26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Ven saborear as linguas de Europa!

O día 26 de setembro, como todos os anos, celébrase o Día Europeo das Linguas. Na EOI celebrarémolo con sesións degustación de linguas na central de Vite (bretón, francés, sueco) e Ordes (alemán).

Estas sesións fan parte da programación conxunta que a nosa escola deseñou xunto co Centro de Documentación e Estudos Europeos da USC (CEDE) e o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM).

Segue a ler e consulta toda a programación.

Co fin de fomentar as linguas tamén fóra do ámbito académico, achegando a realidade e os valores da diversidade lingüística e o plurilingüísmo ao corazón da cidade, os tres centros realizarán unha serie de actividades de ensino de linguas e de divulgación do uso de diferentes idiomas na Unión Europea en xeral e en Compostela en particular.

O luns 26 de setembro, ás 20h, terá lugar no salón de actos do Centro Sociocultural O Ensanche unha serie de actividades informativas tituladas "26 de setembro: O Día Europeo das Linguas e o Plurilingüísmo en Compostela". O programa incluirá presentacións sobre as actividades académicas e de divulgación do plurilingüísmo desenvolvidas pola EOI (aulas de idiomas para o alumnado, e palestras e obradoiros de contidos culturais e promoción dos idiomas abertos ao público en xeral) e polo CLM (aulas e tamén actividades de intercambio lingüístico fóra das súas dependencias como o café de linguas na biblioteca universitaria Concepción Arenal e as andainas lingüísticas). Á parte, haberá unha palestra a cargo do persoal do CEDE sobre o plurilingüísmo como realidade social e institucional na Unión Europea.

Todos os actos serán gratuítos e abertos a calquera persoa sen necesidade de inscrición.