2007-2008, Complementarias, Escolares, 2008-09, Extraescolares e complementarias, Propostas por niveis, Informacións diversas, 2009-10, Extraescolares e complementarias, Informacións diversas, Propostas por niveis, 2010-2011

Actividades Extraescolares e Complementarias

As actividades Complementarias e Extraescolares representan, no María Soliño, un apartado importante dentro do proxecto educativo e por iso teñen un peso significativo na programación ao longo do curso.

O obxectivo fundamental destas actividades é potenciar a educación integral do alumnado tanto no ámbito académico como no de desenvolvemento duns determinados valores persoais de traballo, respecto, tolerancia e compañeirismo.

Estas actividades deben ser na súa maioría formativas, sociais, culturais, lúdicas, nalgúns casos, e en maior ou menor grao, interdisciplinares e globalizadoras, que permitan conectar a vida do Centro coas diversas materias e a vida real do noso contorno.

En cada nivel pódense ver as actividades que propoñen para realizar neste curso os distintos departamentos. Irase completando a información a medida que se vaian realizando as actividades

Intercambio Nantes II

 Durante unha semana do15 ao 25 de maio, o alumnado de francés de 2º da ESO dos IES María Soliño e Monte Carrasco de Cangas foi recibido polo alumnado da sección europea de español do Collège Aristide Briand de Nantes. Durante a súa estadía de inmersión lingüística en francés conviviron coas familias dos seus corresponsais, asistiron a clases e participaron en diversas actividades formativas e culturais. O programa foi intensivo: recepción no instituto, visita a Clisson, aos viñedos da denominación de orixe “Muscadet” con degustación de mosto, recepción no Concello de Nantes, visita das instalacións do grupo de teatro de rúa “Royal de Luxe” e as súas “Machines de l’île”, visita da cidade, paseo fluvial polo río Erdre, visita do castelo dos Duques de Bretaña e xogo de pistas sobre Xulio Verne pola cidade. A experiencia resultou moi positiva e o alumnado desenrolou considerablemente a súa competencia lingüística en francés. Esta viaxe era a segunda parte do intercambio entre os centros: os franceses visitárannos a finais de abril e nas dúas ocasións o bo tempo acompañóunos.

Visita a Galería de fotos.

PROXECTOTERRA: INTERCAMBIO TERRITORIAL

CAMIÑO DE SANTIAGO DO CEBREIRO A SAMOS

PROGRAMA 2010-2011

    A comezos do mes de abril, os días 8 e 9, alumnos de 3º ESO participaron nunha actividade organizada polo Departamento de Xeografía e Historia, para analizar a paisaxe e a transformación da mesma polo home, nun tramo do Camiño de Santiago (Cebreiro-Samos).

    Durante estas xornadas alumnado e profesores asistiron a diversas actividades (traballo nun tear, funcionamento dun muíño etc) así coma a visita a unha palloza, exemplo de arquitectura popular da zona, e ao mosteiro de Samos.

Nutrición e saúde

 

Nutrición e saúde

Os alumnos de 4º de PDC dentro dos contidos da materia “Ámbito Científico” estiveron traballando durante case un mes, para realizar un completo traballo sobre a Nutrición Humana relacionándoa coa saúde, tan importantes ambas as dúas durante toda a vida dunha persoa, e facendo fincapé nestas idades do alumnado, que son fundamentais para previr tan en aumento obesidade infantil, ou futuras obesidades.

O tema tratouse dende distintos puntos de vista: comezando polas funcións dos seres vivos e concretamente a función de nutrición, os aparatos que interveñen, os principios inmediatos ou biomoléculas tanto orgánicos coma inorgánicos e o seu aporte calórico, pasando por chegar a coñecer os alimentos que se debe aportar nunha dieta equilibrada, e os distintos parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde  (O.M.S.) como son a relación entre altura, peso, idade, sexo… que nos proporcionan o Índice de Masa Corporal (I.M.C.), a Porcentaxe de Graxa Corporal (P.G.C.) o Metabolismo Basal (M.B.) o Subministro Enerxético Diario (S.E.D.) entre outros…

Rematouse coas principais enfermidades e afeccións da nutrición, moitas outras ademais das coñecidas anorexia e bulimia e unas frases relacionadas co tema en cuestión.

Na parte práctica, chegáronse a calcular aproximadamente entre 75-80 casos dos citados parámetros, informando persoalmente e por escrito a cada unha das persoas do alumnado e profesorado que se prestaron voluntarias para coñecer a súa relación Nutrición/Saúde, chegando á conclusión  nalgún destes casos, de que realmente hai que coidarse dende unha idade temperá, porque realmente…

“SOMOS O QUE COMEMOS” 

Actividades xaneiro-febreiro 2011

Comezamos o ano 2011 cunhas sesións de contacontos . Estas sesións estiveron organizadas pola Biblioteca coa colaboración dun grupo de alumnas de Literatura Universal de 2º de Bacharelato.
“Hai uns días, un grupo de alumnas xuntámonos na Biblioteca para contar contos de As mil e unha noites e do Decameron.Foron dous días e, aínda que, ao principio non estabamos moi convencidas, finalmente resultounos unha boa experiencia e, sen dúbida, eu volvería repetir. O público foi excelente, moi respectuoso, o que axudou a que poidésemos desenvolver os contos máis facilmente. As sesións fixéronse curtas xa que, como era a primeira vez, estabamos nerviosas e queríamos acabar canto antes, pero, estou segura de que se repetísemos, faríamolo doutra maneira, gozando máis dos contos e facendo que o público os vivise máis.
Por todo isto, eu recomendaría a todo o mundo que probase a experiencia de contar contos a outras persoas e a quen non se atreva, que vaia a escoitalos, porque pásase un bo rato e seguro que quedan gañas de repetir. Hai intencións de organizar máis sesións de contacontos, só faltan persoas voluntarias. Animádevos!”  Sandra V.
 
Con motivo do Día da Paz,fíxose un acto conmemorativo no Instituto. Colaborou moita xente: Montse  fixo a tradución ao galego dos textos das cancións (Imagine / Geave Peace a Change);as alumnas e alumnos  de 4ºA e 4ºB que sempre colaboran na elaboración dos carteis, traballaron duramente; o profesorado que lles permitiu rematar os carteis; o alumnado de 3º de Drama representou unhas esceas alusivas ao tema; Pedro Pablo dirixiu a posta en escea do acto; o alumnado de francés ensaiou – e cantou con entusiasmo- o lema en francés; o grupo de actividades de Papiroflexia fixo un feixe de pombas nas que , ademais, puxo palabras propias para expresar a súa idea da Paz; un grupo de alumnas de 1º de Artes repartiu as pombas para que poidesen “soltarse” ao final; grupos de voluntari@s repartiron os textos das cancións coas traducións ao galego; profesorado e alumnado que cantou e berrou os lemas...Colaborou moita xente.
 
A semana so 31 de xaneiro ao 4 de febreiro, Juan Molina, alumno de Artes que gañou o premio do Salón do Cómic que organiza o Concello, expuxo algúns dos seus debuxos na cúpula. Despertaron o interese de moitos alumnos e alumnas. Felicidades!
 
O xoves , día 3, o grupo  Teatrapa teatro da Asociación Juan XXIII presentou no centro a obra “Os desexos de verdade”. Foi durante o recreo e, o Salón de Actos tivo un cheo impresionante. Foi un gran éxito para o grupo. 
Ademais, durante toda a mañá tiveron un expositor coas obras que realizan con material reciclado. Esta exposición tamén  gustou moito.
 
Seguen as charlas para o alumnado de 2º de Bacharelato a cargo de exalumn@s. Iniciou a serie, en xaneiro, Elías Portela. O pasado luns, Evelyn Gandón, contou a súa traxectoria dende que deixara o Instituto, no ano 2003. O próximo luns, 14, será Ana Álvarez a encargada de orientar dende a súa experiencia persoal.

Actividades fin de trimestre 2010

NOVEMBRO 

VISITA Á SEMANA DA CIENCIA
Organizada polo Departamento de Tecnoloxía o 15 de novembro de 2010, alumnos/as de 1º C e 2º B de bacharelato realizaron unha visita á SEMANA DA CIENCIA na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas de Vigo na que se pretendía achegar o alumnado de Tecnoloxía Industrial  aos programas I+D+I (Investigación + Desenvolvemento + Innovación ) da Universidade en colaboración co tecido industrial do país. As actividades previstas consistiron fundamentalmente na realización de ensaios de dureza de materiais, novos materiais (deseños plásticos), enerxías renovables (biomasa), tecnoloxía de explosivos (simulación), levantamento tridimensional (láser 3D), emprego de cámara termográfica, etc.
A saída didáctica estivo supervisada pola xefa do Departamento de Tecnoloxía Sela Ares, epola profesora de Matemáticas Arancha Vega.

O día 25 de novembro, chegou ao noso centro A Tropa de Trapo, unha compañía de  contacontos  formada por dúas personas que misturan contos e música. Chegou ao noso centro a través de Benestar Social do Concello de Cangas que accedeu á nosa petición  como xeito de celebrar o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
O alumnado de 1º de bacharelato e  4º de Diversificación  gozou dun espectáculo sinxelo na posta en escea e, á vez, dunha grande intensidade: contos sinxelos, historias cotiás cun importante fondo para a reflexión. Gustounos moitísimo.


DECEMBRO
A  recta final do Trimestre  estivo marcada polas actividades organizadas polo Departamento de Educación Física, o Departamento de Galego e o de Música.

Na semana do 13 ao 17, o alumnado de 1º de TAFAD amenizou os recreos con explicacións de técnicas básicas e exhibicións  de diferentes deportes na ágora. Tiveron un gran seguimento por parte do resto do alumnado. Gustaron especialmente as sesións do xoves e venres.


O Departamento de Galego organizou unha serie de actividades  como  Homenaxe a Rosalía no 125 aniversario da súa morte. Nestas actividades colaboraron  Normalización Lingüística, o Departamento de Música e a Biblioteca.

O día 20, Conferencia  sobre Rosalía de Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña, para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato,  

O martes 21, na ágora, alumnado e profesorado, escolleron e  “tenderon” poemas de Rosalía  , acompañados polas notas da Orquestra de 1º de Bacharelato.

O alumnado da Eso asistiu a un recital poético que , con textos de Rosalía, preparou e dirixiu Pedro Pablo, no que participaron un gran número de alumnas e alumnos do centro.

Contacontos

Non hai testemuño gráfico, pero o alumnado de 1º de bacharelato e de 4º de Diversificación gozou dunha  sesión de contacontos (que gustou moitísimo), a cargo do grupo “A tropa de trapo”. Esta actividade  chegou ao noso Instituto ofertada polo centro de Benestar Social do Concello de Cangas, o día 25 de novembro con motivo da celebración do día contra a Violencia de xénero.

Magosto 2010

O día 17, celebramos o Magosto. O alumnado do TAFAD, coordinado polo seu profesor Antonio Domínguez, organizou un completo programa de xogos que denominou “Gran Prix”. A participación do alumnado foi importante, sendo inversamente proporcional ao nivel no que están matriculados (nos cursos máis baixos, maior participación ; menor, nos cursos máis altos) , aínda que , todo hai que dicilo, bastantes persoas de 1º e 2º de  Bacharelato quixeron participar e  demostrar que aínda seguen en boa forma.
Tamén debemos destacar a colaboración desinteresada de alumnos e alumnas do Instituto, que formaron – para ese día- un grupo de música tradicional con moi bos resultados (grazas ao traballo, como non podía ser doutro xeito). É , ademais, resultou  un grupo  “moi integrador” , xa que hai xente de 1º de ESO (Lucía), de 3º (Laura / Alvar), de PCPI (David) e de 2º de bacharelato (Elsa / Joshua/ Borja).
Por suposto, houbo castañas asadas: Manolo dirixiu a operación e , arredor, houbo xente interesada en aprender e xente axudando, por exemplo, a repartir os orixinais -e resistentes- cucuruchos  (máis de 300) que o grupo de actividades de Papiroflexia (coordinados por Trini) preparou para ese día.
Finalmente, tampouco queremos esquecer a colaboración de Joshua co precioso cartel, nin a do profesorado que exerceu, entre outras funcións, de garda de tráfico na estrada.

Premio Arcebispo Xelmírez

O día 9, o noso centro estivo representado  por dous ex-alumnos (Nicolás Martínez Millán e Laura Piñeiro Pais) na entrega dos premios  da XV Edición do premio literario Arcebispo Xelmírez organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O noso Instituto ven colaborando neste interesante proxecto coa participación de alumnado dende o curso 2008-2009.  A colaboración consiste na actuación como xurado (xunto con alumnado doutros centros) dos premios de narrativa e ensaio. Para iso, é preciso ler os libros que a organización seleccione, e , logo, acudir a unha xuntanza na que se expón a opinión persoal sobre as lecturas. Finalmente, os alumnos e alumnas que actuaron como xurado, fan a entrega aos premiados (que sempre son autores de gran prestixio) e acuden a unha cea cos mesmos.  

Samaín

No mes de novembro houbo moito movemento no noso centro: abriuse o mes coa celebración do Samaín, nun intento de recuperar tradicións e valoralas. Traballouse, coa axuda de Valentina, na comparación entre o noso Samaín  e o famoso Halloween.  Houbo chulas  (ben ricas) e  houbo ambientación a cargo do alumnado de 4º de Diversificación liderado polo seu profesor de ámbito científico, Pablo. Tamén houbo concurso de calacus, aínda  que non  se presentaron demasiados, a verdade. A ver se o ano que ben nos animamos máis!

Distribuir contido