Visibilizar a diversidade afectivo-sexual

A novela 22 segundos, de Eva Mejuto (presentación de apoio), foi escollida para comezar a andaina do Club de Lectura Igualdade, cuxas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual. 

Nesta primeira xuntanza do 20 de decembro, que reuniu un dos grupos de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, foi coordinado pola profesora Mónica Places coa colaboración de Beatriz e Mónica Mato, e na conversa tratouse a realidade que vive a mocidade trans, que medrou sen referentes e que compartiron as súas experiencias coa autora. O coloquio foi enriquecedor e as persoas asistentes foron quen de, dende a empatía e o respecto, aproximarse ás vivencias daquelas personas que non encaixan nos moldes sociales preestablecidos e que teñen experiencias de vida diversas, especialmente nunha etapa da vida na que se suceden máis mudanzas e que se vive con maior intensidade.

Premio no "I Concurso de vídeos Perdidos e Achados" para os alumnos Pedro Souto e Brais Tato

06/01/2023 13:25

Pedro Souto e Brais Tato veñen de gañar, co seu traballo Forra, o Premio á Calidade Técnica e Creativa do I Concurso de vídeos Perdidos e Achados convocado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) coa colaboración da Deputación da Coruña. O xurado destacou os elementos innovadores do seu traballo no plano audiovisual e a súa orixinalidade.

O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros galegos tiñan que recoller e explicar palabras empregadas na súa zona que fosen tamén utilizadas na lingua portuguesa. Pedro e Brais escolleron o termo "forra", que explican moi ben neste vídeo que vos convidamos a ver. Moitos parabéns!

Noraboa, así mesmo, para Noemi, Carla, Helena, Antón, Pablo, Desirée e Gabriel, alumnos/as de Lingua Portuguesa de 3º ESO, por participaren tamén cos seus traballos, que se poden ver na nosa conta de Instagram.

Participación en Radio Estrada

Radio Estrada

O sábado, 17 de decembro, os alumnnos de 3º de ESO Pedro Souto e Brais Tato participaron nun programa especial das Mañás de Sábado, de Radio EstradaDirixido por Isabel Durán e por Pilar Bernárdez, foron convidados os centros educativos co obxectivo de pór en valor o patrimonio inmaterial da cultura galega, en especial o referido aos contos, lendas e mitos de tradición oral. 

Acompañados pola profesora do IES Mónica Mato, os mozos leron cadansúa lenda, que recolleran previamente nas súas casas, por boca de familiares. Podedes escoitar o programa premendo aquí ou dándolle ao play directamente no reprodutor (a súa intervención comeza a partir do 08'50'').

Parabéns aos rapaces pola súa fantástica intervención!

Foliada de Nadal 2022

2022 12 foliada

Despois de 3 anos, onte, 22 de decembro, puidemos retomar a foliada que Tequexetéldere organiza dende hai dez anos cos tres institutos da Estrada para que as mozas e os mozos poidan poñer en práctica o aprendido ao longo destes dous meses de clases.
A todo o profesorado que colaborou, especialmente aos seminarios de Educación Física e sobre todo as mozas e mozos do IES García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº1, moitas grazas.
Dá gusto rematar así o ano. FELICES FESTAS!!!

 

Campionato de Xadrez

O xoves 17 de decembro tivo lugar a celebración do último día do campionato de xadrez organizado na Biblioteca. Logo de varias partidas disputadas por cada un dos participantes, resultaron gañadores os alumnos Rodrigo Folgar, Iván Hermida, Junior Riveiro e Alexandre Núñez.

Parabéns especiais para eles e para todos os participantes! 

2022 12 Premios de Xadrez

Unha historia -real- sobre o acoso escolar

Subnormal foi a primeira lectura que reuniu o primeiro dos grupos do alumnado de 1º e 2º ESO. A novela gráfica de Fernando Llor e Miguel Porto relata a historia real de bullying que sufriu o ex-xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta durante a súa escolarización. A súa altura e forza física non serviron de nada ante a manda dos acosadores, que o levaron ao bordo da morte, como el mesmo conta neste impactante vídeo.

