ACTIVIDADES DO CENTRO

Semana das Letras Galegas no IES Ricardo Mella

 

 

Ollo ao programazo que se vén para esta Semana das Letras 2023, na que gozaremos con actividades moi variadas, como actuacións musicais como a de Aldaolado, faladoiros sobre o galego nas redes sociais con Orgullo Galego, contacontos sobre a figura de Francisco Fernández Del Riego con Raquel Queizás e máis sorpresas, como concursos ou exposicións...

 

Vivan as Letras Galegas no IES Ricardo Mella ‼ #edlgmella #LetrasGalegas2023

Novo programa de Na Onda do Mella: "Galego, lingua mai" (28/4/2023)

 

Xa está no aire "Galego, lingua mai", o traballo radiofónico realizado polo grupo de 1 ESO para Na Onda do Mella, co gallo do Día das Letras Galegas deste ano, no que se homenaxea a Francisco Fernández del Riego. Ademais, neste programa, o grupo participante, tanto o alumnado local como o estranxeiro, reflexiona sobre o uso do galego nas súas vidas coas súas familias...

Non o perdades!! #naondadomella #galegolinguamai #edlgmella

Ligazón ao programa: https://www.ivoox.com/na-onda-do-mella-7-galego-lingua-mai-audios-mp3_rf_107149613_1.html

Saída 3 ao río Lagares (27/4/23)

Velaí unha instantánea da xornada de hoxe no río, na que o alumnado de 4º ESO realizou o roteiro de 4.3 km, onde puido descubrir unha gran diversidade de elementos xeolóxicos, etnográficos, naturais ou mesmo relacionados coa toponimia ou a tradición oral. A primeira parada da ruta foi no Barrio da Feixa, onde visitaron lugares como o Pozo da Serpe ou a central hidroeléctrica, para continuar entre as leiras da zona baixa de Cabral, ata a senda da parte alta do Lagares (Sello), onde recoñeceron algunhas das especies da flora e da fauna do bosque de ribeira galego e mesmo realizaron unha pequena acción ecoloxista facendo unha limpeza de plásticos. Para rematar a xornada da mellor maneira, a derradeira parada foi no Lavadorio Mariñeiras, no Sello, onde alumnado e profesorado lle botaron unhas cantigas como fin de festa...

Hai vida no Lagares!! #proxectolagares #edlgmella

Saída 2 do Proxecto Lagares

Na mañá de hoxe realizouse a 2ª saída do Proxecto Lagares, percorrendo a pé a ruta de 4km que forma o trazado, na que participou o grupo de 1ºESO acompañados polo profesor e divulgador Xosé Couñago, que lles contou historias marabillosas acerca dos muíños, das serpes ou das mouras; ademais de repasar algúns aspectos de toponimia ou de etnografía, como os diferentes nomes do río Lagares ou as diferentes partes dos muíños galegos. A primeira parada foi no Barrio da Feixa, onde puideron descubrir a gran fervenza de 30 metros de altura e o Pozo da Serpe, unha das zonas con máis atractivo do río. Ademais, descubriron as historias da Fábrica "La Cristina", ao pé do río nesta mesma zona, que albergou diferentes usos, dende secadoiro de bacallao, ata fábrica de papel da que saíu o papel para a 1ª edición de Cantares Gallegos. A derradeira parada antes de volver ao noso centro foi na senda do Lagares da zona Cabral-Sello, na que se realizou un recoñecemento da flora e da fauna do bosque de ribeira, e rematou co Xogo da Descuberta, no que o alumnado tivo que realizar diferentes probas entre as que estaba a creación dun herbario ou unha pequena recollida de lixo... 

Durante o percorrido de hoxe puideron descubrir un Vigo diferente, o das vacas, ovellas, cabras, parrulos, coellos, melros, paporrubios, troitas, carpas...

Hai vida no Lagares!! #edlgmella #proxectolagares

Vídeo da saída en: https://www.facebook.com/100087907141771/videos/3461314297489448/

Club de Lectura "As Ramonas"

 
No día de hoxe visitounos Ana Cabaleiro, autora de "As Ramonas", un dos libros escollidos este mes no Club de Lectura do IES Ricardo Mella... Durante a charla puidemos decubrir as entrañas do libro; o que xerou un debate posterior moi pero que moi que interesante... Que enriquecedor é meterse na cabeza dunha escritora!... Moitísimas grazas! Ata a próxima! #edlgmella
Distribuir contido