Saída 2 "O Noso Lagares" (12/4/24)

Noutra actividade pertencente ao Proxecto Ríos (proxecto no que participa o noso Centro este curso), vencellada á materia de Proxecto Competencial e organizada polos departamentos de Lingua Galega, Bioloxía e o EDLG; o pasado venres día 12 de abril os grupos de 1º ESO B e 1º BACH C realizaron a saída programada á zona media do río Lagares; na que puideron contar coa colaboración de Xosé Couñago (profesor xubilado de Lingua galega e especialista no ámbito cultural vigués). Nesta marabillosa e solleira xornada, o alumnado puido descubrir lugares relacionados co principal curso de auga do Concello de Vigo, o río Lagares. En primeiro lugar, achegámonos en bus á zona entre Sárdoma e Castrelos, desde onde realizamos unha ruta camiñando ata a zona do Caramuxo, pasando polo parque de Castrelos e o pazo Quiñones de León, onde o alumnado escoitou as explicacións do noso acompañante na xornada.

En primeiro lugar, a ruta detívose diante do Pombal e o hórreo da Fonte Santa, onde o profesor Couñago contou o uso tradicional destes elementos; para posteriormente deternos no Lavadoiro e na Fonte da Ponte Nova, onde ademais de descubrir a historia destes lugares, o alumnado botou unha repichoca da man da profa Iseo e o profe Kike. Despois, seguimos a ruta ata o Pazo Quiñones de León, onde novamente puidemos descubrir a súa historia, adentrándonos nos seus xardíns francés e inglés, e coñecendo as diferenzas entre ambos.

A seguir, achegámonos á zona da Ponte medieval de Castrelos, onde o alumnado puido descubrir a beleza deste elemento, así como a súa historia, de man novamente de Xosé Couñago. Finalmente, e para rematar a xornada, a ruta continuou ata a zona do Caramuxo, pasando polo Estadio de Balaídos ou por algúns dos murais da nosa cidade, como o do ucraíno Alecsei Burkasov, que podemos divisar desde o mesmo río Lagares. Por último, o profesor Couñago detivo a ruta nunha obra escultórica de Camilo Nogueira, situada no parque da Florida, onde puidemos coñecer a historia deste gran escultor e a súa relación coa cidade.

En definitiva, unha xornada espectacular de contacto coa natureza, coñecemento e diversión na contorna do Noso Lagares!!

AdxuntoTamaño
IMG_20240412_100010.jpg808.69 KB
IMG_20240412_100426.jpg971.28 KB
IMG_20240412_101140.jpg411.55 KB
IMG_20240412_104130.jpg1.28 MB
IMG_20240412_105000.jpg781.18 KB
IMG_20240412_105022.jpg329.21 KB
IMG_20240412_110012.jpg1.02 MB
IMG_20240412_110555.jpg1.15 MB