O pasado mércores tivo lugar a inauguración da Biblioteca para o novo alumnado de 1º ESO. De maneira simbólica, un alumno cortou a cinta que nos permitiu entrar neste espazo de encontro coa lectura. Logo de atender ás explicacións de como se organizan os libros e de facer algún exercicio de busca, o alumnado foi agasallado cunha pequena festa, na que non faltou o tradicional chocolate con churros. O equipo da Biblio só desexa que, a partir de agora, os alumnos e alumnas veñan con frecuencia para desfrutar de todo o material que ofrece. ÁLBUM COAS IMAXES DO ACTO |
|||
Prezadas familias: Este ano, como os pasados, poden vostedes asociarse á ANPA do IES Nº1. É sumamente aconsellable, xa que obterán descontos nas saídas extraescolares dos seus fillos e fillas ao longo de todo o curso, á parte de estaren informados puntualmente das actividades que se organizan para as familias. |
|||
Remata o prazo o 30 de setembro. |
|||
Folleto informativo 2022 no arquivo adxunto |
|||
|
|||
A relación de libros de texto para a ESO no curso 2022-2023 pode descargarse premendo nas ligazóns de cada curso. Os de 1º e 3º de ESO son novos, adaptados ao currículo LOMLOE. Isto implica que o centro xa non dispón de libros en préstamo do seu fondo para estes cursos. En 1º e 2º de ESO moitas materias traballarán con E-Dixgal, polo que non traballarán con libro de texto físico. NON MERQUEN ningún libro ata o inicio de curso, en que o alumnado recibirá as instrucións de cada profesor/a. |
|||
|
|||
O club de lectura retomou neste curso unha actividade xa tradicional no noso centro: a festa no Recreo Cultural! Todos os que participastes, ao longo do curso, desas lecturas que nos fan nómades, que nos permiten viaxar por lugares e tempos... sen saírmos da casa, puidestes desfrutar dun día extraordinario grazas a Catro elefantes, grazas a Andrea e Julio, que desde o primeiro momento souberon atraparvos cunha volta aos libros deste ano, e foron tecendo e destecendo actividades, xogos para todos e todas vós. O día foi intenso: andaina, xogos de preguntas e respostas, xogos de pistas, sopas de letras... e a procura do acougo coas acuarelas. E despois, mergullarse nas piscinas, o xantar cos amigos e amigas, e os agasallos que as coordinadoras do club escolleron para cada un e cada unha de vós. Agora toca descansar, encherse da enerxía do sol e do verán... e vir con forzas renovadas para enfrontar o novo curso. Vémonos pronto... que as profes xa andan argallando novas lecturas para o próximo ano! |
|||
Neste curso, o IES Nº1 comezou cunha actividade nos recreos para animar os mozos e mozas a iniciarse no mundo do xadrez. Todos sabemos das vantaxes deste deporte: mellora a concentración, o pensamento lóxico e a creatividade. Pero tamén axuda a mellorar a autoestima, a gañar confianza, a superar problemas de comunicación... e mesmo parece que axuda a mellorar o rendemento académico. Pero tal vez o xadrez consegue habilidades máis importantes no ser humano: favorece a empatía e o respecto entre os rapaces e rapazas. Así que no IES Nº 1 non podemos estar máis que satisfeitos por ser quen de ofrecer aos nosos alumnos e alumnas esta oportunidade de participaren, de forma totalmente gratuíta, nesta interesante actividade. Moitas grazas a Roberto, o profesor que nos acompañou nesta andaina, e agardamos vernos de novo o próximo curso. Entre tanto, aí tedes as imaxes do torneo que organizou os últimos días. Parabéns aos gañadores e, sobre todo, a todos os que participastes con entusiasmo. |
|||
Rematou o curso, e logo dese longo camiño percorrido, quixemos poñer o ramo cun camiño moito máis breve, cunha fermosa andaina desde o Xirimbao até a Praia fluvial de Pontevea. As imaxes dan conta de que foi unha idea feliz: os rostros alegres anainándovos na ponte colgante, os risos que se adiviñan nas vosas facianas, o rumor do río e o troupelear nas pedras puxeron o punto e final a este curso. Formades parte da comunidade do IES Nº1: estamos orgullosos e orgullosas de contar con vós. Moitas grazas pola vosa actitude nese día de despedida! |
|||
