Saltar navegación.
Inicio

Calendario de admisión e matrícula

29/02/2024

Calendario de admisión e matrícula

  • 29 de febreiro: publicación de vacantes
  • 1-20 de marzo: solicitudes de admisión. Podense presentar na secretaría do centro ou ben a través da aplicación de Admisión empregando a CHAVE 365 ou Certificado Dixital.
  • 25 de abril: publicación das listaxes provisionais. 5 días hábiles para posibles reclamacións.
  • 15 de maio: publicación das listaxes definitivas.
  • 20-30 de xuño: matrícula para o alumnado de E. INFANTIL e E. PRIMARIA
  • 23 de xuño - 7 de xullo: matrícula para o alumnado de ESO.

Impreso de admisión en galego
Impreso de admisión en castelán

Excursión luguesa de 4º de ESO

Castro de ViladongaPreme para ver máis fotos

07/06/2024

O pasado luns 6 de maio, o alumnado de 4º da ESO do CPI O Feal realizou unha excursión á casa-museo de Manuel María en Outeiro de Rei e ao Castro de Viladonga en Castro de Rei, Provincia de Lugo. A excursión foi realizada en colaboración do departamento de Lingua galega e literatura e Historia.

Na Casa-Museo de Manuel María foron recibidos por Antón, guía do museo que realizou unha presentación moi animada na que a rapazada tivo que realizar varias dinámicas relacionadas coa obra do autor. Entre poemas e música foron coñecendo particularidades do poeta da posguerra española e da súa xeración.

A continuación, visitaron a casa onde viviu os seus primeiros anos de vida e onde regresaría na súa vida adulta nalgún momento posterior pero xa como visita. Nela descubriron a devoción de Manuel María polos libros aos que dedicou gran cantidade de tempo para encadernalos de novo e colocar fitas de cores como marcapáxinas.

A continuación, viaxaron a Castro de Rei para descubrir, na compaña do equipo arqueolóxico do museo de Viladonga, a cultura e costumes da idade de bronce. Os restos arqueolóxicos da croa do castro, mostran os modos de vida das xentes que habitaron por séculos este lugar e como foi modificando os mesmos co paso do tempo e a influencia romana.

Dentro do museo, a rapazada gozou coa cantidade de obxectos que foron rescatados das excavacións e curiosidades dos mesmos: moedas, fouces, puñais, artellos de cociña...

Finalizaron a xornada cunha merenda na área recreativa de Santa Isabel en Outeiro de Rei, onde descansaron antes de regresar de novo ao centro.

Celebracións do Día do Libro na Biblio de Secundaria

Día do Libro 2024Preme para ver máis fotos

06/05/2024

Este ano 2024, para  celebrar o Día do Libro, a Biblio de Secundaria trouxo a primavera ao Feal.

O noso alumnado e profesorado fixo preciosas rosas de papel para regalar xunto cun libro no posto de Secundaria da Feira do Libro. Pequenos e maiores levaron  para a súa casa unha chea de libros de expurgo da biblioteca xunto coa súa rosa, celebrando así o San Xurxo do Feal.

Por outra banda, o alumnado de Lingua Castelá deu vida á unha árbore cubríndoa con preciosas follas de papel cheas de poemas e frases.

E como xa fixemos o ano pasado, os nosos corredores enchéronse de frases sacadas de grandes obras en galego, castelán, inglés e francés para que o alumnado puidese coller e regalar a quen quixese, xa que, en ocasións, non hai nada mellor que ofrecer que unhas bonitas palabras.

Feira do Libro 2024

30/04/2024

Achegamos un vídeo sobre a tarde de portas abertas da Feira do Libro do Feal 2024, e tamén imaxes da mañá no correspondente álbum da nosa Galería. Como sempre, os postos estaban cheos de boas ideas e foi todo un éxito entre o alumnado e as familias.

 Feira do Libro 2024Preme para ver máis fotos

Terceiro podcast do Son do Feal 2023-2024

Son do Feal - 3º de EP 2023/2024

25/04/2024

A nova entrega do Son do Feal está feita polo alumnado de 3º de Primaria. Contén unha sección sobre Rosalía de Castro e outras sobre diversas actividades realizadas durante o pasado inverno.

Nova visita da escritora Andrea Maceiras

Andrea Maceiras - CPI do Feal 2024Preme para ver máis fotos

16/04/2024

O pasado día 10 de abril o alumnado de 4º ESO recibiu a visita da escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), convidada a través do departamento de galego. Resultou ser unha charla moi entretida na que soubo gañar a confianza e respecto da rapazada de 4º, demostrando ser, ademais dunha prolífica e premiada escritora, unha persoa cunha enerxía moi especial e que sabe chegar ao corazón da mocidade.

Desde un primeiro instante mostrouse dialogante e interesada pola xente nova e as súas inquedanzas. Aínda que viña falar do seu libro O que sei do silencio (2018 Xerais), finalista do premio Raíña Lupa 2017 da Deputación da Coruña, primeiro comezou contando un pequeno conto de fadas que tiña moito que ver co tema do libro: o acoso escolar. Descubrimos, desta maneira, o gusto de Andrea Maceiras polos contos de fadas e o conto tradicional como fonte de transmisión cultural e aprendizaxe.

Despois deste marabilloso relato, sucedeuse unha charla amena e distendida na que se falou sobre o mundo editorial, os motivos que levaron á publicación da obra, os primeiros chanzos na historia literaria de Andrea Maceiras, a figura do acosador ou acosadora pasiva etc.

Finalmente, o alumnado puido botar man dos seus libros para que Andrea Maceiras estampase a súa dedicatoria no mesmo e o departamento de lingua e literatura galegas aproveitou tamén para deixar unha dedicatoria desta visita na biblioteca.

Se tes interese por afondar máis na obra ou na biografía de Andrea Maceiras, visita a súa web: https://andreamaceiras.es/gl/

Dedicatoria de Andrea Maceiras

 

O Feal nas II Xornadas PROA+ celebradas en As Palmas de Gran Canaria

16/04/2024

O CPI do Feal foi un dos dous centros de Galicia seleccionados para participar nas II Xornadas PROA+ en As Palmas de Gran Canaria. A nosa coordinadora da Biblioteca de Infantil e Primaria, Mari Carmen Balado, presentou o noso centro como exemplo de boas prácticas.

Durante as Xornadas, presentáronse proxectos de investigación académica con relatores internacionais acordes cos obxectivos de PROA+, que nós enfocamos cara a un uso didáctico e pedagóxico da biblioteca escolar.

París 2024: odisea na capital gala

París 2024Preme para ver máis fotos

09/04/2024

Un grupo de 26 alumnos de francés de 4º ESO e tres profesoras do centro partiron de Viaxe Cultural a París do 31 de marzo ao 4 de abril.

Nada facía presaxiar que un virus gastrointestinal apuntaríase tamén a viaxar con nós!!. Dez alumnos e dúas profesoras víronse afectados complicándonos bastante a situación e tendo que recorrer ao uso da máscara e ao illamento dos afectados para non contaxiar ao resto do grupo. Tivemos que reorganizar o noso itinerario, pero pouco a pouco a cousa mellorou e todo o grupo puido viaxar o derradeiro día a Disneyland París, o broche final e máxico da viaxe, que conseguiu facernos esquecer as dificultades pasadas.

Vimos menos cousas das previstas pero aprendemos a  afrontar situacións complicadas, o que é un importante aprendizaxe de vida. Dende a distancia lembrarémolo con risas e o que é indubidable é que esta viaxe quedará para sempre no recordo. Agradecementos para os alumnos pola súa colaboración nesta “aventura inesperada” :Vous êtes MAGNIFIQUES!!.

Deixámosvos algunhas imaxes no álbum "París 2024" da nosa galería. Ademais, a nosa alumna Berta Caneiro Albes enviounos unha divertida montaxe en vídeo que xa está no noso canal de YouTube. É posible que máis adiante subamos un vídeo adicional con gravacións horizontais, para que se vexa mellor en televisores u ordenadores.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido