A enerxía en xogo

Este pasado luns 8 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º ESO participou na actividade "A enerxía en xogo", impartida por un representante da Plataforma Efigy Planet. unha ferramenta interactiva de innovación pedagóxica que combina a formación dixital e presencial, baseada na gamificación e que permite traballar contidos transversais no ámbito da enerxía, as tecnoloxías e as ciencias ambientais. 

A actividade foi organizada polo Departamento de Física e Química e o alumnado traballou conceptos sobre enerxía, eficiencia enerxética, sostibilidade e medio ambiente. Fran, de Efigy Planet, guiou un xogo de rol no que os estudantes deberon responder ao reto de tomar decisións para conseguir ser máis eficientes e sostibles no uso e a xestón da enerxía e, ao tempo, cumprir con parámetros de sostibilidade e menor contaminación.

Recomendacións lectoras para as festas de Nadal

Remataches de ler un libro e non sabes cal ha de ser o seguinte? Queres facer un agasallo lector nestas festas e aínda non llo encargaches ao Apalpador e aos Reis Magos? Daquela, non deixes de ver as recomendacións lectoras que nos achegan as Bibliotecas dos IES Losada Diéguez, Manuel García Barros e Nº 1. 

As nosas propostas para ler a carón da cheminea inclúen lecturas para todas as idades así como uns especiais sobre Palestina e os últimos Premios Nacionais para obras en lingua galega, ademais de cinema. 

Todos estes títulos e moitos máis están agardando por nós nas librarías locais. A mellor compra é a compra local. Apostemos polo comercio da Estrada.

#Aquítaménsefala! Na Estrada tamén se fala!

O alumnado do IES Nº 1 súmase á campaña “Aquí tamén se fala galego” xunto a outros 150 centros educativos nunha iniciativa cultural cooperativa que se vai converter na maior campaña cultural e de dinamización lingüística realizada activamente pola mocidade galega.

#aquítaménsefala é unha iniciativa estudiantil, con accións directas na contorna do alumnado, que naceu con grande éxito no IES Rafael Dieste da Coruña para promocionar o uso do galego no ámbito comercial e empresarial e rachar os prexuízos que perviven sobre o idioma.

Os mozos e as mozas achegaranse nas próximas semanas aos establecementos, empresas e todo tipo de negocios da vila e as parroquias da Estrada para que se sumen a esta iniciativa co único compromiso de mostrar publicamente que aquí tamén se fala galego. Dende o IES Nº 1 faremos difusión do voso apoio a través das nosas redes e dos medios de comunicación para unírmonos aos milleiros e milleiros de establecementos que se van sumar en toda Galicia.   

Novo campionado de xadrez

Na véspera das ansiadas vacacións de Nadal, a Biblioteca acolleu as partidas finais dun novo Campionato de Xadrez que veu poñer o ramo a un intenso trimestre no que os taboleiros volveron atraer numerosos xogadores e xogadoras a esta escola de xadrecistas que coordina Roberto. 

Un novo torneo con participantes novos e outros máis veteranos, entre os que destacaron Rodrigo Folgar, Iván Hermida e Saúl Otero, que por esta orde completaron o pódium. Moitos parabéns a todos e todas as participantes!

A prohibición dos móbiles nos centros educativos a debate

Os grupos de oratoria do IES Antón Losada Diéguez e do Nº 1 volveron encontrarse na mañá de onte, mércores 20 de decembro, para debater sobre un tema de actualidade que está a xerar moita controversia: a prohibición do emprego dos teléfonos móbiles nos centros escolares.

A posición a favor da prohibición foi defendida por Claudia Carrasquel, Tomás Barros e Óscar Montáns, do Losada, e posicionados en contra da prohibición interviron Lía Expósito, Alba Moimenta, Ana Dorelle, Manuel Caramés e Lucía Brandariz, do Nº 1.

Unha fogueira de versos na nosa biblioteca

23-24 Club de Poesía nova (19-12-23)

O club de lectura máis noviño, o que forman os rapaces e rapazas de 1º ESO, reuniuse o pasado martes 19 ao redor da poesía. Mais non dicimos de todo ben porque, ademais de se encontraren, recitaron, xogaron, crearon e gozaron coa poesía

O punto de encontro foi A fogueira dos versos, de Antonio García Teijeiro, un dos grandes narradores e poetas da literatura infantil e xuvenil galega. Nesta obra, o autor desenvolve, recrea e reiventa versos doutros autores para construír unha obra nova.

E así fixeron os nosos lectores: recitaron cadanseu poema escollido, escoitaron recitar a García Teijeiro, completaron o final dunha estrofa do poeta, ordenaron versos do seu poemario, crearon estrofas do libro Recendo de aire sonoro nun cartafol e, finalmente, compuxeron versos con imaxes nun caderno titulado Bicos

Versos amadriñados por Avelina Valladares

Un ano máis, e xa van dezasete, o Teatro Principal da Estrada acolleu o pasado xoves 14 de decembro unha nova "Festa da Poesía", que á súa vez serviu de marco para a entrega do XXVIII Certame de Poesía Avelina Valladares, que recaeu en Manuel López Rodríguez pola obra Fiotaxidermista.

Ademais da lectura de dous dos textos deste poemario a cargo do seu autor, polo escenario pasaron rapaces e rapazas de diferentes centros educativos da Estrada. En representación do IES Nº 1, Fátima Oubelkhir, Danna Rivas, Roque Castaño, Rosalía Mazás e Nora Diéguez recitaron "A miña relación máis longa", poema extraído de Materia, de Yolanda Castaño, que podedes escoitar na voz da poeta. 

Educar en Igualdade para erradicar a violencia contra as mulleres

23-24 Scape-room 25N

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou nun escape-room coordinado pola escola de tempo libre Anacos Educativos e promovido polo Centro de Información á Muller do Concello da Estrada.  

Experiencia formativa no Porto

No pasado mes de outubro, un grupo de 20 docentes galegos e galegas participou nun proxecto de estadías formativas en centros educativos da cidade do Porto no marco do programa PIALE, un Programa Integral de Aprendizaxe de Línguas Estranxeiras que ten por obxectivo promover o intercambio pedagóxico e a inmersión linguística en diferentes idiomas presentes no noso sistema educativo.
Román Cerqueiro Landín, profesor do Departamento de Lingua Galega, integrouse durante un  período de catro semanas na Escola Profissional de Comércio Externo coa finalidade de mellorar a súa competencia lingüística en lingua portuguesa, coñecer o funcionamento do sistema educativo portugués e actualizar, deste xeito, as metodoloxías de ensinanza.

Así nacen as historias

O pasado 4 de decembro o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro de creación literaria impartido por Raquel Queizás, contadora de historias, actriz, titiriteira e filóloga que se achegou ao noso centro grazas a un proxecto impulsado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación e co noso Departamento de Lingua Galega.

María e mais nós

23-24 Club de Lectura María y yo (05-12-23)

En María e mais eu (El Patito Editorial en galego e Astiberri en castelán) Miguel Gallardo, afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, convídanos a poñernos na pel dela para que, a través dos seus debuxos, aceptemos que todas as nenas e todos os nenos que son coma ela son únicos, coma todos os demais.

Esta foi a mensaxe que compartimos no club de lectura dos máis novos o pasado martes 5 de decembro na biblioteca con motivo da celebración do Día Internacional da Diversidade Funcional.

A profesora Patricia desenvolveu un obradoiro no que, por medio de diferentes dinámicas e xogos, comprendemos o que é a diversidade funcional e que existen unhas barreiras psicolóxicas que debemos superar para desterrar unha palabra, "discapacidade", que xa non queremos no noso vocabulario.

Locura, un elogio a la diferencia

23-24 Club de Lectura Loucura (05-12-23)

O pasado martes 5 de decembro, o club de lectura de 3º e 4º ESO reuniuse para poñer en común de Locura, un elogio a la diferencia, un cómic guionizado por José Valenzuela e ilustrado por Alfredo Borés.

