Evitar navegación.
Principal

PROXECTA QUÉROTE+, QUE É?

Ola a todas e todos!

Como puidestes observar en anteriores entradas, este ano 2022/2023, estamos a desenvolver no IES o Proxecta Quérote+.

Seguro que moitos e moitas de vós estádesvos a preguntar que é e que significa este proxecto.

En primeiro lugar, destacar que o Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con distintos axentes e organismos, neste caso Quérote+, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que posibiliten a aprendizaxe cooperativa, interdisciplinar e competencial.

Neste noso caso, estamos a desenvolver o Proxecta Quérote+, que ten como obxectivo fundamental promocionar entre o noso alumnado o proceso de crecemento e maduración no ámbito da educación para a convivencia entre os sexos (educación sexual, modelos de amor e de parella, uso das tecnoloxías nas relacións, comunicación…), respondendo aos ODS da Axenda 2030 de saúde e benestar, igualdade de xénero e educación de calidade.

Este proxecto desenvolverase a partir de 8 fichas propostas polos nosos compañeiros e compañeiras de Quérote+. 

Este material, estase desenvolvendo cos nosos alumnos e alumnas de 3º da ESO na hora de titorías, aínda que contamos coa colaboración de varios departamentos, como os de linguas ou bioloxía.

E xa que este traballo interdisciplinar da educación afectiva e sexual empeza a dar os seus froitos… decidimos presentar o seu desenvolvemento á nosa comunidade educativa.

Na primeira ficha, unha das profesionais do equipo de Quérote+ Coruña, veu a presentar o programa.
Nesta sesión, os rapaces e rapazas achegáronse ao recurso de Quérote+, das súas asesorías e a distinta información que tiñan ao seu alcance na web (http://xuventude.xunta.es/querote-mais)

Desta maneira, intentouse conseguir o propósito de que o alumnado entendese e interiorizase a rede de centros da que dispoñen e cal está máis preto.

Unha representación gráfica dunha das sesións…

 

 FICHA 1- PROXECTA QUÉROTE 

Moitas grazas a Quérote+ por achegarnos un pouco máis á súa labor!

Non vos perdades de que ía e que fixemos na ficha 2.