Skip to Content

Actividades

Éxito no Campionato Galego Escolar de Orientación

02/05/2017 19:36

O sábado 29 de abril o alumnado do noso centro que se clasificou para o Campionato Galego Escolar de Orientación desprazouse ao Campus de Elviña-Unversidade (A Coruña). Todos eles deixaron representaron con éxito o IES de Porto do Son e Eloi Serantes de 2º de ESO, conseguiu o 3º posto!!!

 

 

Carreira Solidaria con Save The Children

28/04/2017 17:37

No marco das actividades relacionadas co tema da AUGA, que vimos desenvolvendo en distintos proxectos e tarefas neste curso, decidimos participar na campaña Quilómetros de Solidariedade, promovida por Save the Children. A través do patrocinio dunha carreira solidaria, recaudamos fondos dirixidos a intervencións en infraestruturas, educación e saúde en Etiopía, país duramente afectado por unha seca que afecta a toda a poboación pero que repercute principalmente nos máis débiles: os nenos e nenas. 

O noso alumnado leva todo o curso estudando a AUGA: a ciencia, os valores, a memoria, o consumo enerxético responsable, a creación artística, a saúde, o deporte... Os obxectivos educativos traballados, como ríos que flúen ao mar, desembocaron na Semana Cultural. Abrímola con charlas sobre a xestión deste recurso nos países subdesenvolvidos e pechámola cunha acción de compromiso, a carreira. Grazas ao patrocinio de familias, amizades e a comunidade educativa, conseguimos reunir 1.752,83 euros. 

Aquí vos deixamos algunhas das imaxes da carreira, que levamos á vila para visibilizar o noso compromiso!

 

"Be water my friend", Semana Cultural do IES, abril 2017

27/04/2017 18:15

O 31 de marzo inauguramos a Semana Cultural que se desenvolveu entre o 3 e o 7 de abril. As actividades cent´raronse arredor da AUGA, tema interdisciplinar e de proxectos no que vimos traballando durante todo o ano. Visto dende un punto de vista moi plural, reforzamos os obxectivos académicos que recolle a LOMCE. Houbo charlas, obradoiros, traballo en equipo, valores, arte, igualdade, memoria, pensamento crítico, deporte, saúde, uso da enerxía con conciencia, coidado do medio, orientación académica... Involucración do profesorado e o alumnado, pero tamén das familias, do Concello, doutros centros... Foi bonito de vivir. Esperamos que dea froitos na formación de persoas comprometidas, críticas e creativas. Nesta presentación tendes o resumo en imaxes:

 

Semana Cultural

More presentations from etikeles

XORNADA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA

02/04/2017 09:38

Despois das avaliacións, vén un tempo de aprendizaxe diferente, o da Semana Cultural. Inaugurouse coa I Xornada de Orientación, na que contamos con exalumnos e o decano da facultade de Bioloxía, Antonio Segura. Foi un pracer ir escoitando os mozos e mozas compartían a súa experiecia académica e laboral co alumnado que agora está na etapa de decidir o seu futuro. O complemento a esa aprendizaxe-servizo foi a intervención de Juan Tarrío -antigo alumno do centro e brillante estudante de Química-  e Antonio Segura, nunha charla para o alumnado e as familias sobre os servizos da USC.

 

 

 

XORNADA ORIENTACIÓN E SEMANA CULTURAL

31/03/2017 12:00

Hoxe, 31 de marzo, ás 16:30, dará comezo a Xornada de Orientación -aberta ás familias- coa que abrimos o que será a Semana Cultural que se desenvolverá do 3 ao 7 de abril. Xuntamos así Auga, educación en valores, arte, deportes, orientación académica...

Na Xornada de Orientación desta tarde:

De 16:30h a 17:30h, encontro con exalumnos e alumnado de bacharelato e 4º de ESO. Con eles falarán das saídas académicas por ramas de coñecemento, das saídas laborais...

