Cita coa X Festa das Palabras de Dinamizaestrada

          

Fotografía de R.G. para La Voz de Galicia                                                                                                                   Deseño de Rosa de Cabanas

A cita coas coas palabras terá lugar este martes 6 de xuño no Teatro Principal da Estrada a partir das 20.00 horas. A X Festa das Palabras pon o ramo aos concursos de micropoemas e microrrelatos organizados polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares e serán 62 alumnos e alumnas os que recibirán o seu premio: un exemplar do libro que recolle todos os textos gañadores de Primaria e Secundaria, acompañados por 14 ilustracións feitas por estudantes de Infantil, con portada da deseñadora gráfica Rosa de Cabanas. A escritora Charo Golmar exercerá de madriña.

Botamos a lingua fóra!

Correlingua (31-05-23). 22-23

E botamos a lingua fóra! Na casa, na escola e onde esteamos. Onte, acotío, mañá e sempre.

E hoxe, mércores 31 de maio, botámola tamén nas rúas da Estrada co Correlingua 2023. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO sumáronse aos compañeiros e compañeiras do IES Losada Diéguez para se xuntaren co alumnado dos colexios do noso concello, o CPI de Cuntis, o CRA de Caldas e mais do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Ao son das pandeiretas e con pancartas e bandeiras, percorreron as rúas para regresar á Praza do Concello. As rúas estaban ateigadas de xente por cadrar en día de feira.

Alí, a actriz Isabel Risco leu o manifesto e a rapazada coreou o lema... "Na casa, na escola, bota a lingua fóra". Despois actuou a Mekanika Rolling Band, tomouse o bocata e houbo tempo para conversar cos antigos mestres e mestras dos seus colexios.

Axudas para a adquisición de libros e material escolar

Comunicámoslle que comezou o prazo para solicitar axudas de material escolar e libros de texto, que remata o próximo 21 de xuño (incluído).

O alumnado matriculado no IES ata 3º de ESO está excluído da participación do fondo solidario de libros de texto, xa que no centro temos o proxecto E-DIXGAL. 

Por tanto, só os de 4º de ESO poderán beneficiarse das axudas aos libros, pero todo o alumnado poderá solicitar a axuda para adquirir material escolar.

 

Pode consultarse toda a información e documentación AQUÍ.

Orgullos@s do noso

Orgullo Galego. Letras Galegas 22-23

"Seremos quen de xuntar 10.000 seguidores nun ano publicando contidos galegos no Facebook?". Corría o ano 2016 cando os creadores de Orgullo Galego se fixeron esta pregunta, que axiña tivo resposta, porque en apenas un mes superaron esa cifra e en 6 meses xa contaban nada máis e nada menos que con 70.000 seguidores. Dende entón, Orgullo Galego non parou de medrar até aglutinar máis de 420.000 persoas nas redes sociais (FB, IG, Twitter, Twitch, TikTok, Sportify, Ivoox, Telegram ou Mastodom), unha web na que publican contido propio, tenda en liña e milleiros e milleiros de post publicados. Este labor vén de ser recoñecido co premio Rosalía de Castro á Normalización Lingüística 2023 que concede a Deputación da Coruña, na categoría de "Entidades" por representar "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". 

Activación da escritura creativa

Obradoiro de Poesía Lingua Castelá 22-23

O pasado mércores 24 visitou o noso centro o profesor Esteban Folgar Brea para impartir un obradoiro ao alumnado de 2º ESO. Nesta actividade, a activación da escritura creativa faise mediante un proceso que se inicia cunha primeira tarefa de quecemento, continúa cun traballo máis activo e remata coa escrita dunha historia breve e un poema.

No quecemento, o alumnado, mediante o xogo de palabras encadeadas, vai dicindo substantivos (ata catro), dos que despois haberá que buscar unha posible relación entre eles, e logo xerar unha pequena historia. Collendo as primeiras letras dunha das verbas e as últimas doutra, créanse catro palabras novas, inexistentes na nosa lingua, ás que os rapaces deben dotar de significado.

Unha vez coñecidos os significados destas palabras, en grupos, redactan unha historia que as inclúa. Despois, deben escribir unha frase na que cada unha das súas verbas se inicie con unha das letras das palabras creadas.

Por último, o traballo final é compoñer un poema, con rima, en acróstico coas palabras que se xeraron na actividade anterior, e no que aparezan polo menos dous dos termos creados no xogo.

Taller de RCP

O pasado venres día 26 de maio o alumnado de 1º da ESO participou, xunto co alumnado dos restantes centros de secundaria da Estrada, nun taller de reanimación cardiopulmonar, organizado pola Concellería de Sanidade da Estrada, o centro de saúde e emerxencias e a Axencia Galega de Emerxencias. A actividade estivo guiada por instrutores do 061 e médicos da zona. 

Velaquí a súa implicación e interese nunha práctica fundamental para salvar vidas.   

 

xornada RCP 22-23

Campionato zonal de bádminton 23

O martes 23 de maio o alumnado do noso centro participou nunha xornada deportiva escolar de bádminton con centros da comarca no pavillón Coto Ferreiro da Estrada dentro do programa XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar).

As fendas de xénero no ámbito laboral

Uxía Seoane, Pilar González e Ángel Rey (4º ESO) participaron nunha nova entrega de "A ollada da sospeita", proxecto que conduce Lara Fuentes, nesta ocasión en compaña de Xiao Aller, para o programa A Galería de Radio Estrada.
Uxía, Pilar e Ángel deron a coñecer as conclusións do estudo que realizaron sobre a situación laboral da muller da nosa contorna. Esta non é a primeira vez que o alumnado do IES Nº 1 colabora coa sección "As historias non contadas" e, de seguro, que non ha ser a última no que resta de curso. A Ollada da Sospeita nas redes: Spotify, Instagram e Ivoox.

Uxía Seoane Duro, IIº premio de poesía no Certame Literario Xoán Díaz de Cambre

A alumna Uxía Seoane Duro (4º ESO) vén de ser recoñecida co 2º Premio de Poesía no Certame Xoán Díaz do Concello de Cambre pola obra ‘Ansiedade. Depresión. Medo’ na categoría reservada para mozos e mozas de entre 15 e 18 anos.

O IES David Buján acolleu o venres 19 a entrega dos premios do Certame, un galardón que organiza o instituto xunto co IES Afonso X O Sabio e o Concello. Os recoñecementos entregáronse nas categorías de poesía, narración e microteatro e participou alumnado de toda Galicia.

Noraboa, Uxía!

 

Relatos sobre o acoso escolar

Este martes 23 de maio reuníronse os mozos e mozas do Club de Lectura pola Diversidade de 1º e 2º ESO para poñer en común tres relatos sobre o acoso escolar tomados do libro 21 relatos sobre el acoso escolar. A partir dos contos "Pasarse de la raya”, “Luciérnaga” e “Las dos caras de la moneda” os participantes do club traballaron por grupos e compartiron as impresións que lles provocaron as historias lidas.
Posteriormente, debateron sobre a problemática do acoso escolar, tema que foi traballado ao longo do curso. Así, puxéronse na pel dun neno illado polo grupo e recoñeceron que se dá esta situación no día a día… Para finalizar, reflexionaron sobre por que o acoso escolar está a aumentar na sociedade e que podemos facer nós para combatelo.

Francisco Fernández del Riego e o patrimonio lúdico galego

A celebración do Día das Letras Galegas dedicado á figura de Francisco Fernández del Riego tomou corpo onte, sábado 20 de maio, nun episodio especial do espazo "Recuncho da lingua" de Radio Estrada, dedicado aos xogos populares e tradicionais. 

Esta vinculación débese a que, por primeira vez, dentro da programación de actividades dun Día das Letras, se incluíu unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado. A mostra "Don Paco, o pícaro argalleiro", pode visitarse no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e recolle os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. 

Nesta ocasión, no programa conducido por Pilar Bernárdez participaron alumnos e alumnas do noso instituto e dos colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez , que fixo posible o marabilloso encontro de catro xeracións de estradenses.

Bolsas e axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Está aberto o prazo para solicitar as bolsas e axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, convocadas polo Ministerio de Educación e FP.

A solicitude realizarase telemáticamente a través de Sede Electrónica dende o 8 de maio ata o 20 de setembro. Unha vez cumprimentada a solicitude telemática, débese imprimir e presentar no centro educativo xunto coa documentación requirida. 

Toda a información neste enlace.

 

Galego de premio

Éxito da exposición benéfica 'Un debuxo, unha ilusión' de Suso Pardal

Velaquí os dous debuxos de Jesús Pardal adquiridos polo centro na exposición benéfica "Un debuxo. Unha ilusión" e que xa forman parte do patrimonio do centro. A mostra foi todo un éxito e os fondos recadados foron destinados á Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), que arroupou a Suso nas súas estadias no hospital e da que o noso alumno é un activo colaborador. Máis información en

Visita ao CIQUS e ao CESGA

O alumnado do itinerario científico e tecnolóxico de 3° e 4° ESO achegouse na mañá do pasado venres 12 a Santiago de Compostela para coñecer as instalacións, os recursos os proxectos que se desenvolven no CiQUS, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade. Ademais, visitaron o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), onde coñeceron o ordenador cuántico máis potente do Estado e un dos primeiros de Europa. 

Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas

 

22-23 Letras Galegas

Hoxe deu comezo o programa das Letras Galegas 2023 no noso centro. Literatura, redes sociais, audiovisual, Fernández del Riego e, parafraseando o lema do Correlingua desta edición, máis galego na casa e na escola, na vila, na aldea e na vida.

Esta mañá tivemos a oportunidade de conversar co profesor e escritor David Pérez Iglesias arredor da novela Todo o tempo do mundo (Premio Merlín de literatura infantil 2016).

O encontro, presentado e moderado por Noa, Lía e Iker, deu pé para falar da historia do avó Valente e a súa neta Ariadna, de 11 anos, que o acompañará un verán na aldea entretanto os seus pais se instalan nun novo país a onde chegan fuxindo da crise e a difícil situación económica da familia.

Todo o tempo do mundo é un libro para rapaces e rapazas pero non só, tamén para adultos, para falar da perda do mundo rural, das ameazas que sofre (o despoboamento, as canteiras, os eólicos...), da necesidade dos silencios e da tenrura, dun mundo no que "a choiva fala coas cousas" e onde as nosas raíces non hai que buscalas nos avós senón no que lle deixamos aos nosos fillos. Porque, como afirma o autor nunha carta dirixida á protagonista que fai de prólogo: "Dos bos camiños, coma dos bos libros, nunca regresas". 

"No craustro", de Sara Espiño Vaamonde, gaña o VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Sara Espiño Vaamonde (3º ESO) vén de gañar o VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María polo traballo "No claustro".
No acto, que tivo lugar esta mañá, tamén se proxectou o videopoema "O soñador" de Uxía Seoane Duro (4º ESO), unha das 11 finalistas entre o máis de medio cento de traballos enviados dende centros escolares de toda Galicia á Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei.
Moitos parabéns!

"Un debuxo. Unha ilusión", por Suso Pardal

Fotografía de Miguel Souto para La Voz de Galicia
Suso Pardal, alumno de 2º ESO, mostrará os debuxos que realizou durante as etapas que estivo internado no Hospital Clínico de Santiago. A exposición benéfica poderá visitarse este sábado e domingo no Café Bar Casa Pernas de Pontevea (Teo) e a inauguración de "Un debuxo. Unha ilusión" terá lugar ás 12.30 horas. Os fondos recadados irán destinados á Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
Noraboa, Suso, es todo un exemplo.

Un percorrido polo noso patrimonio natural, etnográfico e monumental en Compostela

O alumnado de 1 ESO xa anda por Santiago de Compostela para visitar o Museo de Historia Natural e o Museo do Pobo Galego, ademais de se enfrontar a un xogo de pistas seguindo as pegadas da cidade medieval.

22-23 excursión 1 eso a Santiago

O xadrez segue a dinamizar os recreos

Torneo de Xadrez (abril 2023)

O xadrez nos recreos segue reunindo un bo número de alumnos e alumnas na Biblioteca e esta semana rematou un novo ciclo, como non, con torneo. De mans do seu profesor de Xadrez, Roberto, os alumnos Rodrigo Folgar, Aarón Basteiro, Aarón Zamar e Saúl Otero recibiron as medallas que os acreditan como os xogadores máis avanzados nesta última fase.
Pero esta é unha actividade que vai moito máis alá: axuda a mellorar a concentración, o pensamento lóxico e a creatividade, mais tamén a gañar autoestima e confianza, a superar problemas de comunicación..., e (se cadra) o máis importante, favorece a empatía e o respecto entre todos e todas.
Así que non queda máis que darlles a noraboa a todos os participantes e expresar o noso agradecemento a Roberto polo seu labor.

Día da Educación Física na rúa

O Colexio de Educación Física e Deportiva estableceu o Día da Educación Física na rúa para facer visible a súa importancia e reclamar máis peso da materia no horario lectivo.

A Estrada, que levaba uns anos celebrando a cita en pequeno formato, saíu este martes 25 á rúa ao grande. A xornada estivo organizada pola Agrupación Deporte Escolar e nela participaron máis de catrocentos alumnos e alumnas de todos os colexios e institutos da Estrada. Despois da cita da Coruña, a da Estrada foi a máis masiva de Galicia.

22-23 dia da educación física na rúa

25 de abril, sempre!

Exposición "Os cartazes do 25 de Abril"

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

As recomendacións lectoras de Noa e Lía

Recomendación para usar o Aula Virtual dende o teléfono móbil

1.  Descarga a app de MOODLE no teu teléfono

2.  Accede á AULA VIRTUAL do IES Nº 1 da Estrada escaneando o seguinte código

 

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ESO AO RENDEMENTO ACADÉMICO

Recementemente publicouse a ORDE do 31 de marzo de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022/23.

O obxectivo é premiar aos alumnos e alumnas de mellor expediente académico nos estudos de Educación Secundaria Obrigatoria.

Destinatarios: alumnado que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en ESO e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Distribuir contido