22-23 Clubs de Lectura Subnormal

En dúas sesións consecutivas (13 e 20 de decembro), os mozos e mozas do club, coordinados pola nosa orientadora, Lurdes, e coa colaboración de Román, puxeron en común a lectura, analizaron a historia poñéndoa en relación coa escaleira do acoso escolar e fixeron un mural no que plasmaron todas aquelas accións que nos axudan a rachar coa lei do silencio. 

Presentación dos clubs de lectura

Un total de 29 alumnos e alumnas responderon á convocatoria dos clubs de lectura que realizou a Biblioteca do centro ao longo deste mes de outubro, que foi reforzada polo profesorado implicado nas aulas e tamén a través da cartelaría nos corredores e na cafetería. O martes 25 reunímonos para coñecérmonos mellor, intercambiar as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como as primeiras impresións sobre os títulos escollidos para iniciar a nosa andaina no curso 2022-2023. 

 

"Os vellos non deben namorarse", unha representación de Uxía Seoane

Impresionante traballo de Uxía Seoane (e familia) que recrea con monicreques distintas escenas da obra de teatro de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Moitísimos parabéns pola interpretación dos textos, o deseño e elaboración das figuras e o resultado final do vídeo.

'irmá paxaro' na Festa da Poesía da Estrada

As alumnas Alba Muimenta e Manuela Rey participaron o pasado 1 de decembro na Festa da Poesía da Estrada recitando textos do poemario irmá paxaro, de Tamara Andrés, autora que mantivo un encontro arredor desta obra co alumnado de 4º ESO.  

O venres, 9 de decembro, non haberá aulas

O venres 9 de decembro foi o día escollido polo Claustro como non lectivo, e ratificado polo Consello escolar.

Ese día, por tanto, o centro permanecerá pechado.

As aulas retomaranse o luns, 12 de decembro.

Festival de Teatro Olimpio Arca

 O día 29 de novembro participamos na xornada de homenaxe a Olimpio Arca, mestre, escritor e impulsor do teatro na Estrada.

O grupo de teatro do noso IES realizou esta magnífica interpretación a partir do texto creado pola profesora de teatro, Cristina, que partiu de varios textos do propio Olimpio para elaborar o guión. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que é o título da obra.

Parabéns a todo o elenco (alumnas, alumnos e profesoras) polo voso labor.

 

 

 22-23 Festival de teatro Olimpio Arca

25N: Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres

O día 25 de novembro participamos en varias actividades no IES que procuraban a concienciación e a sensibilización de alumnado e profesorado ante este grave problema social: a violencia que se exerce contra as mulleres.

O alumnado de 3º e 4º participou na "Estación da Igualdade", unha proposta do CIM da Estrada para os centros educativos da nosa localidade.

No IES tivemos actividades nas aulas e na biblioteca para todo o alumnado, que foi participando en pequenos grupos.

E, xa para rematar, o alumnado de Proxecto competencial estivo a traballar este tema na aula, e de aí saíron tres interesantes propostas, que poderedes visualizar en breve.

O IES Nº1 CONTRA A VIOLENCIA...

PORQUE NON É NON!

22-23 Contra a Violencia de Xénero

non é non

Magosto 2022

22-23 Magosto

Encontro con Tamara Andrés, autora do poemario "irmá paxaro"

O próximo martes 15 de novembro o alumnado de 4º ESO manterá un encontro con Tamara Andrés, autora de irmá paxaro, poemario editado por Cuarto de Inverno e ilustrado fermosamente por María Montes, polo que mereceu o Premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020. Ademais, o libro foi finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

Como se sinala na presentación editorial da obra, "irmá paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo".

Esta actividade desenvólvese no marco do Programa Encontros Literarios que convoca a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte e é organizada polo Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca.

Visita ao PACC de Campo Lameiro

O alumnado de 1º de ESO visitou o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, nunha saída organizada polo departamento de Xeografía e Historia. Alí puideron coñecer de primeira man un dos xacementos máis importantes da prehistoria galega.

A visita comezou cunha pequena andaina, para ir observando unha das pegadas máis interesantes que deixaron os nosos antepasados: os petróglifos, eses pequenos gravados nas rochas con deseños xeométricos e naturalistas.

A seguir, o alumnado visitou a recreación dun poboado da Idade de Bronce; e, xa para rematar a experiencia, participaron nun obradoiro de cerámica. Por unhas horas, convertéronse en oleiros para comprender o proceso de creación de pezas neolíticas.

Eleccións ao Consello Escolar

Publícase a seguir a convocatoria de eleccións ao Consello escolar, que renovará os seus membros nos distintos sectores: pais/nais/titores legais, alumnado e profesorado. No persoal de administración e servizos non hai eleccións, porque continúa a persoa que foi elixida na convocatoria anterior.

Nos distintos arquivos adxuntos atoparán a información relativa a cada un dos sectores.

Saída á Coruña: visita ao Museo de Belas Artes e Domus

O pasado martes, día 8 de novembro, o alumnado de 3º ESO  e os de 4º da materia de Plástica visitaron A Coruña, para participar dunhas actividades organizadas polos departamentos de Plástica, Bioloxía e Lingua galega.

Primeiro fomos ao Museo de Belas Artes, onde desenvolvemos unha visita guiada que tratou de conectar dúas artes: a pintura e a literatura. De feito, en cada un dos cadros que contemplamos, lemos textos literarios relacionados, ben pola temática, ben polo contexto en que foran creados. 

A seguir, demos un fermoso paseo á beira do mar, que nos levou ata a Domus, o primeiro museo interactivo dedicado integramente ao ser humano. Aquí o alumnado visitou a exposición Bocados sobre a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. 

22-23 excursión á Coruña

 

Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 1º ESO: actividade A Ruleta das Letras

O martes 25 pola tarde os alumnos e alumas de 1º ESO, para celebraren o Día das Bibliotecas, gozaron da actividade lúdica e cultural A Ruleta das Letras.

Dirixidos pola Asociación Anacos, o alumnado dividiuse en diferentes grupos que, para poderen xirar a Ruleta (que ofrecía diversas posibilidades: gañar un comodín, perder quenda, conseguir puntos...) debían contestar axeitadamente a unhas cuestións sobre a lingua e a literatura.

Deste xeito ían conseguindo vogais e consoantes coas que encher os paneis, que agochaban o nome de autoras e títulos de obras como As malas mulleres de Marilar Aleixandre, recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura. 

22-23 Ruta das Letras

Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 2º ESO: Taller "Eu vou comigo"

22-23 Actividades da Biblioteca

Esta semana conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares cos alumnos e alumnas de 2º de ESO. Para iso, no IES Nº1 desenvolveuse un taller a cargo de 4 Elefantes, titulado “Eu vou comigo”.

Tomando como punto de partida a lectura de dous breves libros da autora e ilustradora Raquel Díaz Reguera (Eu vou comigo e Eu son), o alumnado reflexionou sobre aspectos relacionados coa autoestima, as súas expectativas (e as dos demais), a aceptación de si mesmos, a etiquetaxe social, o sentido de pertenza a un grupo etc.

Logo de traballar a comprensión lectora, a imaxinación e creatividade, a capacidade de empatizar cos demais, as actitudes positivas para previr conflitos... chegou o momento de elaborar o traballo grupal, entre todo o alumnado de 2º ESO: a creación dun Mural Collage.

Visita á Exposición sobre Manuel García Barros

Hoxe no IES Nº1 vivimos unha xornada especial, ao sermos visitados por un grupo de maiores dunha residencia de Cuntis, que se achegaron ao noso centro para ollar a exposición sobre García Barros. 

Ao chegaren, foron recibidos polo Equipo directivo, polo comisario da exposición, o profesor Carlos Loureiro, e por un grupo de alumnos e alumnas de 2º de ESO. Estes, coa inestimable axuda do profesor, fóronlles explicando os contidos de cada un dos paneis. Agardamos que servise para acadar un maior coñecemento do escritor Manuel García Barros, un home honesto coas súas ideas (mesmo en tempos ben difíciles) que sempre loitou por mellorar a vida dos seus veciños. 

