Festas, conmemoracións e saídas

Plan Convivencia

Obradoiro da ONCE con Cris e Carmen

O 3 de Decembro celébrase o día internacional das persoas con discapacidad, Con motivo desta conmemoración e grazas a Cristina e Carmen, da Fundación ONCE, coñecemos de primeira man, como facer para que unha persoa con déficit visual viva o seu día a día do xeito máis normalizado posible.

Carmen ensinounos como manexar o bastón. Cristina indicounos a mellor forma para guiar a estas persoas e a importancia que ten ter todo recollido ou os perigos que se poden atopar na rúa.

Trouxéronnos diferentes elementos que facilitan o día a día, como unha máquina que recoñece as cores, con tan só acercala á cor. Puidemos ulir rotuladores que nos recordan a algo que sexa de esa cor, como o vermello, que ulía a fresa ou o amarelo, que ulía a limón e así, descubren a cor que ten cada rotulador.

Por outra banda, coñecemos a Braille e o alfabeto que el mesmo inventou e grazas ao que a xente con déficit visual pode ler. Para iso, achegáronnos libros, bonecos cos que aprender este alfabeto, un aparello co que poder escribir e mesmo nos agasallaron co nome de cada neno e nena escrito en braille.

Ademais de desfrutar cos contos, xogamos con un lego en braille e con unha pelota con cascabel que lles axuda a tela localizada, grazas ao son que fai.

Antes de marchar, agasalláronnos con un balón hinchable da ONCE e un bolígrafo.

Como recordo do CRA, levaron todo o noso cariño e agradecemento. A nosa coordinadora de convivencia e benestar, fíxolles entrega dunha bolsa co logo do CRA, elaborada de xeito artesanal por unha artista como é "Lupe, artes decorativas", veciña de Vedra e na que se podía ler o nome de cada unha. Ademáis engadimos unha tarxeta de agradecemento que Carmen leu ante a ilusión de todos e todas.

Non nos cansaremos de agradecer a estas amigas a atención, paciencia e cariño co que chegaron a todas as escolas. Grazas mil!!

HOMENAXEANDO A NEIRA VILAS

Un ano máis, en Novembro, quixemos homenaxear ao noso querido Neira Vilas, un amigo que nos visitou nas nosas escolas e a quen visitamos nós tamén.

Este mes sempre é especial, xa que foi cando naceu e tamén no mes que nos despedimos de el. Por iso, sempre facemos algo moi especial para telo presente.

Nesta ocasión decidimos traballar varias das súas poesías e tamén as da súa dona, Anisia Miranda. A continuación, pareceunos ben ilustralas e plasmar a nosa imaxinación en lenzos, para logo facer unha exposición con todos eles e que os puidérades gozar.

Cada escola escolleu a técnica a empregar e como as nosas familias sempre colaboran en canta cousa nos propoñemos, ata houbo mamás artistas que nos axudaron nesta iniciativa.

Como a nosa cabeza non para, quixemos que cos nosos traballos, puidéramos axudar a alguén e deste xeito, puxémonos en contacto cos servizos sociais dos nosos Concellos. Falando coas traballadoras sociais, estiveron de acordo en que lle entregásemos productos non perecedeiros, para poder axudar a algunha familia dos nosos concellos.

Deste xeito durante 2 fins de semana a exposición puido visitarse, primeiro en Gres e logo Lestedo. Cadaquén trouxo o que considerou e o recaudado levámosllo a Boqueixón e Vedra para que llo fixeran chegar a quen consideraran.

Premendo na seguinte imaxe, poderedes ver o proceso desta iniciativa. Pola nosa parte, non podemos estar máis orgullosas, orgullosos e agradecidos/as polo resultado final. 

Unha vez máis, grazas familias pola vosa colaboración!!

 

EXPOSICIÓN SOLIDARIA EN LESTEDO

Este pasado sábado inauguramos a nosa exposición de poemas de Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa, na Fundación Neira Vilas. Esta semana coincide que a Fundación está pechada por vacacións. Poderedes gozar das obras dos nosos/as artistas o sábado 2 e o domingo 3 de decembro, en horario de mañán, no baixo do local do campo da feira, de Lestedo. Agardámosvos!! e lembrade que a entrada é de balde pero convidámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro, que entregaremos aos servizos socias de Boqueixón e Vedra.
Nesta ocasión tamén colabora con nós, a "A.C. Mestre Manuel Gacio", de Lestedo.
Graciñas mil a todos e todas!!

