imaxes ou premendo nestas fotos....

       

Novas masculinidades e feminidades. Obradoiros de Igualdade.

O alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria participou na xornada do xoves 16 de novembro dunha serie de obradoiros sobre Igualdade de Xénero, "Novas masculinidades e feminidades" impartidos no noso centro en colaboración do Concello de Cuntis. 

A través de contos, historias, debuxos e actividades moi amenas a nosa rapazada traballou e ideou varios lemas de vida para un Mundo da Igualdade onde "todas e todos somos importantes" e onde "todas e todos somos o que queremos ser".

Coma sempre, premede nestas imaxes ou visitade a nosa galería de fotos, e podedes ver algúns dos momentos vividos....

   

Visita a Campiño e Lourizán

O alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria está a desenvolver unha serie de actividades de concienciación medioambiental e coidado dos montes e árbores de Galicia. Unha das actividades que levaron a cabo e que máis impactou ao alumnado nestes días de traballo foi a visita á base aérea contraincendios de O Campiño onde os brigadistas e demáis persoal desta base lles amosou cómo era o seu traballo e como usaban todo o equipamento do que dispoñen para a prevención e extinción de incendios coma os camións motobombas, o helicóptero, os seus traxes, as mangueiras, etc.

A rapazada desfrutou dun día moi divertido e puido comprobar como era a vida e traballo destes profesionais compartindo con eles/as unha xornada de convivencia moi especial.

Podedes botarlle un ollo ás fotos que sacaron os/as mestres/as e coas que seguirán traballando na aula premendo nas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

            

Saída ao teatro "Guillermo Tell". 3º ciclo primaria

O pasado martes 31 de outubro o alumnado de 5º e 6º de primaria asistimos ao concerto didáctico da ópera Gullermo Tell de Gioacchino Rossini. Descubrimos a lenda deste heroe medieval a partires da fantástica adaptación realizada pola Compañía de Comediants A Baldufa.

Podedes ver as fotos premendo nas imaxes ou na nosa galería de fotos.

      

Xornadas de Educación Vial no CPI de Cuntis. Outubro 2017

O pasado mércores 18 e xoves 19 de outubro o alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria participou dunhas Xornadas de Educación Vial realizadas polos axentes da Policía Local de Cuntis en colaboración coa DXT. Os nosos rapaces e rapazas asistiron a unha serie de charlas informativas sobre comportamentos cívicos nas estradas e rúas e seguidamente puxeron en práctica os coñecementos traballados na pista de cars instalada no pavillón do centro.

Premede nestas imaxes e veredes que ben o pasou a nosa rapazada facendo de peóns e a bordo dos cars.

                   

Actividade Fin de Curso do Club de Ciencia

O pasado venres 2 de xuño recibimos a visita no noso centro do Club de Ciencia do IES David Buján de Cambre, integrado por dous docentes, alumnado de 1° e 4° ESO e por varios exalumnos/as “mentores” que na ctualidade cursan a carreira de Bioloxía. Esta actividade de fin de curso para o alumnado do Club de Ciencia de 3º, 5º e 6º de primaria consistiu nunha chea de experimentos espectaculares onde aprenderon un montón e se divertiron facendo novas amizades.

Para ver todas as fotos desta actividade premede nalgunha das seguintes:

          

Distribuir contido


by Dr. Radut