Profesorado

Alumnado

Comezan os traballos para a creación dunha charca no IES

 

 

O alumnado de 1º da ESO comezou os traballos de campo para a creación dun refuxio húmido dentro do instituto. Durante varias xornadas os 5 grupos de alumnas e alumnos de 1º da ESO participaron nos traballos de campo coa ferramenta axeitada para realizar dous buratos que serán a principal área do refuxio húmido.

Álbum de fotografías do proxecto

Durante o curso estes 92 alumnos e alumnas fixeron diferentes traballos para coñecer a biodiversidade próxima e eles mesmos propuxeron diferentes accións para aumentar a biodiversidade do centro. Para conseguilo a proposta máis repetida foi a creación dunha charca, fonte ou estanque. Baseándose nas súas ideas desenvolveus o proxecto Refuxios para crear diferentes áreas que serán o refuxio tanto para biodiversidade como para persoas, dentro da convocatoria ProBleu.

As charcas ou pequenos humidais son espazos de alto valor ecolóxico xa que, ocupando moi pouco espazo, albergan unha grande variedade de formas de vida. Son indispensables como corredores ecolóxicos para numerosas especies (moitas delas en perigo de extinción), funcionan como almacén de auga loitando contra as secas e tamén mitigando as cheas, son sumidoiros de CO2 polo que axudan a loitar contra o cambio climático e ademáis son un espazo de goce e recreación para as persoas. 

Os traballos continuarán ao longo deste curso e tamén do seguinte. Ao longo do mes de maio realizaranse os traballos necesarios para rematar este espazo húmido que no futuro servirá de refuxio a plantas acuáticas, anfibios, aves e invertebrados sendo tamén unha pequena homenaxe á desaparecida Lagoa de Antela. O alumnado de 1º da ESO e tamén as súas familias estarán participando neste proxecto. Tamén contamos co asesoramento e colaboración do centro veciño, IES Cidade de Antioquía, para a creación deste espazo. 

Outra das actividades programadas é a realización dunhas xornadas para profesorado que se celebrarán no noso centro o 1 de xuño e que acollerán a profesoras/es de diferentes centros educativos de Galiza e a Sociedade de Ciencias de Aranzadi (Euskadi) para poñer en común as charcas como recurso educativo. 

Outros dos traballos desta inciativa fan especial fincapé na relación entre Arte e Natureza, dando a coñecer propostas artísticas que exploran esta relación como o Land Art.

Probleu é un programa europeo coordinado polo CSIC e o Institut de Ciències del Mar. Ten como obxectivo impulsar a alfabetización hídrica, un novo concepto que fai fincapé na importancia da educación ambiental ligada á auga como eixo transversal na educación formal. Para facelo, este programa da apoio a unha rede de Escolas Azuis da cal o IES Lagoa de Antela forma parte.