De 18:00h a 19:00h, charla do decano da facultade de Bioloxía sobre os servizos da USC.

E estas son as actividades da Semana Cultural:

 

 

 

 

PLAUTO, TEATRO CLÁSICO GRECOLATINO EN OURENSE

19/03/2017 10:32

O alumnado de 4ºESO e 1º Bacharelato, realizou este xoves unha saída a Ourense organizada polo departamento de castelán. Pola mañá fixeron un xogo de pistas para descubrir a historia e a cultura de Ourense e pola tarde asistiron ao ciclo de teatro clásico grecolatino para ver a obra de Plauto Pseudolus. 

 

O IES DE PORTO DO SON SUBCAMPIÓN NO CAMPIONATO PROVINCIAL DE ORIENTACIÓN

15/03/2017 18:12

Esta mañá o IES de Porto do Son quedou SUBCAMPIÓN no Campionato Provincial de Orientación que se celebrou na Laboral en Culleredo!!! Parabéns ás profesoras e profesores, ao alumnado participante e ao do ciclo, que axudou aos rapaces e rapazas a prepararse para a proba! Viñéronse con moitas medallas!

 

 

Como vemos, temos un alumnado que destaca no deporte escolar. Aquí vemos tamén ao grupo que participou o 21 de febreiro no  Campionato Intercomarcal de Bádminton na Serra de Outes.

 

 

DÍA DA MULLER, NA PRENSA E NAS REDES SOCIAIS

11/03/2017 11:59

A Voz de Galicia recolle as manifestacións no Barzanza no Día da Muller. Aí estabamos tamén nós:

 

E nas redes sociais:

 

 

O ENTROIDO DE 1º DE ESO NO 2017

10/03/2017 00:16

O equipo directivo decidiu agasallar o alumnado de 1º de ESO pola súa implicación na festa de Entroido. O 2016- 2017 é o seu primeiro curso no centro e foi o nivel de maior participación de todo o centro!! Detrás hai esforzo e compañeirismo, valores que merecen o noso recoñecemento. Por iso, o mércores, na hora de titoría, convidámolos a un biscoito especial.

 

PARABÉNS para todos eles!!! Encantáronnos os seus disfraces e a posta en escena! Por suposto, tamén felicitamos as titoras e as familias que, de seguro, os animaron a participar! Seguro que no próximo Entroido nos volveredes facer disfrutar! 

Lembrade que podedes ver AQUÍ o vídeo coas imaxes.

 

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER TRABALLADORA

08/03/2017 21:36

8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha data que nos une, que nos lembra o moito que fica por facer, a invisibilidade, a desigualdade, o maltrato, os machismos... Dende o equipo directivo e o profesorado queremos enviar ao alumnado mensaxes que constrúan a crear un mundo máis xusto, de aí que esta mañá nos teñamos sumado á convocatoria do Global Womens Strike, o Paro Internacional de Mulleres. Das 12:00h ás 12:30h, alumnas e profesoras, mesmo algún profesor e algún alumno, concentrámonos demandando os nosos dereitos.

Esta acción colectiva, viña a sumarse a outras actividades que hoxe desenvolvemos no centro arredor do tema da Muller: a inauguración por parte do equipo de biblioteca da exposición sobre Maruxa Mallo, pintora á que se adica este ano o Día das Artes e a visita do alumnado de 4º de ESO da mostra organizada polo Concello de Porto do Son  sobre mulleres científicas dos “Premios María Josefa Wonenburger Planells”.

 

Podedes ver a entrada completa sobre a exposición no blog da biblioteca

O luns, no Club de Lectura, falamos con Susana Sánchez Aríns das súas obras Seique Aquiltadas e contámolo no blog da biblioteca, onde tamén poderedes ler da actividade do martes, na que o alumnado de Bacharelato e Artes Escénicas asistiu no Coliseo Noela en Noia á representación da obra de Shakespeare Soño dunha noite de verán, interpretada pola compañía Voadora en clave de muller, transgresora e actual.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut