Magosto 2010

O día 17, celebramos o Magosto. O alumnado do TAFAD, coordinado polo seu profesor Antonio Domínguez, organizou un completo programa de xogos que denominou “Gran Prix”. A participación do alumnado foi importante, sendo inversamente proporcional ao nivel no que están matriculados (nos cursos máis baixos, maior participación ; menor, nos cursos máis altos) , aínda que , todo hai que dicilo, bastantes persoas de 1º e 2º de  Bacharelato quixeron participar e  demostrar que aínda seguen en boa forma.
Tamén debemos destacar a colaboración desinteresada de alumnos e alumnas do Instituto, que formaron – para ese día- un grupo de música tradicional con moi bos resultados (grazas ao traballo, como non podía ser doutro xeito). É , ademais, resultou  un grupo  “moi integrador” , xa que hai xente de 1º de ESO (Lucía), de 3º (Laura / Alvar), de PCPI (David) e de 2º de bacharelato (Elsa / Joshua/ Borja).
Por suposto, houbo castañas asadas: Manolo dirixiu a operación e , arredor, houbo xente interesada en aprender e xente axudando, por exemplo, a repartir os orixinais -e resistentes- cucuruchos  (máis de 300) que o grupo de actividades de Papiroflexia (coordinados por Trini) preparou para ese día.
Finalmente, tampouco queremos esquecer a colaboración de Joshua co precioso cartel, nin a do profesorado que exerceu, entre outras funcións, de garda de tráfico na estrada.