Skip to Content

Accións

Accións que impulsa ou nas que colabora o Equipo de Dinamización da Lingua Galega

"OS BOSQUES DE GALICIA" CON ANTONIO RIGUEIRO NO PROGRAMA A PONTE

27/01/2018

Este xoves,  o profesor Antonio Riguero Rodríguez, do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior  do Campus de Lugo, impartiu para o alumnado de 1º de Bacharelato e do Ciclo a charla Bosques de Galicia. A actividade enmárcase nas charlas do programa A Ponte, que pretende achegar o ámbito universitario ao alumnado dos institutos, e no Plan de Acción Titorial do centro.

 

Riguero explicou a clasificación das árbores en artificiais e naturais. As artificiais son as plantadas polo home (soutos, piñeirais, eucaliptais.. ). As que medran de seu na natureza son naturais. Entre estas últimas distinguiu as de folla caduca (carballeiras, tipos de carballos, bidueirais, faias, ameneirais…) e as de folla perenne ou sempre verdes (aciñeirais, sobrados, louredos, acevedas…). Contou tamén das especies ameazadas polas pragas e, como non, dos estragos do lume.

Unha charla ben interesante! Seguimos na intención de concienciar o alumnado na respecto da natureza.

 

APRENDENDO MENTRES FESTEXAMOS O FINAL DO TRIMESTRE

07/01/2018

Remata o trimeste. O 20 e o 21 foron xornadas un tanto "festivas", cos ánimos das vacacións de Nadal e a relaxación (para uns máis que para outros) dos exames rematados. 

O mércores 20 os mozos e mozas de 2º de ESO fixeron unha ruta dende a praia do Dique ata o IES. Será base de traballo para distintas materias, na liña de traballo por proxectos arredor das rutas que ofrece o Concello e que se desenvolve nos primeiros niveis da ESO. Convertemos o entorno en aula-recurso. Podedes ler máis sobre esta actividade entrando aquí, na páxina dos proxectos deste espazo virtual.

O xoves 20, os rapaces e rapazas de 1º de ESO comezaron a xornada expoñendo na Sala Perseveira as súas propostas, traballadas na materia de Plástica, sobre as esculturas que han de facer para o proxecto Botellas con mensaxe, enmacardo no proxecto da Ruta da Auga de 1º de ESO, que procura a aprendizaxe partindo da reflexión sobre a sostibilidade e o traballo en equipo. A máis votada será a que realizarán para unir á Pulpusha.

 

No salón de actos, o alumnado de francés andaba enfariñado facendo biscuits de Noël, mentres as profes, Corinne e Sandra, ataviadas para a ocasión con mandil e luvas de cociña, ían dando instrucións. Divertida forma de aprender o francés no mundo da cociña. As galletas, que fornearon na cafetería, estaban boísimas!!! 

   

Houbo tamén tempo para o deporte no polideportivo antes de recoller as notas!!!

 

  

RUTA DA PRAIA DO DIQUE ATA O IES

03/01/2018

O xoves 20 de decembro o alumnado de 2º de ESO fixo a súa segunda ruta para o traballo por proxectos: a RUTA DO MAR, A PEDRA E A MEMOIRA, dende a praia do Dique ata o IES . O ano pasado, A RUTA DA AUGA, do IES ata Cans, pasando pola Aguieira, como veñen de facer os rapaces e rapazas de 1º de ESO. 

Foi unha xornada luminosa, o sol foi espallando a néboa da mañá. Esa luz especial que xorde da proximidade do mar e o Barbanza. Un agasallo para rematar o trimestre. 

