ACTIVIDADES DO CENTRO

Xuntanza Manga 2023

 

Velaí a representación do Club Manga do IES Ricardo Mella que participou na Xuntanza Manga 2023, celebrada no IES Valadares o pasado venres 14/4/23... Na xornada, o alumnado manga puido gozar de diferentes xogos, como cosplay, consola, quizziz, pictionary ou jugger... e nos que o Club Manga do Mella gañou dúas modalidades, o quizziz e mais o jugger...

Que ben o pasaron! Parabéns á organización! #xuntanzamanga #edlgmella

Saída 1 "Proxecto Lagares"

Onte pola mañá tivo lugar a primeira saída do Proxecto Lagares, na que participou o alumnado dde 1BACH, acompañado por membros de Asociación Ecoloxista ADEGA ; visitando diferentes lugares relacionados co río Lagares, nun roteiro a pé que partiu do noso IES. Para comezar, a primeira parada foi no Pozo e Fervenza da Serpe; despois, xusto ao lado, descubriron a vella central hidroeléctrica e o fermoso salto de auga que provoca. A seguir, a ruta seguíu a pé ata o tramo do río Lagares da zona Cabral-Sello, no que se realizou un recoñecemento de especies autóctonas e invasoras, para rematar coa actividade estrela da xornada, o recoñecemento de macroinvertebrados; co que puideron comprobar a boa calidade do tramo do río no que traballaron. Ademais, durante o paseo fluvial viron diferentes animais de ribeira coma melros, paporrubios ou unha parella de parrulos... e ata un pescador que lles sacou unha troita do río!
Para rematar a ruta, a última parada foi na lavadoiro do Sello, no que botamos unha repichoca como fin de festa...

Vídeo da saída na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/100087907141771/videos/936445857506636
Hai vida no Lagares! #proxectoLagares #peoxectoríos #edlgmella

2ª saída do Proxecto Mámoas (30/3/23)

Nesta segunda saída megalítica, o alumnado de 1º ESO e 1º BACH achegouse ata diferentes dolmens e mámoas da comarca viguesa e redondelá, acompañado polas explicacións do profesor e divulgador cultural Xosé Couñago. Para comezar a ruta visitamos tres mámoas moi próximas ao noso instituto, xa no Concello de Mos.  A primeira parada obrigada foi no Dolmen de Cela, situado no interior do Círculo Mercantil de Vigo; e continuou nas Mámoas do Rebullón, inseridas no interior do Centro Cultural As Pedriñas.  A seguir, viaxamos ata a Mámoa do Rei, xa no Concello de Redondela; para continuar o percorrido a pé pola Ruta das Mámoas de Candeán (Concello de Vigo), visitando os 13 túmulos que a conforman e rematando a xornada diante da Casa dos Mouros, uns dos dolmens máis representativos do megalitismo galaico.

Avante co Proxecto Mámoas!! #edlgmella #proxectomámoas

Sesión de Contacontos con Paula Carballeira

No día de hoxe, 27/3/23, Día do Teatro, tivemos a gran sorte de recibir no IES RIcardo Mella a gran contadora, escritora e actriz de teatro Paula Carballeira; que en primeiro lugar nos falou do seu libro "A era de Lázaro", pois foi un dos libros dos clubs de lectura de febreiro; e finalmente nos deleitou cunha sesión de contos terroríficos para os grupos de 1º e 2º ESO

Sorte a nosa ‼️ Inmensamente agradecides ‼️

Viva a Narración Oral e Viva o Teatro ‼️ #edlgmella

Saída ata o Roteiro das Mámoas de Candeán (23/3/23)

No día de hoxe realizouse a primeira saídas do Proxecto Mámoas  ata a Ruta das Mámoas de Candeán, baixo unha néboa enfeitizadora, que fixo máis espectacular o percorrido. 

Nesta saída bretemosa, parte do alumnado de 4º ESO e 1º FPB do noso IES tivo a fortuna de estar acompañadx pola arqueóloga viguesa Elisa Pereira, que nos foi guiando polos mundos do Neolítico e do Calcolítico. Foi marabilloso escoitar as explicacións dunha das persoas que escavou algunha das mámoas que visitamos. 

Ademais, antes de comezar o roteiro, á primeira hora da mañá achegámonos á Mámoa do Rei, xa en Monte Penide (Concello de Redondela), unha das máis senlleiras de Galicia, berce de lendas e tradicións, e a escasos 2 km das mámoas do Vixiador.

Durante a saída, o alumnado foi facendo diferentes traballos de campo, consistentes no fotografado e gravacións de vídeo e audio, que posteriormente formarán parte de diferentes proxectos educativos, como un programa de radio, un xornal escolar ou un vídeo documental...

Avante co Proxecto Mámoas‼️ Para a semana máis ‼️

Distribuir contido