Skip to Content

Escolares, Xogade, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Intercambio, Ciclo, Biblioteca, Complementarias, SonCine, Conmemoracións

INTERCAMBIO DE FRANCÉS. ACOLLIDA DO ALUMNADO DE QUIMPER

30/05/2019

Chegaron o xoves pasado, despois de 24 horas en autobús!!! Hoxe marchan estes 25 mozos e mozas de Quimper, coas súas profesoras Sandrine e Caroline.

Para o noso alumnado foi unha magnífica experiencia tanto a nivel cultural como humano. Sempre o é. Abrirse a novas culturas e mellorar a competencia no idioma. Eles, o castelán, nós o francés. 

O programa foi intenso. Houbo excursións, roteiros, praia... Fixéronse xa amizades!

Pois iso, foi un pracer coñecervos! Vémonos a finais de setembro na Bretaña! Boa viaxe de volta!

Grazas ao departamento de Francés por organizar a actividadeSorriso

 

FESTA DE GRADUACIÓN DO CURSO 2018-19!

27/05/2019

Despois dun curso intenso, unha nova promoción pecha a súa etapa no IES de Porto do Son. Forman parte da comunidade educativa que integran os alumnos e alumnas, o  profesorado e o persoal non docente que viviu parte da súa vida formativa e laboral no noso centro. O centro son esas persoas. Non os espazos, ou non só. A carón deles, están as vivencias compartidas nestes anos. Bos momentos e momentos difíciles. Todos eles conforman o que son, o que é o centro. Estudo, Entroidos, excursións, celebracións, amizades, amores, risos...

Música para abrir un acto que presentaron, simpáticos e emocionados, Ricardo e Ismael:

 

Houbo tamén discursos de profes e alumnado que falaron do tempo pasado no centro e dos novos camiños que agora comezan...

...

Recibiron os diplomas que os recoñecen como membros da comunidade do IES de Porto do Son. Como non, o merecido certificado de Matrícula de Honra para Clara Miranda e Adriana Pouso:

Dende o público, a alegría dos convidados, das familias, o profesorado e os compañeiros e compañeiras:

 

Felices, pecharon tamén cantando. Despois, pinchos na cafetería, charla, fotos de recordo... BOA SORTE!!!

 

 

 

 

ÚLTIMA SESIÓN DO PROGRAMA CON-CIENCIA: PARTICIPACIÓN ACTIVA

23/05/2019

"Participación activa: entidades do territorio" foi a última charla que o alumnado de 2º de ESO tivo dentro do Programa Con-Ciencia, iniciativa promovida polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible,  Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia, e no que colaboran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de Oceanográfos de Galicia e a Fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), co respaldo da Consellaría do Mar e o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca). 

Nesta ocasión, a empresaria Janira Somoza, membro da xunta directiva da Asociación de Empresarios de Noia e propietaria dun negocio de restauración, contounos da súa evolución e animou aos alumnos e alumnas a formárense e a seren emprendedores e emprendedoras. Un exemplo a seguir na contorna.

Agora queda a sesión de clausura. O 19 de xuño, unha selección do alumnado encontrarase en Muros cos rapaces e rapazas doustros centros que participaron no programa. 

 

CHARLAS DO PLAN DIRECTOR PARA O ALUMNADO DA ESO

16/05/2019

Esta semana o alumnado da ESO participou no "Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos", da Consellería de Educación. Asistiu ás charlas sobre uso de novas tecnoloxías, drogas e alcohol, impartidas por persoas expertas das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Somos conscientes da necesidade de que o alumnado se forme o máis posible de cara ao seu desenvolvemento integral como persoas responsables tanto consigo mesmo como coa comunidade da que forman parte.