A obra trata a saúde mental a través dos testemuños de diversos pacientes que narran a súa historia dende unha visión metafórica, facendo uso de elementos oníricos, escenarios moi descritivos, monólogos, etc. Trátase dunha obra que axuda a entender non só aos que padecen os síntomas, senón aos familiares que os rodean, aos médicos que os tratan, e á sociedade en xeral.

Coordinadas por Lurdes, a orientadora do noso centro, as alumnas participantes no club de lectura fixeron a reflexión desta obra a través dunha actividade na que debían decidir sobre a vinculación de certos “síntomas” con algún trastorno mental. A súa opinión quedou reflectida na silueta dunha barca, elemento que o cómic utiliza de xeito metafórico. Foi esta unha tarefa nada sinxela, precisamente polos tópicos que existen acerca de certos diagnósticos e ao seu descoñecemento.

Distópicas galegas

O alumnado de 1º ESO participará mañá nun Obradoiro de creación literaria impartido por Raquel Queizás, contadora de historias, actriz, titiriteira e filóloga, que estimulará a creatividade artística do alumnado a través de diferentes dinámicas que terán como fío condutor a novela Be Water, de Antía Yáñez.

A actividade forma parte dunha campaña de obradoiros impulsada nos centros educativos pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación de Pontevedra e organizada no noso centro polo Departamento de Lingua Galega.

Na procura do Día das Letras Galegas para Manuel García Barros

   

O alumnado dos colexios Pérez Viondi, Cabada Vázquez e do Foxo, xunto con Alba, Ana e Germán do noso centro, protagonizaron onte, sábado 25 de novembro, un novo “Recunchos da Lingua” do programa Mañás do sábado de Radio Estrada, dedicado desta volta a Manuel García Barros, baixo a coordinación da mestra Pilar Bernárdez. O obxectivo? Homenaxear e seguir a divulgar a obra e a traxectoria de compromiso coa lingua, a cultura e o país do escritor de Berres, que se fai merecedor dun Día das Letras Galegas.  

Ana e Alba reconstruíron as vivencias e os traballos do autor a partir de diferentes episodios aos que Germán puxo voz lendo as propias palabras que escribiu García Barros na obra Os meus recordos (Galaxia, 2001). 

Coma sempre, recomendámosvos profundizar nesta figura da man do propio alumnado. O noso participa no primeiro tramo do programa, pero paga ben a pena escoitar este monográfico completo. 

Vas mover ficha?

 

 Volven os encontros de xadrez do IES Nº 1 co Torneo de Nadal.

 - Quen pode participar? Todo o alumnado do centro que quixer, forme ou non forme parte do Club de Xadrez.

 - Cando se disputará? Ao longo dos recreos dos tres vindeiros xoves lectivos: 30 de  novembro e 14 e 21 de decembro.

 - Onde e ata cando podedes inscribirvos? Na biblioteca ata o 2º recreo do mércores 29.

Compartimos a palabra co alumnado do IES Losada Diéguez

 

O martes 22 de novembro o alumnado da materia de Oratoria de 3º ESO mantivo un encontro cos compañeiros e compañeiras que cursan a mesma materia en 4º ESO no IES Antón Losada Diéguez. Guiados polos profesores de Lingua Castelá de ambos centros, Mónica Souto e Esteban Folgar, e despois dunha fase de preparación nas aulas, achegáronse á aula da radio do instituto veciño para poñer en práctica as habilidades adquiridas e os resultados da investigación previa sobre o tema elixido. Polo IES Antón Losada participaron Lucía Coto, Emma Duro, Noa Mendoza, Loli Porto e Lara Rey, mentres que polo IES Nº1 fixérono Cristóbal Sotelo, Xián Gestoso, Mariña Barreiro, Nuria Gamallo, Lía Expósito e Ana Dorelle.

A este seguirán outros encontros que teñen por obxectivo introducir o alumnado no debate, un exercicio dialéctico no que se traballan e adquiren habilidades como a busca e tratamento da información, a elaboración de argumentos ou diferentes estratexias de comunicación lingüística co fin último de fomentar o pensamento crítico e o diálogo propios dunha sociedade democrática.