Ao rematar, levaron un lote de libros para a Biblioteca da residencia e un folleto explicativo da exposición, elaborado polo Equipo de Dinamización e da Biblioteca do noso IES, así que poderán seguir profundizando na vida e obra deste insigne autor estradense.

O IES Nº1 agradece a súa visita, e agardamos que a experiencia resultase enriquecedora para todos eles. Para nós si o foi, sen dúbida. Neste enlace, poderán ler a noticia no xornal: Manuel García Barros encandila aos usuarios da residencia de Cuntis no IES Número 1. 

Visita ao Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Las e ruta de senderismo no Río Barbantiño

O pasado 4 de outubro o alumnado de 2º de ESO realizou unha saída para coñecer o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las e realizar unha ruta de senderismo polas beiras do río Barbantiño en Punxín.

No Castro de San Cibrao, grazas á atención e ao saber facer dos monitores do propio Parque, coñeceron algo máis sobre a forma de vida, os costumes e outras peculiaridades da cultura castrexa. Tamén fixeron os seus piniños na arqueoloxía cun pequeno obradoiro onde aprenderon a desenterrar e catalogar restos arqueolóxicos.

Despois da visita ao Parque, realizaron unha ruta de senderismo de 7 km. polas beiras do río Barbantiño, en Punxín, ata a Fervenza do Río Barbantiño

Foi unha xornada moi agradable de cultura, educación e lecer, tanto para o alumnado como para o profesorado acompañante.

Estas 2 actividades foron realizadas polos departamentos de Dinamización Lingüística, Educación Física, Educación Plástica, Paisaxe e Sustentabilidade e Xeografía e Historia dentro da programación interdisciplinar do PROXECTOTERRA no que participa o IES Nº 1 un ano mais.

Alumnas do IES participan no Parladoiro das Letras, no Teatro Principal

Este venres ás 20.30h, no Teatro Principal, tivo lugar unha nova edición do Parladoiro das Letras coa presenza da escritora Ledicia Costas. O acto contou coa colaboración de alumnos e alumnas dos distintos centros educativos do municipio, entre eles o noso, o IES Nº1.

Uxía Seoane e Jéssica Afonso participaron na entrevista á autora, cunha interesante pregunta sobre o libro Infamia, que foi  o libro máis lido nos clubs de lectura de Galicia na ESO durante o curso 2019-2020.

Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega. Nos últimos años recibiu importantes recoñecementos, como o Premio Merlín de literatura infantil, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, ou o Premio Lazarillo, entre outros.

1.jpg

Inauguración da exposición sobre García Barros

A mostra “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento”, que estivo exposta na Casa das Letras da Estrada, continúa o seu periplo polos centros escolares do municipio, e desta volta chegou ao noso IES, ao Nº1. E así, todo o alumnado e profesorado do Nº1 poderá contemplar os paneis sobre o autor  estradense, situados no corredor da última planta. O comisario da exposición, o profesor Carlos Loureiro, será o encargado de presentárllela proximamente aos nosos alumnos e alumnas, e logo emprenderá viaxe cara aos demais centros educativos da localidade.

2022 10 expo garcía barros  (6)2.jpg

Entrega de vales de material escolar

Segundo a Resolución do 5 de outubro de 2022 publicada no DOG do 14 de outubro de 2022, os beneficiarios do vale para adquirir material escolar por importe de 50€ recibirán un vale adicional de 25 €.

O vale debe empregarse preferentemente na libraría/establecemento antes do 1 de decembro de 2022.

Recollida na Conserxaría do centro a partir do 18 de outubro.

Horario de entrega: 9:00 -14:00 horas.

Xornadas de presentación de titorías e familias

A semana próxima, o martes 4 e o mércores 5, terán lugar as presentacións cos titores/as dos seus fillos e fillas.

Trátase dun primeiro encontro na biblioteca, en que tamén estaremos presentes o equipo directivo e a orientadora, e a seguir irán co titor ou titora correspondente á aula do seu fillo/a.

Distribuir contido