Skip to Content

Setembro 22

Cando os lobos escoitaban a radio    de  Pemón Bouzas

O final oficial da Guerra Civil non supuxo o final da loita para tentar recuperar as liberdades perdidas. Algúns homes e algunha muller botáronse ao monte para seguir defendendo os seus ideais. A España famenta e gris da inmediata posguerra sobrevivía reclusa na abafante normalidade imposta polos vencedores mentres un fato de guerrilleiros (David fronte a Goliat) buscaba defender a legalidade republicana en lugares abruptos e montesíos como os territorios lindeiros entre o oriente de Galicia e as terras leonesas, por exemplo La Cabrera.
Alida, viúva dun represaliado, vive no monte, privada dos seus fillos. Joselín (dunha familia que fai de enlace coa guerrilla), perseguido quere integrarse no grupo do mítico Girón. Núñez é un garda civil incapaz de entender as malleiras e a crueldade exercida contra os membros da guerrilla e os seus colaboradores que son cualificados como bandoleiros, acurralados por delatores e traidores. Velaquí algúns dos protagonistas desta narración que se apoia en feitos reais e que contribúe a recuperar a memoria dos “do monte”.

...Que podemos agardar doce anos despois de rematada a guerra? Que podemos agardar despois de cinco anos da aniquilación do nazismo de Hitler e do fascismo de Mussolini? Se as potencias estranxeiras non actuaron antes contra Franco, non o van facer agora porque media ducia de desgraciados, instalados na utopía, resistamos no monte.
    Manuel non lle teme ao monte. É un home do monte. Coñece o monte. Porén, está convencido de que, polo ben dos demais, hai que buscar unha saída, aínda que el non se atreva a dar o paso definitivo. E a saída pasa por fuxir a Francia. Penso que todos estamos máis ou menos convencidos. Quizais eu sexa a única que o pensaría dúas veces, polos meus fillos, pero, a pouco que tivese unha oportunidade clara de marchar con eles, porque Manuel me quixese ao seu lado, quizais marcharía e comezaría unha nova vida a milleiros de quilómetros de miña terra. Estou convencida de que me quere, máis ben tería que dicir que me aprecia, que me respecta e me protexe, pero sei que non son a muller da súa vida. As circunstancias leváronnos a unha relación de convivencia que empezou meses despois de incorporarme á partida, hai xa varios anos. Pero Manuel é un lobo solitario que ten as súas amizades repartidas por moitos lugares de La Cabrera e do Bierzo. Non llo reprocho. Agradézolle toda a axuda, todo o apoio e o cariño que me ten dado e que me dá. Agradézolle os seus desvelos polos meus fillos. Pero de momento, o futuro é mañá. Pasadomañá está demasiado lonxe. O futuro non existe.
    Escureceu e segue a nevar. Sinto voces, e todos nos mantemos alerta. É José, un dos nosos enlaces de Forna, que vén de avanzada para saber se todo está en orde. Comproba que si e, dando un rodeo, volve á entrada da vila para lles indicar aos da partida que o camiño está franco. Despois,  José desanda os seus propios pasos para regresar á súa casa en Forna, á que chegará dúas ou tres horas máis tarde, ben entrada a noite. Entre nós, saúdos de benvida con efusividade contida, como sempre ocorre cada vez que os membros da partida nos separamos e, pasado o tempo, nos reencontramos. Nunca sabemos se nos volveremos ver, aínda que a nosa actitude sexa sempre optimista. Porén, o aspecto de Manuel, o de Quico tamén, é máis serio ca de costume. Os dous adiantáranse ata Santa Eulalia, unha pequena vila no máis fondo das entrañas de La Cabrera, para buscaren casas onde podernos ocultar uns días. Ese é o noso fado, hoxe aquí e mañá noutra vila, e dous ou tres días máis tarde noutra diferente, para así podermos despistar a forza.
    Santa Eulalia é unha vila pequena, coma case que todas as da comarca, na que sempre nos sentimos cómodos. A maioría dos veciños, con maior ou menor decisión, apóiannos; é difícil que alguén nos delate, igual pasa en Silván, Forna, Corporales, Castrillo, Quintanilla e nalgún outro lugar. Pero esta noite o rostro de Manuel aventura pesadumes, malas sensacións.
    -Como acabades de ver -empezou dicindo- viñemos con José. Porén, a cousa está moi mal. Non imos ir a Santa Eulalia.
    -Que pasou? -preguntou Zapico.
    -Antonio. A Antonio déronlle de carallo -respondeu Quico con certo dramatismo na súa expresión, dramatismo suavizado pola temperanza da súa voz, nova coma el, pero que transmite a forza, o vigor e o optimismo dos vinte anos-. E a Benxamín tamén lle deron duro.
    -A cousa está cada vez peor -continuou Manuel Girón, moito máis circunspecto-. Déronlles con ganas. Resistiron e non abriron a boca, pero zoscáronlles ben duro.
    -Fillos de puta! -exclamou Jalisco.
    -Cabróns! -insistiu o rapaz cando conseguiu deixar de tusir.
    -Antonio pediume que lle fixésemos o favor de non volver por alí -explicou Manuel-. Dixo que non sabería canto máis podería aguantar. Con tanta malleira, o último que quixer é perder a dignidade e acabar delatándonos.
    A amargura e a desolación instaláronse nas facianas de todos nós. Quico movía a cabeza cavilando sobre o que Girón dicía, algo que el mesmo puidera comprobar. Sabía,  como sabiamos todos, que teriamos que aguantar o que quedaba de inverno baixo a protección desta comarca, agardando a que chegase un tempo máis favorable para poder abrir novas canles no Bierzo que nos permitisen a retirada a Francia. Os demais permaneciamos atentos ás palabras do noso líder, con actitudes reservadas e mostras de desánimo. Confiabamos nel e agardabamos polas súas palabras e decisións, sempre elixidas con bo criterio, sempre pensando no ben do grupo.
    -Mañá, a primeira hora, sairei para Corporales -dixo Manuel buscándome coa mirada.
    -Desta volta, eu irei contigo -apuntou Pedro Juan Méndez, alias Jalisco.
    -Non. Ti vas ir cos demais a Baillo, e vas agardar polas nosas indicacións...

(páxs 37-39)



page | by Dr. Radut