De museos por Madrid

O alumnado de Educación Plástica e Visual de 4º ESO desprazouse ata Madrid o pasado martes 21 de novembro cos seus profesores Jano e Rosario. 

O grupo visitou as coleccións permanentes do Museo do Prado e do Museo Thyssen-Bornemisza, onde tamén coñeceron a mostra Picasso, lo sagrado y lo profano, que reúne un total de 38 obras, 22 delas do artista malagueño, procedentes tanto dos fondos propios da pinacoteca como de préstamos do Musée National Picasso-Paris e doutros coleccionistas, que se unen a outras pezas do Greco, Rubens, Zurbarán, Van der Hamen, Delacroix, unha escultura de Pedro de Mena e algúns gravados de Goya. 

Ademais, houbo ocasión para coñecer o centro da cidade  e tamén houbo oportunidade para gozar do tempo de lecer e convivencia en grupo. 

Foi unha xornada intensa que requiriu madrugón e rematou xa ben entrada a noite, mais pagou moito a pena.

 

Regresa a festa do teatro escolar da Estrada

Un ano máis, regresa o teatro escolar á Estrada da man da Asociación Cultural Vagalumes, que organiza a VI Edición da Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca con motivo do aniversario do escritor e mestre. 

As representacións desenvolveranse durante os días 27 e 28 de novembro a partir das 18:30 no Teatro Principal, a entrada é libre e gratuíta e convidamos a asistir a todas as familias e á veciñanza.

Na Mostra participarán alumnos e alumnas de 8 centros escolares. Na primeira xornada será a quenda do CEIP do Foxo coa peza “Sobrevoando a Estrada”; do CEIP Villar Paramá con “O tupé non era tal”, baseada en el libro/cuento “A voda do galo Pinto”; do CEIP Pérez Viondi con “Dez vagalumes”, de Xoán Babarro; e do IES Antón Losada Diéguez coa obra “Eu tamén fixen ouigha co espírito de Castelao”, unha adaptación do relato homónimo de Séchu Sende.

A importancia de protexer e reducir a nosa pegada dixital

 
O alumnado de 4º da ESO participou o pasado martes 7 de novembro no programa educativo "Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais", promovido pola Consellería de Educación. O programa, que ten por obxectivo capacitar ao alumnado no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), foi impartido por unha especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que tamén ofreceu unha serie de ferramentas e recursos dos que poder botar man cando teñamos dúbidas sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Festexamos o Samaín e o Magosto

O martes 31 de outubro, na véspera dos Días de Todos os Santos e dos Defuntos, invocamos a alegría, o bo humor e o compañeirismo para celebrarmos todos xuntos, profesorado e alumnado, o Samaín e o Magosto.

Entregáronse os premios do certame de Microrrelatos e Haikus de Medo convocado pola Biblioteca, o Dpto. de Lingua Galega e o EDLG, houbo tempo para os xogos populares e degustar as castañas asadas e para partillar pos unhas horas o mundo dos vivos cos seres chegados do Alén.

2023 samain e magosto

 Vídeo do festival do Magosto

Jano Sanmartin

O Samaín dos Zombis Ananos

Unha aterradora animación de zombis realizada por alumando de todos os cursos do Centro.

Escola de dramaturxía

O Taller de Teatro impartido por Chema Gómez de Lora durante dúas sesións para cada curso nos pasados 25 e 27 de outubro foi dando os seus froitos. O Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Castelá procederon á entrega de premios para os mellores traballos, que en breve estarán dispoñibles nesta páxina.

A proposta para 1º ESO xiraba en torno á cuestión “¿Quiénes lloran en casa? ¿Por qué?” e a gañadora foi Paula Brey. O segundo premio recaeu en Alessandra Illobre. Para 2º ESO a proposta creativa partía da proposta “¿Quién canta mejor en casa?” e resultou gañadora Antía Nogueira. Fíxose co segundo premio Julia Canicoba.


En 3º e 4º da ESO o alumnado traballou a partir da idea “Querida sombra”, unha proposta de escritura na que resultaron gañadoras Noa Cabaleiro e Xiana Cacho nos seus respectivos cursos. Os segundos premios foron para David Mosquera e Sara Espiño, respectivamente. Parabéns, pois, a todo o alumnado do centro, que participou activamente nesta actividade.

Diálogo entre Avelina Valladares e Rosalía de Castro

O "Recuncho da Lingua", a sección que dirixe Pilar Bernárdez no programa Mañás dos sábados de Radio Estrada, inaugurou onte, sábado 21 de outubro, unha nova tempada cun monográfico dedicado á escritora, música e xornalista Avelina Valladares, a quen lle dedica o mes de outubro no 198º aniversario do seu nacemento.

Isabel Rei Sanmartín, á guitarra, e Alejo Amoedo, ao piano, acompañaron con música da autora ás rapazas e aos rapaces dos colexios Cabada Vázquez, Pérez Viondi e O Foxo e do IES Pintor Colmeiro de Silleda, que se estrearon nos Recunchos co recitado do poema "Miña xoia".

O noso centro estivo representado por Adriana Orosa Fernández, Pablo Villamor García e Iria Cancela Fontao, que se achegaron á figura de Avelina Valladares poñendo en diálogo a súa traxectoria e a súa obra con Rosalía de Castro, a matriarca da literatura galega. Foron mulleres que compartiron unha época e unha xeografía común, a Ulla, mais sobre todo unha actitude empática e unha sensibilidade moi marcadas cara ás clases populares, especialmente as mulleres e os homes do rural: as súas duras condicións de vida, a súa cultura e o seu idioma, lingua do pobo, que elas empregaron e dignificaron nos seus versos. Foron, ademais, dúas autores que protagonizaron o Rexurdimento e plasman na súa obra o renacer da consciencia nacional e denuncian problemas estruturais do noso país, como o drama colectivo que supuxo a emigración. Tamén, na secuencia do Romantismo, compartiron a vivencia da paisaxe das comarcas do Sar e do Ulla. 

Os taboleiros de xadrez regresan á Biblioteca

Un curso máis, o Xadrez volve reunir un bo grupo de alumnos e alumnas durante os recreos na Biblioteca da man de Roberto, o profesor da actividade.

A pasármolo de medo polo Samaín e o Magosto!

Aí vén o Samaín, e xa logo o Magosto, e para festexármolo o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca, en colaboración co Departamento de Lingua Galega, convocan un Concurso de Microrrelatos e Haikus... de medo!

Podedes consultar as bases da convocatoria e os materiais de apoio na Aula Virtual, pero non vos despistedes xa que o prazo de entrega remata o mércores 25 de outubro. Haberá agasallos.

Presentación dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro

23-24 Presentación Clubs de Lectura e Teatro

O martes 10 de outubro presentáronse ao alumnado o Grupo de Teatro e os Clubs de Lectura "A Carballeira", coa presentación dos primeiros títulos do curso.

Por unha banda, da man de Rosario, a profesora de Xeografía e Historia, as participantes lerán Locura, un elogio de la diferencia, de José Valenzuela e Alfredo Borés, unha porta aberta para coñecer e descubrir máis sobre a saúde mental e a vontade de  saber por que existe tanta confusión arredor deste tema.

Por outro lado, o Departamento de Orientación, con Patricia e Lourdes, guiarán o que xa é un clásico da banda deseñada, María y yo, que nos achega o autismo a través dunha ollada delicada, sensible e divertida coa que o autor, Miguel Gallardo, nos mostra  a relación feliz que mantén coa súa filla María.

Ademais, no pavillón a nosa profesora de teatro, Cristina Andrade, presentou a actividade ante un nutrido grupo de rapaces e rapazas, algúns que recuncan no grupo e outros que comezan expectantes e con moita ilusión tras asistir como público ás representacións que se fixeron no curso pasado.

Distribuir contido