Profesoras da EOI de Santiago viaxarán a países europeos para avanzar na innovación e na inclusión no marco do programa Erasmus +

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela conta cunha Acreditación Erasmus + ata o ano 2027 que financia mobilidades do profesorado e do alumnado a países europeos para avanzar na innovación educativa, na dixitalización, na inclusión de todo o alumnado e na internacionalización do centro. No curso das vindeiras semanas e en diversas datas, catro profesoras farán actividades formativas en diferentes países europeos.

Teresa Moralejo, xefa de estudos, viaxará a Berlín para facer un curso sobre avaliación formativa no que aprenderá boas prácticas para axudar ao alumnado a ter control do seu progreso.

Carla Dechant, profesora de inglés e coordinadora de avaliación formativa, relizará un curso en Dublín sobre resiliencia e benestar profesional, o que contribuirá a mellorar a cohesión da comunidade educativa e o clima no centro.

Laurence Guillas, xefa do departamento de francés, participará nunha actividade en Malta sobre o potencial da intelixencia artificial no ensino de idiomas e os retos que o seu uso plantexa.

Matilde Cobas, xefa de estudos da sección de Ordes, viaxará a Budapest para facer unha formación sobre os procesos cerebrais que se poñen en funcionamento cando aprendemos idiomas e as estratexias necesarias para activalos.

Logo das mobilidades, as profesoras compartirán o aprendido durante as súas experiencias Erasmus coa comunidade educativa en diferentes encontros para que esta acreditación teña un impacto sostible.