EXCURSIÓN Á ILLA DE ONS DO ALUMNADO DE 2º DE ESO

15/05/2019

Tiñan que ir a semana pasada pero o temporal fixo que aprazásemos a saída. E foi bo! Tan bo que o luns e o martes o alumnado de 2º de ESO tivo uns días estupendos para visitar a illa de Ons! Cos científicos de Arenaria Coordinación, cos que levan facendo obradoiros no programa Con-Ciencia, tiveron o privilexio de coñecer este espazo protexido do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Como quen di, tiveron a illa case para eles sós! Ata falaron con Chefa, unha das mulleres que leva máis tempo vivindo na illa. 

Unha vez máis: natureza, patrimonio e convivencia! Conciencia da necesidade de comprometerse coa Sostibilidade.

  

 

 

   

 

 

 

 

"CARTAS A NINGURES" DENDE ONDA PERSEVEIRA

09/05/2019

Cartas a ningures, ou non. De nós pode depender o futuro da Terra. Así se chama o podcast que gravaron os mozos e mozas de 3º de ESO que participaron no obradoiro de radioteatro con Roberto Casal. Non tería sido posible, como en anteriores ocasións, sen o apoio da OMIX de Porto do Son. Mil grazas! É un luxo contar con actividades coma esta! Parabéns a Roberto e ao alumnado!

Entrade no blog de Onda Perseveira para escoitar o podcast e poder contextualizalo. Alí imos publicando o que gravamos na nosa radio, dentro do programa da Rede de Bibliotecas Escolares,  Radio na Biblio. 

 

XUVENTUDE. OFERTA DE ACTIVIDADES CO PROGRAMA CON-CIENCIA. GALP

08/05/2019

Como pode a xuventude implicarse na súa vila, no seu entorno? Como pode poñer en práctica o seu compromiso para mudar as cousas? De que asociacións formamos parte? Cales hai preto de Porto do Son? En equipos, pensaron nisto. Expuxeron. Preguntaron. 

 O programa Con-Ciencia está a piques de rematar. Moito aprendemos con María e David!!!

 

NATUREZA, SOSTIBILIDADE E DIVERSIÓN EN ALVARELLA!

07/05/2019

A semana pasada, cun tempo estupendo, o alumnado de 1º de ESO visitou o Albergue de Ecoturismo de Alvarella. Foron dous días ben completiños. O xoves, cedo, recibíronnos Sofía, Xosé e Sira. E xa a camiñar ata o mosteiro de Caveiro. Muros, hórreos, muíños, capelas, pontes, fieitos milenarios, árbores da fraga...  Xogando con probas de sostibilidade na palleira e pola finca, cociñando magdalenas na cociña solar (e coa axuda do forno, porque non ía tanto sol. Ben ricas que estaban!), enredando no tempo libre (porque non levamos móbil!!!), ata axudando a limpar no comedor! Con todo o pasamos moi ben!

Os monitores, xenial; a comida das cociñeiras, como na casa, ou mellor!!! Para repetir!!!

 

 

  

 

 

 

 

EXCURSIÓN A PENA AVENTURA

06/05/2019

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO viviu dous días de aventura no medio natural, actividade física e convivencia en Pena Aventura Park. Explorar a natureza, relaxarse e divertirse... e, ao tempo, practicar o portugués. A actividade foi organizada polo departamento de Educación Física. Non hai máis que ver esta foto para ver que ben o pasaron!!

 

 

 

A XUVENTUDE E OS SEUS PROBLEMAS. PROGRAMA CON-CIENCIA. GALP

01/05/2019

Este luns, dentro do programa Con-Ciencia, o alumnado de 2º de ESO, charlou con Carlos Varela Ulla, pedagogo, especialista en xestión cultural e educador social. Con el falaron do presente e do futuro, sobre como se ven e sobre como se queren ver cando sexan adultos. Reflexionaron. Pensaron no camiño. Na responsabilidade que eles mesmos teñen sobre si mesmos e sobre o entorno. Ben interesante!!!

Esta sesión, prevista para o 8 de maio, reemprazou á de "Muller do mar. A gobernanza", que se celebrará nesa data. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut