Skip to Content

Febreiro 2023

Marzo 2023

MUJER SUJETO

Soy las manos que teclean
el pensamiento reproducido en una idea,
un verso, un poema.
La que mancha el papel,
la que escribe el libro.
Cuento, enseño, me equivoco, aprendo.
Soy sujeto.

No recibiré la acción de otros
cayendo sobre todas mis definiciones.
No me aplastará el sentido retórico
de las preguntas cuya respuesta
alguien presupone que debo ofrecer.
No recaerá sobre mí
la intención de quien me quiere.
No venderé mis sueños
ni me alejaré de mi camino
por seguir la estela de lo que cabía esperar.
Subordinada, única y exclusivamente,
a mi propia acción verbal.
Soy consciente de sus expectativas
pero solo cumpliré las mías.

Reconozco que una vez soñé con ser
la mujer de la que hablaban los poetas:
la de la pupila azul,
la que vuela,
la del mirar que escribe mundos
en el infinito,
la del cabello al viento,
la de los besos bienvenidos,
aquella que guardaba
los libros en macetas,
o quizá tan solo,
una más entre todas ellas.

Sin embargo, la realidad, la necesidad,
la verdad se impuso ante los sueños.
No soy la inspiradora de poetas.
Soy el oído al que hablan las musas,
La mano que sujeta el lapicero.
Cuento, enseño, me equivoco, aprendo.
Soy sujeto
en esta oración incompleta
que es la vida
y joder,
cuánto me alegro.

La palabra es nuestra
y también el momento.

                                    Andrea Valbuena (Barcelona, 1992)

Data: 
Mar, 28/02/2023 - 17:25

Marzo 2023

As malas mulleres  de  Marilar Aleixandre

     Novela que narra a situación das mulleres presas nos cárceres galegos na segunda metade do s. XIX e tamén o protagonismo de Concepción Arenal ou Juana de Vega a prol da dignificación das reclusas. Na Galera de A Coruña as reclusas viven sometidas á incomprensión, á infamia e ao trato inhumano e mergulladas nuns muros case infranqueables de silencio e esquecemento onde a sororidade, a aprendizaxe dun oficio e a importancia da lectura se converten na forza motriz e na esperanza para moitas delas.

    “(…) Nas salas todo está sucio; é raro ver un xergón que non estea manchado, unha pelica que non alcatree, un chan que non dea noxo. Mesmo a roupa limpa está sucia e iso acontece en todas as salas. Non puiden entrar na cociña, máis é de supoñer como a terán quen sae dela morriñento e cotroso, guinda o pan sobre as camas (moitas sen nada que cubra o xergón), onde ás veces cae sobre esgarros ou sangue; quen leva a galiña na man, mais que man!
    Outra consecuencia do desaseo son os insectos, mal terrible. Chinchas e carrachos que zugan o sangue, piollos causantes de proídos, pulgas que chimpan dunha cama a outra e a sarna, que eu considero a máis temible, escaravellando por baixo da pel. As roupas de vestir das presas, cando van limpas, adoitan contaminarse no roupeiro coas que están infectadas. Así volven unha e outra vez ás internas, sendo unha das causas da propagación deses animais tan repugnantes para as persoas libres, e que tanto mortifican ás míseras condenadas. (pax. 19)
    (...) Á noite, por veces, acorda desterrida oíndo chorar un neno. Abre os ollos, mais non está na casiña senón no xergón. Talvez algunha das mulleres se laiase en soños. Noutro dormitorio hai reclusas que teñen fillos. Nos seus oídos o choro soou á voz dun neno, a do seu irmanciño Xaquín.
    O primeiro fillo que paríu Encarna, de nome Manuel, naceu no medio do mes de xullo de 1846, un ano antes ca ela. El naceu en agosto, fará dezaseis anos nuns meses. Puxéranlle Francisca pola avoa, aínda que nunca lle chamaron outra cousa que Sisca. Até estes días non matinara en que Encarna tiña dezasete anos, pouco máis do que el agora, ao nacer Manuel; contáralle que casaran tres meses antes. Dous anos despóis dela, en xullo,  paríu unha filla, Rosa, que viviu dezasete días. Aínda virían catro meniños máis: Nola, Rafael, que naceu no ano do cólera e morreu ao día seguinte, Xaquín e Marica. Desde os sete anos Sisca tiña conta dos que viviron, sendo a máis vella das rapazas e a nai con pouca saúde e menos solaz. Nola e máis ela ían coa nai ao río lavar a roupa doutra xente e mais a súa. O último meniño nacera morto un ano de fame e a nai perdeu tanto sangue que houbo morrer. Despois, cantas veces diría pobres de nós, viñeron as desgrazas todas. O que non quere lembrar.
    O pai ía cada día ao cuartel da praza das Atochas, onde limpaba; ás veces traía sobras da comida que botaba ás agachadas nos petos do gabán, tiña vergonza de que alguén se decatase. Vergonza de pasar fame, de non ter que darlles aos fillos mesmo non sendo culpa súa; decote sente vergonza o que non ten por que e o que tería por que non a sente; ou así lle parece. Ao chegar á casa baleiraba os petos das mondas de pataca que a nai lavaba, despois de quitarlles os ollos, e cociñábaas con sebo; disque algunha xente facía tortilla con elas, mais na casa nunca houbo ovos, ao non criaren galiñas e custaren moito. Outros días, era a pel do touciño, rara vez anacos de broa porque marchaban con eles se non os comían no rancho; os que chegaban á casa era por colleren balor; a nai limpábaos para aproveitar o que se podía. Algún día de cocido, ósos da cachucha ou da soá medio rillados, que os soldados non aproveitaran ben e eles deixaban limpos. Unha vez trouxera un mandiño de cabezas de xurelo; os militares foráneos non se afacían coas cabezas de peixe; non cre que lles desgustasen, sería por non as saberen comer. Mais tampouco debían servirlles peixe, agás en días especiais. Adoitaban comer verzas fervidas, cando as había e papas de millo en auga. Unha vez a nai conseguira un pouco leite para os pequenos, gardou media cunca, mesturouno con auga e fixo papas de millo, moi ben lles souberan. Cando morreu Rafael, subíralle o leite, doíanlle os peitos, puxo neles a Nola, que tiña tres anos, e mais a ela, tende coidado, non me morder. Retiróuselle logo, pasaba fame de máis. Con todo e ser cativa, a comida do cárcere é máis abundante que a da casa, ás  veces até mellor se non fose que ten un algo de amarguexo, nos pratos ou na súa propia boca, quen sabe.
    Naquel ano en que naceu o último, o que non chegou a ter nome, Xaquín tiña tres. Era bonitiño coma un sanluís, falaba seguido preguntando por todo na súa media lingua. Sisca ía para doce anos, era o seu meniño, levábao con ela a todas partes menos ao río. As lavandeiras contaban dunha que levara a filla e sen ela se decatar caeu á auga e afogou, desde entón a nai colleu medo do río, aínda sendo tranquilo en Monelos, parecía imposible alguén, nin sequera un neno, afogar nel. Unha mañán Xaquín amenceu coas febres. Non sabían de que enfermara, que ían saber. Até un día que, ao facer o meniño de corpo no penico, viu as lombrigas. Brancas, longas como o seu dedo, finiñas, vivas. Todos padeceran das lombrigas cando nenos, mais nunca viran tantas delas. As lombrigas chuchaban o pouco que comía Xaquín, devorábano polos adentros" (pp. 23-25)

Data: 
Mar, 28/02/2023 - 18:11

23 F: Día de Rosalía

A nosa excompañeira Carme Adán é a autora do Manifesto da AELG para este día:

CUMPRIUSE A XUSTIZA

Salvádeme, berrei. Axudáime, berrei, berrei, berrei...
Rosalía de Castro

As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.

Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

“Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!”

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?                                                                                    

Data: 
Lun, 20/02/2023 - 18:02

A lingua materna de D. Paco del Riego (e nosa tamén)

Lembramos neste día algunhas das reflexións de Francisco Fernández del Riego sobre a lingua galega, a súa lingua materna:

Data: 
Lun, 20/02/2023 - 19:16

Día Internacional da Lingua Materna

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO


    A pesar de que a educación baseada na lingua materna é esencial para contribuír ao pleno desenvolvemento do individuo e transmitir o patrimonio lingüístico, o 40 % dos alumnos do mundo non teñen acceso á educación na lingua que mellor falan ou entenden. Esa situación constitúe un serio obstáculo para a aprendizaxe, a expresión cultural e a construción de vínculos sociais, e debilita profundamente o patrimonio lingüístico da humanidade.

    Por tanto, é fundamental que este factor lingüístico se teña en conta na necesaria transformación da educación, que a UNESCO veu apoiando ao longo de 2022 e que culminou co Cume sobre a Transformación da Educación, convocada polo Secretario Xeral das Nacións Unidas, o Sr. Antonio Guterres, o pasado mes de setembro.

    Para iso requírese, en primeiro lugar, unha mellor recompilación de datos, o que permitirá levar a cabo acciones específicas e adaptadas. Pero o máis importante é lograr unha toma de conciencia máis xeral do valor, tan insubstituíble como fráxil, da diversidade lingüística e cultural do mundo.

    Cada unha das máis de 7000 linguas que fala a humanidade encerra unha concepción única do mundo, das cousas e dos seres, unha forma de pensar e de sentir, ata o punto de que cada desaparición dunha lingua constitúe unha perda irreparable. Neste contexto, o Decenio Internacional das Linguas Indíxenas (2022-2032), cuxo organismo coordinador é a UNESCO, brinda unha importante oportunidade para que a comunidade internacional se mobilice co fin de salvagardar unha parte considerable da diversidade cultural do mundo.

    Ese é tamén o obxectivo deste Día Internacional: celebrar estas formas de expresar o mundo na súa multiplicidade, comprometerse coa preservación da diversidade das linguas como patrimonio común e obrar por unha educación de calidade –na lingua materna– para todos.

https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000384469

 

 

Data: 
!dat-abbreviation Dom, 19/02/2023 - 18:38

De amoribus (XV) VÍCTOR GUTIERREZ

 
No seu perfil de Linkedin, Víctor Gutiérrez preséntase así:
 
Son xogador profesional de waterpolo. Levo máis de 20 anos dedicados ao deporte, e 13 na elite. Fun máis de 70 veces internacional coa selección española  
 
Dobre graduado en Xornalismo e Comunicación Audiovisual e Máster en Comunicación Corporativa, Eventos e Protocolo. Cursando actualmente un MBA
 
En 2016 fixen pública a miña homosexualidade e convertinme no primeiro deportista de disciplina en equipo abertamente gai na historia de España, rompendo este tabú existente no mundo do deporte.
 
Desde outubro de 2021 son o Secretario de Políticas LGTBI do PSOE
 
Desde entón percorrín diferentes puntos do país realizando conferencias e formacións sobre deporte e diversidade afectivo/sexual en distintos ámbitos. Formado pola Comunidad de Madrid como educador na materia, son un especialista no referido á inclusión do colectivo LGTBI. 
 
Utilizando a miña experiencia persoal e os meus coñecementos, tento poñer o meu granito de area para crear espazos máis diversos, e por tanto máis xustos e mellores para todos. Na empresa, igual que no deporte, cabemos TODXS.
 
Bienvenid@ ao meu perfil!
 
 
Víctor Gutiérrez foi unha importante estrela do waterpolo español, actualmente milita no CN Terrassa- e foi nun partido co seu club no que viviu un desagradable incidente que acabaría coa primeira sanción da historia deste deporte por proferir insultos homófobos. Nemanja Ubovic, o xogador do CN Sabadell que increpou a Gutiérrez, foi castigado con catro partidos de sanción polo Comité de Disciplina Deportiva da Federación Española de Natación.
Data: 
Lun, 13/02/2023 - 11:03

DE AMORIBUS. 14 de febreiro de 2023

O equipo da Biblioteca ten preparado un concurso adicado ao amor  para todo o alumnado e profesorado. 

Esta actividade é un pequeno xogo de coñecemento e investigación no que se pode participar de xeito individual ou por equipos (non máis de tres participantes por equipo).

Precisan dun móbil con lector de códigos QR ou un ordenador (xa que o genial.ly ten enlazada a info dos QR)

 

DESENVOLVEMENTO DO XOGO: 

- Na biblioteca están expostos carteis sobre diferentes formas de amor.

- Cada cartel ten un código QR que enlaza co blog da Biblioteca onde está colgada a información sobre a situación ou persona da que se fala.

- Así mesmo, hai dúas preguntas: A primeira é para os niveis de 1º e 2º de ESO e a segunda, para o resto.

- Unha vez se teñan as respostas a todas as preguntas do mesmo nivel de cada cartel, comezarase un Xogo de Breakout on line (ver abaixo os enlaces con QR ou preme na imaxe para acceder). 

- Cando o alumnado sexa capaz de rematar o Breakout, deberá pasar pola Biblioteca do IES para acceder ao Concurso.

XOGO PARA 1º E 2º DE ESO XOGO PARA O RESTO DO ALUMNADO

Xogas con nós? 

Data: 
Lun, 13/02/2023 - 11:20


by Dr. Radut