O pasado xoves, 16 de xuño, un grupo de alumnas e alumnos do IES nº 1 acompañáronnos ata a Capela Real, no Hostal dos Reis Católicos, para representar ao centro na presentación do libro de Xosé Luna, A mar, amar. Alí, nese lugar máxico e sobrecolledor, (onde, por certo, foi bautizada Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 1837) recitáronse algúns poemas do autor, coa particiación de diversos centros educativos da Estrada, entre os que se incluía o noso IES. Aquí deixamos algunhas imaxes do acto, e o enlace á noticia do Correo galego. |
|||
Se pican no correspondente enlace, poderán consultar e descargar a información necesaria para a matriculación dos seus fillos e fillas neste próximo curso, así como os impresos necesarios que deberán traer cubertos. |
|||
Agora que chega o desexado verán, non se nos ocorre mellor plan que descansar e deixarte levar pola maxia dos libros. Pica neste enlace e seguro que atopas algo entre todo este feixe de recomendacións lectoras que argallaron para vós as coordinadoras da Bibliotecas dos tres IES da Estrada. Veña, anímate e pasa pola Biblio para encheres a mochila de lecturas! |
|||
Se premen no enlace, poderán consultar o calendario resumo de fin de curso: |
|||
DINAMIZATV é un proxecto de colaboración entre a concellería de educación do Concello da Estrada e a agrupación Dinamizaestrada, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego no audiovisual. O proxecto consiste na gravación, e posterior emisión, dun NOTICIEIRO por parte de cada centro educativo do concello. Neste primeiro ano, cheo de dúbidas para todos os participantes, chegou o momento de presentar os primeiros resultados. Nesta ligazón podedes acceder á PLAY LIST onde se irán engadindo os vídeos dos centros educativos, que se irán publicando nestes días, facendo a estrea de cada vídeo novo, ás 12h: Maio: 20 - 23 - 25 - 27 - 30 |
|||
A Orde do 29 de maio de 2022 (DOG do 18 de maio de 2022) regula o procedemento para solicitar os LIBROS DO FONDO SOLIDARIO E AS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
Orde DOG Mércores, 18 de maio de 2022 (xunta.gal)
1. O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o 19/05/2022 ata o 22/06/2022, ambos os dous inclusive.
|
|||
Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022, versión do 20/05/2002. https://www.edu.xunta.gal/portal/node/37051
|
|||
Todas as solicitudes presentadas para o curso 22-23 foron admitidas. Dende o 31 de marzo poden consultarse no taboleiro do centro a listaxe de reservas admitidas e a listaxe provisional de solicitudes de admisión admitidas.
|
|||
Por fin o Correlingua recuperou o formato presencial, e os nosos alumnos e alumnas puideron corricar pola Estrada enarborando a bandeira do orgullo pola lingua. Foron 9 os centros participantes, entre primaria e secundaria, e xuntáronse máis de 1300 estudantes, fachendosos do galego, o idioma dos nosos devanceiros que cómpre, máis que nunca, reivindicar. Sigamos a estela de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta das Letras deste ano, respectuoso co patrimonio cultural que os seus pais lle inculcaran. Porque el, que se criou na súa aldea natal, Córgomo, pero tamén fóra, e que logo se viu obrigado a exiliarse en México, sempre mantivo o amor pola terra e polo idioma. E aquí podedes observar as imaxes da festa, da festa pola lingua!
|
|||
A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral. Baixo o lema O verán que queres contar, a Campaña de Verán de 2022 da Xunta de Galicia recupera a normalidade tras a Covid-19 e oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:
|
|||
O pasado sábado a alumna de 4º de ESO Hiba Lajouad Dyani veu de gañar con este vídeo o concurso de videopoemas organizado pola Casa-Museo Manuel María, que vai xa pola V edición. O xurado seleccionou o seu traballo para a fase finalista de entre máis de 80 presentados, que representaban a alumnado de ESO, bacharelato e ciclos de centros de toda Galiza. A xornada final, que se celebrou este sábado, comezou ás 11 horas co visionado dos videopoemas finalistas e finalizou coa entrega dos premios aos dous traballos gañadores, entre o que se atopaba o da nosa alumna Hiba. O acto foi moi emocionante, e para nós rematou do mellor xeito posible. Ademais, as persoas asistentes a esta actividade tivemos a posibilidade de facer unha visita guiada á Casa-Museo e descubrir a figura de Manuel María e o seu acervo.
