Skip to Content

Xuño 2023

Non te equivoques…
A poesía non está só na rima.
Hai poesía
no mar onde comezas a viaxe
no almorzo, entre o pan e o chocolate
no arrecendo a leña do inverno
no caer maino da xeada, da neve
no vento.
A poesía pon lentes de sol nas mañás do verán.
Sabe a café e a empanada.
A poesía lembra o brillo das estrelas sobre as montañas
mais tamén as curvas desas estradas
polas que abandonas os motores
e corres
soñando ser paxaro
sen niño,
pega que volve ao campo,
río.
A poesía non está só nos versos
nin nas palabras.
Hai máis poesía na tinta que escribe o camiño das luras
ou nos carreiros que cruzan as leiras.
A poesía anda solta,
poderías non cruzarte nunca con ela
pero sempre alguén te leva ao seu encontro
cun sorriso
porque sabe
que a poesía vai saltarche á cabeza
coa percusión dunha melodía,
o ataque dun enxame de imaxes,
e quererás agarrala,
pechala
nun poema.
Pero…
Non te equivoques…
A poesía é libre,
tan libre
coma ti,
lembra


Paula CARBALLEIRA (Fene, 1972)
https://www.anpasgalegas.gal/2020/08/paula-carballeira-non-te-equivoques/

Data: 
Mér, 31/05/2023 - 10:54


page | by Dr. Radut