Noticias sobre o Comenius na prensa.

Xornalistas noveles de Ordes poñen rostro a cultura galega para Europa

08/05/2010

Estudan 3º e 4º da ESO no IES Maruxa Mallo de Ordes e xa entrevistaron ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; ao conselleiro de Educación, Javier Vázquez; ao director do Instituto de Medicina Legal, Ángel Carracedo; ao presentador do Luar, Xosé Ramón Gayoso; ao cardiólogo Alberto Bouzas; á gaiteira Susana Seivana, ou ao escritor Suso de Toro. Son sete dos nove persoaxes a través dos que queren describir a cultura galega para os seus compañeiros de Polonia e Lituania, onde outros dous institutos participan xunto ao galego nun programa da Unión Europea que ten por obxectivo mellorar as destrezas dos alumnos en inglés e novas tecnoloxías.

Os mozos de Ordes obtiveron unha­ subvención europea cunha dotación de 20.000 euros para o seu proxecto, ademais de axudas do concello e de varios empresarios locais. Con iso puideron viaxar a Lituania e pronto o farán tamén a Polonia, a onde levarán transcritas, en galego e inglés, e editadas en audio as entrevistas que estiveron facendo este trimestre para dar a coñecer a sociedade galega en Europa. O seu traballo tamén poderá consultarse, cando remate o curso e grazas ao programa E-journal –un Youtube a menor escala–, na páxina web do seu centro escolar.

O seu contacto co mundo do xornalismo foi do máis productivo. Isabel Mato, coordinadora deste proxecto, que leva por título Comenius­, comenta que fixeron unha selección de dez personaxes relevantes e que todos, agás un, se prestaron encantados. Queda pendente algún outro, como Luis Tosar, co que non saben se poderán falar por cuestións de axenda. De momento, a mestra explica que melloraron as súas habilidades de comunicación, co inglés e a súa desenvoltura á hora de relacionarse con outras culturas.

Tamén conservan anécdotas. A do cativo que non puidera entrevistar a Touriño na campaña electoral e que o fixo agora e as das rapazas que se aventuraron, con algo de medo, a formular ao conselleiro Vázquez cinco preguntas sobre o decreto do galego. Contestóullelas todas.

Da experiencia poida que non saia ningún reporteiro, pero seguro que resultará algún médico. As súas entrevistas estaban tan preparadas que ata Carracedo lles contou que “lle dan mil voltas aos xornalistas”.