Así que o IES Nº1 agradece, unha vez máis, o traballo do noso alumnado e anima a todos e todas a seguir potenciando o seu talento. E neste enlace podedes ver tamén o outro traballo gañador, dunha alumna do CPI de Xanceda: (40) Parte miña - YouTube
|
|||
O 28 e 29 de abril o alumnado de 2º de ESO participou no INTERCAMBIO COUREL-CAÑÓN DO SIL dentro das actividades complementarias da materia de Paisaxe e Sustentabilidade, grazas ao patrocinio do PROXECTO TERRA, co que colaboramos. O xoves 28 visitamos o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico de Quiroga, e xa á tardiña fixemos o roteiro cara á Lagoa de Lucenza - Fervenza de Vieiros. O venres 29 disfrutamos dunha visita guiada ao Mirador de Campodola e á Alvariza da Granxa en Santa Eufemia e achegámonos ata a falla de Santa Eufemia, singular punto de interese do Xeoparque. Pola tarde, dirixímonos á Ribeira Sacra, ao embarcadoiro de Doade, para percorrer o Canón do Sil en catamarán. Unha excursión estupenda que o alumnado disfrutou!!! Agradecemos especialmente o labor de Guillermo e Iván, os dous magníficos guías de COUROLEANDO. Con eles aprendimos as singularidades do noso territorio, disfrutamos desa contorna con magníficas paisaxes e pasamos uns agradables momentos, combinando o lecer coa aprendizaxe.
|
|||
Este martes tocou saída para o alumnado de 1º de ESO. As aulas trasladáronse á cidade de Santiago de Compostela, e alí, con guías especializados, fixeron un curso intensivo de ciencias naturais, de historia e de galego. Comezaron no Museo de Historia Natural, onde aprenderon a valorar a biodiversidade, a entender os perigos do cambio climático e a recoñecer o xénero e a especie dos distintos animais. Foron dúas horas que pasaron rapidamente, porque as actividades eran moi didácticas e o museo preséntao todo dunha maneira tan visual, que as explicacións entraban "polos ollos". E o comportamento do alumnado... fantástico!
De aí marchamos a pé cara ao Museo do Pobo Galego (algo de chuvia, camiñata cos amigos e un tempiño para o descanso e recobrar forzas). No Museo puidemos aprender algo da súa historia e ver as magníficas salas que amosan os modos de vida da sociedade galega; é importante coñecer o pasado para entender o presente... Alí, organizados en grupos, resolvemos un xogo de pistas e... camiñata de novo. Xa case eran as tres cando chegamos para xantar. Comida, tempiño de lecer... e volta ao IES.
|
|||
Poden consultar a Orde enteira neste enlace: Orde DOG Venres, 11 de febreiro de 2022 (xunta.gal) A seguir teñen un resumo:
|
|||
Hoxe celebramos o Día do Libro en Radio Estrada, nun especial do programa do Recuncho da lingua. Nesta ocasión foron Germán (1ºA), Mateo (1ºB) e Noa (1ºC) os encargados de transmitirlle a toda a audiencia como a lectura pode facerse viva, polas rúas e recantos da nosa vila. Así, levados do recordo da andaina que fixeramos co escritor Xosé Luna, retomamos o paseo, nesta ocasión a través das ondas. E xurdiron de novo eses lugares máxicos para o autor, eses días azuis e o sol da infancia e fomos camiñando, camiñando... a través das palabras, na procura da felicidade. Convidámosvos a escoitar o programa neste podcast.
Feliz Día do Libro!
|
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- …
- seguinte ›
- última »