2007-2008, Complementarias, Escolares, 2008-09, Extraescolares e complementarias, Propostas por niveis, Informacións diversas, 2009-10, Extraescolares e complementarias, Informacións diversas, Propostas por niveis, 2010-2011

Translatio

O alumnado de 3º  da ESO que tomou parte no programa Translatio tivo ocasión de pasar catro días, do 25 ao 28 de xaneiro, carregados de actividades con centro no canpamento da Praia das Sinas de Vilanova de Arousa, compartindo comedor, aseos e dormitorio co alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada. Navegaron no pesqueiro "Chasula" pola ría de Arousa entre bateas e marisqueo á vara, percorreron a Illa a pé e Cambados en bici, competiron nos xogos xacobeos e conquistaron Pontecesures á bordo dun drakar viquingo, desafiando ao xélido vento que sopraba do nordés. Podes seguir tamén parte do seu periplo na información aparecida no Faro de Vigo.

Os mundos de Carlos Casares

Cedida pola Fundación Carlos Casares tivemos entre nós, do 11 ao 18 de xaneiro, a exposición Os mundo de Casares, na que se ilustran aspectos da súa vida, obra e actividade pública. Os mundos de Casares é unha fiestra pola que asomamos ao home, ao escritor, ao editor, ao político e ao académico que, durante case unha década, foi profesor do Instituto de Bacharelato de Cangas e veciño desta vila.

Visita do bacharelato de Artes de Burela

O pasado 14 de xaneiro recibimos a visita de alumnado e profesorado do bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela. A finalidade da visita era coñecer as nosas instalacións, intercambiar experiencias e, sobre todo, poñer en marcha unha posible celebración conmemorativa do 10º aniversario do Bacharelato de Artes en Galicia cun proxecto conxunto dos 13 centros galegos nos que se imparte esta modalidade.

A visita foi calificada de positiva por ambas partes, agardando incrementar os contactos no futuro. 

Terceiro concurso de microrrelatos

O luns 21 de decembro fíxose entrega, nun acto no que participou todo o alumnado do centro, dos premios do 3º Concurso de Microrrelatos. Podedes consultar os autores e os textos gañadores no seguinte enlace.

 

 

Xornada deportiva

O 21 de decembro celebrouse unha xornada deportiva coa participación dos alumnos/as da ESO do IES María Soliño e do IES Montecarrasco. A competición en diversas modalidades deportivas (baloncesto, voleibol, futbol sala) tiña por escenario o pavillón do noso centro, mais por mor da situación climatolóxica houbo que trasladarse ao pavillón do centro veciño.

Viaxe a Porto

Os días 22 e 23 de novembro alumnos/as de Fundamentos do Deseño (2º bach. de artes) desprazáronse a Porto na compaña do seu profesor, Alberto Pena, á Fundación Serralbes a a Casa da Música... Achegáronse á arquitectura tradicional e moderna a través do seu periplo pola cidade, no que non faltou a visita á unha adega de viño do Porto.

Obradoiro de Robótica

O 17 de novembro alumnos/as de primeiro da ESO achegáronse en Vigo á E.T.S.E. e Telecomunicacións para realizar a montaxe dun robot co material fornecido pola Escola. Foi unha experiencia impactante xa que todos os cambios experimentados gardábanse na memoria do robot. Os alumnos/as non querían marchar diante de tal experimento.

Ser lingua non é fácil

Do 09 ao 20 de novembro puidemos contemplar na Ágora a exposición "Ser lingua non é fácil". Mediante a observación dos paneis o alumnado puido decatarse da funcionalidade das linguas e da súa relación con condicionamentos sociais, políticos e económicos. A reflexión abrangeu tamén aos momentos críticos que ao longo da historia sufriron linguas como o inglés, francés, portugués, italiano... Hoxe todas elas linguas normailzadas.                                                                                        

Exposición "Érase una vez la vida"

O 29 de outubro, alumnado de distintos niveis visitou en Vigo a exposición "Érase una vez la Vida". Foi unha experiencia inesquecible e impactante, onde mediante a observación de máis de 100 órganos individuais e 10 corpos completos, fixeron unha viaxe apaixonante polo interior do corpo humano. Unha mirada real baixo a nosa pel.

Representación teatral no auditorio

Alumnado de 3º ESO e Dramatización, o 10 de novembro, foi ao auditorio de Cangas para asistir a unha representación teatral "Atra bile", organizada pola concellería de Cultura e Educación do Concello de Cangas co obxectivo de achegar o teatro aos máis novos. Representada polo Grupo de Teatro Ningures, a trama desenvólvese ao redor dun velorio no que a interpretación dos protagonistas engaiolou ao público asistente.

Distribuir contido