EXPOSICIÓN SOLIDARIA NA FUNDANCIÓN NEIRA VILAS

Chegou Novembro, un mes moi especial, xa que o dedicamos ao escritor que o noso centro leva o seu nome. Nesta ocasión, para conmemoralo, dende o equipo de Normalización Lingüística propuxeron unha actividade ben bonita e solidaria. Puxémonos a ler poesía e cada escola ilustrou en lenzos 2 poemas de "Cantarolas", "Quique na aldea" e "Cantos de sol a sol". Este martes, membros de este equipo, foron ata a Fundación Neira Vilas a preparar a exposición que teredes á vosa disposición este sábado 25, de 15:30 a 19 horas. Como veredes na invitación, a entrada é de balde, pero a modo de entrada solidaria animámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro que logo repartiremos cos servizos sociais de Vedra e Boqueixón. A esposición poderase visitar este sábado e de luns 27 a xoves 30, no horario que aparece nesta publicación.

VISITA FORMATIVA

O pasado 2 de novembro contamos cunha visita moi especial no CRA.

Sandra Mussungo e Nunes Chionga, profesores de Angola do Instituto Superior de Ciencias da Educación de Luanda visitaron dúas das nosas escolas: Sergude e San Fins, pois están a facer unha estadía Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela.

Sandra está a facer un doutoramento sobre as prácticas docentes en formación no rural e por iso desde a Facultade de Ciencias da Educación, a través de Zósimo López Pena, docente de Didáctica da Lingua e da Literatura, decidiron mostrarlle as bondades dos CRAs de Galicia polo que nos visitaron como referente de Calidade de traballo no rural.

Foi todo un placer poder contarlles e amosarlles a nosa metodoloxía e forma de traballar. Quedaron moi contentos e encantados co noso traballo...ata nos invitaron a ir a Angola!!!

CELEBRANDO O SAMAÍN!!

          

 

  Esta semana celebramos o Samaín en todas as escolas do CRA. O Samaín é un festexo de orixe celta co que culmina a tempada das colleitas. Desde as escolas preparamos diferentes actividades:

  • Decoramos as aulas con arañas, bruxas, pantasmas, cabazas...
  • Fixemos merendas terroríficas: tumbas, pantasmas, vasoiras, riquísimas pizzas con formas monstruosas e moitas cousas máis.
  • Lemos contos con temáticas de medo.
  • Preparamos actividades para os diferentes ambientes.
  • Expuxemos as cabazas e vasoiras decoradas na casa.
  • Xogamos coa luz negra creando ambientes terroríficos.

O martes 31 viñemos tod@s disfrazad@s gozando así desta gran festa.

PASABODEGUIÑAS´23

         

Un ano máis, puidemos xuntarnos en San Miguel de Sarandón para celebrar o xa tradicional Pasabodeghiñas. O tempo non nos deixou desfrutar da esencia desta saída, nada máis e nada menos que percorrer os carreiros da aldea de Ximonde e mesmo entrar nas eiras dos veciñ@s, como a do Cabaleiro e a de González, que tan ben nos reciben sempre.

Nesta ocasión foi a Casa da Cultura de Sarandón a que acolleu aos nenos e nenas do CRA e ao alumnado de 2º de Primaria do CPI de Vedra, que se uniron a nós para coñecer un pouco máis de cerca esta nosa tradición e gozar, en primeiro lugar, do contacontos co que nos agasallou o Concello de Vedra da man de Raquel Queizás e que leva por título "Conto me río"..., e tanto que rimos!.

De seguido, foron os xogos populares que a Asociación Cultural San Campio e o Concello de Vedra nos deixaron, os encargados de facernos pasar un rato máis que divertido cos nosos amigos e amigas do CPI de Vedra.

A continuación, a merenda e as castañas foron as protagonistas. Este ano, o profe Antonio, por mor da climatoloxía non puido asalas, e como ben sabemos, Sarandón é unha parroquia na escola e sempre disposta a botar unha man. Nesta ocasión, Chus asounos as castañas na súa panadería, en Sarandón e podémosvos asegurar que estaban deliciosas.

Xa para rematar, fixemos unha representación da queima dos nosos medos con conxuro incluído.

Antes de marchar, alí deixamos as nosas siluetas para decorar o espazo infantil do Pasabodeghas. A nosa idea era estar dalgún xeito presentes nunha festa tan grande e como a temática desta edición era a tradición oral,  acompañamos as siluetas con refráns, cantigas e trabalingüas.

Finalmente, tocou subir aos buses, que tamén nos fai moita ilusión, e marchar para as nosas escolas coa esperanza de que o vindeiro pasabodeghiñas sexa polos camiños da parroquia de San Miguel de Sarandón.

Viva o Pasabodeghiñas!!! Viva o Pasabodeghas!!!....e o millo sen apañar!!!!.

No seguinte vídeo poderedes ver un resumo do que dou de si esta xornada.

Distribuir contido

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Iniciar sesión