Comezamos no Dique. A experiencia de Pepe, o profesor de Educación Física, ía abrindo o grupo. 78 rapaces e rapazas que traballarán en varias materias esta ruta. Pouco a pouco, será un proxecto que irá enriquencéndose cos anos (se vai callando, claro). O entorno tranfórmase en aula na que traballar a natureza, o respecto e a responsabilidade que temos con ela e coas xeracións vindeiras (os efectos devastadores do lume saen ao encontro, inevitablemente. A memoria. O mar que é memoria, alimento, inspiración, temor, pero tamén traballo e futuro. A pedra conta lendas, conta arte, conta xeitos de vivir. Por aí andamos e andaremos en 2º de ESO neste 2018. Aquí vos deixamos algunhas imaxes:

 

LEVAMOS A NOSA PEZA DE RADIOTEATRO Á RADIO!

07/11/2017

 

Onte pola mañá o alumnado de Artes Escénicas foi entrevistado na radio municipal. Falaron do proceso de creación da súa peza A noite de Samaín, creada con Fanfarra de Soños no obradoiro de radioteatro que nos ofreceu o Concello. Estes mozos e mozas, e a súa profesora, Ánxela Doval, salientaron a importancia da dinámica creada, da estimulación... Aprenderon a importancia de comunicar nun medio no que a expresividade se basea principalmente na voz. A valoración da actividade foi moi positiva, tanto por parte do alumnado como do profesorado. Repetiremos!!!

Achegámosvos o podcast do programa:

Na prensa sacaron a nova: 

RADIO TEATRO / UNHA NOITE DO SAMAÍN

31/10/2017

Xa hai uns anos Fanfarra de soños estivo connosco para levarnos ao mundo do teatro na radio. Este ano traballaremos o tema interdisciplinar da COMUNICACIÓN e da súa man veñen xa os nosos primeiros pasos, grazas a esta actividade ofrecida dende a Área de Xuventude do Concello. No blog da biblioteca podedes ver máis imaxes deste obradoiro no que o alumnado creou a peza Unha noite de Samaín: 

UNHA NOITE DO SAMAÍN

RUTA DA AUGA, 2017-18

23/10/2017
23/10/2017

Iniciamos o curso 2017-18, un ano máis, coa Ruta da Auga. Supón o inicio do traballo por proxectos en 1º de ESO, poñer os primeiros chanzos da convivencia desta nova xeración, crear conciencia de grupo, fomentar no alumnado o interese por coñecer o entorno e respectalo, transformar o concello de Porto do Son nunha aula, abrir as portas do centro a todo o que pode estimular o interese pola formación e transformar os mozos e mozas que pasan polo IES de Porto do Son nos seus mellores embaixadores. 

Foron guiados polos alumnos e alumnas do Ciclo de Condución de Grupos no Medio Natural. Unha primeira práctica para a maioría, e unha oportunidade de demostrar o aprendido para algúns deles. Teñen no propio centro unha recreación do que puideran ser os seus primeiros "clientes": 60 rapaces novos e os seus profesores! E FIXÉRONO MOI BEN! Podedes velo neste vídeo:

 

Radioteatro!!!

16/10/2017 23:49

Xa hai uns anos Fanfarra de soños estivo connosco para levarnos ao mundo do teatro na radio. Este ano traballaremos o tema interdisciplinar da COMUNICACIÓN e da súa man veñen xa os nosos primeiros pasos, grazas a esta actividade ofrecida dende a Área de Xuventude do Concello. O blog da biblioteca recolle este obradoiro no que o alumnado creo a peza Unha noite de Samaín. Ficamos á espera de poder escoitala!

Podedes ler máis nesta entrada do blog da biblioteca:

BENVID@S AOS CLUBS DE LECTURA

07/10/2017 16:35

Un curso máis o equipo de biblioteca bota a andar os dous clubs de lectura para alumnado. O primeiro, para mozos e mozas de 1ESO a 3ESO e o segundo de 4ESO a 2BACH. Lembramos con cariño o alumnado que rematou o curso pasado despois de estar connosco tantos anos, mais... acollemos con ilusión os que continúan e as caras novas. Mesmo vimos de iniciar un club de adultos, que tenderá pontes ao club do IES da Pobra do Caramiñal. Entrade no blog da biblioteca para saber en que andamos enredados... Poesía, títulos de libros, as lecturas escollidas...

Distribuir contido


by Dr. Radut