Skip to Content

co M de Memoria, Muller e Marzo

    Medio cento de alumnos de 1º de bacharelato asistiron ao relatorio “A Muller no Franquismo” impartido por M.ª Victoria Martíns, docente e investigadora, autora de diversos traballos sobre a historia das mulleres, a Sección Feminina ou a represión e regresión da muller na época franquista.
    A relatora fíxonos un percorrido pola situación e vivencias das mulleres durante a longa noite de pedra cando a muller era tratada como un ser menor de idade que pasaba da tutela do pai á do seu esposo. O seu papel na sociedade era a de nai  abnegada e  obediente esposa.

    No libro A virilidade e os seus fundamentos sexuais  o médico xesuíta Federico Arvesu recolle moi ben a mentalidade da época  cando di: "O organismo dunha muller está disposto ao servizo dunha matriz, mentres que o organismo dun home disponse para o servizo dun cerebro". Na mesma liña fala Pilar Primo de Rivera, omnipresente Delegada Nacional da Sección Femenina (rama feminina da Falanxe Española): "Todos os días deberiamos dar grazas a Deus por privarnos á maioría das mulleres do don da palabra, porque se o tivésemos, quen sabe se caeriamos na vaidade de exhibilo nas prazas. As mulleres nunca descobren nada; fáltalles o talento creador reservado por Deus para intelixencias virís. A vida de toda muller, a pesar de canto ela queira simular -ou disimular- non é máis que un eterno desexo de atopar a quen someterse
    Nesta época as mulleres vivían mal. Tiñan que ser o repouso do guerreiro e as perfectas casadas. Non hai que esquecer a segregación da educación por sexo, a explotación do traballo feminino ou  o adulterio da muller penado co cárcere mentres o do varón como moito podería levar ao exilio. Estas e outras discriminacións recibían o aval da lexislación do momento. Por exemplo, o Fuero del Trabajo sinalaba que "o Estado liberará á muller casada do taller e a fábrica". Na súa obra Vida conxugal e sexual o doutor Corominas expón: "Cantas mulleres médico, cantas avogado, cantas licenciadas en ciencias químicas exercen con proveito a súa profesión? A misión da muller non é esta. A muller foi creada para nai de familia, e bastante e moito ten que aprender para cumprir debidamente tan alta misión". De igual xeito Delgado  Capéans  en A muller na vida moderna escribe: "É verdade que hai gobernadoras, deputadas, alcaldesas; podemos afirmar que esas alcaldes e gobernadoras non son máis que figuras decorativas; os discursos, os proxectos de lei, as fondas resolucións, os estudos profundos de alta economía son obra dos seus esposos, se son casadas, e se solteiras, dos seus secretarios ou conselleiros. A oratoria das senadoras, deputadas, etc., é case sempre sinxela. Fáltalles nervio, forza, robustez de pensamento, dominio do auditorio e ata voz  virís".

    Tamén o inspector de ensino primario Adolfo  Maíllo publicou en Educación e revolución: "Moito máis proveitoso e práctico que saber demostrar que os tres ángulos dun triángulo valen dous rectos é para a muller  guisar un prato de patacas de seis maneiras distintas. Aquel teorema non ha de resolverlle na vida ningunha dificultade; en cambio, a preparación deses modestos manxares pode contribuír a aumentar  a estima do seu esposo, a gratitude dos seus fillos e a paz do seu fogar".  A muller -recolle a Enciclopedia escolar de debuxos editada por Afrodisio Augado- “adquire os alimentos, repón a vaixela, compra teas e administra o sobrante  previsoramente para que non falte o sustento nas horas difíciles. Posúe a nai tal espírito de economía que permite ao xornal do obreiro ou ao soldo do funcionario  cubrir ás necesidades e é capaz de impoñerse verdadeiros sacrificios para que non falte o indispensable ao resto da familia"
    Que podemos esperar con esta base ideolóxica? Moitas mulleres, as nosas devanceiras, foron vítimas destas situacións de desigualdade e desdén e moitas delas, heroínas anónimas, morreron sen recibir o recoñecemento e o resarcimento que merecían.
    Cómpre seguir exercendo a memoria coa finalidade de paliar, aínda que tarde, o rudo encono machista que sufriron tantas mulleres durante 40 anos e que dou pé a un inxustificábel esquecemento. Por iso, unha vez máis, agradecemos o proxecto “O pasado por vir” que, patrocinado e financiado pola Deputación, permitiunos a través dunha representación teatral e de varias charlas (e vainos permitir mediante unha exposición) coñecer mellor a nosa historia para que poidamos construír un futuro que evite os males do pasado.



page | by Dr. Radut