Escolares, 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, 1º Bacharelato, 2º Bacharelato, Ciclos, Ed. física, Música, Idioma estranxeiro, 1º ESO

Charla sobre a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores

O equipo directivo do instituto e a ANPA El Pino estamos a organizar para as familias dos alumnos unha charla informativa sobre a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores de idade (prevención de condutas infractoras e consecuencias legais destas). Será impartida por persoal da asociación Arela e terá lugar no Salón de Actos do centro o martes 19 de novembro entre as 20.00 e as 21.30 h. Para que esta actividade quede organizada de xeito definitivo, é preciso contar cun mínimo de vinte e cinco persoas. Así, pedímoslles que, de estar interesados en asistir á charla, nolo fagan saber enviándonos un correo electrónico (último día para facelo xoves 14 de novembro) ó seguinte enderezo: ies.torrente.ballester@edu.xunta.es Nesa mensaxe deben indicar os seguintes datos:

          .- O seu nome e apelidos

          .- O nome e apelidos do/da seu/súa fillo/a

          .- O curso do/da seu/súa fillo/a

Premio "Vicente Ferrer"


 


O IES Torrente Ballester gaña o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento da Aecid

O proxecto Escolas sen Racismo implementado por Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz cun obradoiro de televisión valeulle o recoñecemento

Pontevedra, 4 de novembro de 2013.- O IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, resultou galardoado co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’ polo proxecto Escolas sen Racismo, promovido no centro pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación- e o Ministerio de Educación outorgan o devandito recoñecemento, este ano na súa edición especial 25 Aniversario da Aecid.

 

A experiencia premiada levouse a cabo no instituto pontevedrés durante o curso 2012/2013 co cofinanciamento da Xunta de Galicia e centrouse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión, que culminou coa gravación dun programa no que se incorporaron reportaxes sobre comercio xusto, migracións, a comunidade xitana ou o alumnado con discapacidade (o vídeo pode verse facendo clic neste enlace). Tamén se traballou nas aulas sobre o Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento, e coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tarefa da que resultaron murais e poemas.

 

Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento entregaranse o vindeiro 13 de novembro en Madrid aos quince centros gañadores, dos que o instituto Torrente Ballester é o único galego. En virtude deste galardón, dous docentes do IES participarán previamente nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en educación para o desenvolvemento que se celebrará do 6 ao 12 de novembro entre Mollina (Málaga) e Tánxer.

 

O IES Gonzalo Torrente Ballester incorporouse o pasado ano ás Escolas sen Racismo, que son unha vintena en Galicia e máis de cincocentas en Europa. Neste curso, o instituto volve sumarse á programación da rede, canda outros sete centros educativos, con diversas actividades para a educación en valores.

Magosto

O instituto celebrará o magosto o vindeiro venres 9 de novembro entre as 11.15 e as 12.15 horas. Dende o equipo directivo queremos convidar a todos os membros da nosa comunidade educativa a participar neste festexo popular.

Inicio das actividades lectivas (curso 2013-2014)

Tal como recolle o artigo 5.2 da Orde do 24 de maio de 2013, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2013-2014, o inicio das actividades lectivas na educación secundaria obrigatoria (ESO), no Bacharelato e na Formación Profesional terá lugar o día 16 de setembro. En datas previas a ese día de inicio informarase ao alumnado matriculado no centro do horario de incorporación a cada nivel.

CONFIRMADA - Charla sobre comunicación cos nosos fillos adolescentes

CONFÍRMASE QUE FINALMENTE A CHARLA TERÁ LUGAR O VINDEIRO MARTES 28 DE MAIO DE 20.30 A 21.30 HORAS NA AULA 27 (2º ANDAR DO INSTITUTO).

 O instituto e a ANPA El Pino están a organizar para as familias dos alumnos unha charla informativa sobre comunicación cos nosos fillos adolescentes. Esta actividade será desenvolvida por colaboradores de Cruz Vermella e terá lugar no Salón de Actos do centro o vindeiro martes 28 de maio entre as 20.30 e as 21.30 horas, aínda que se podería estender un pouco máis en función do grao de participación dos asistentes. Para que esta actividade quede organizada de xeito definitivo é preciso que se inscriban un mínimo de vinte e cinco persoas. Polo tanto, co fin de saber se contamos cun número de persoas o suficientemente numeroso, dende o equipo directivo pedímoslles ás familias interesadas en participar nesta charla que nolo confirmen a través dos seguintes medios: 

       .- devolución da carta entregada polo centro ós alumnos;

       .- teléfono do centro: 986863612 (preguntar por Óscar Pedrido, vicedirector);
       .- correo electrónico: ies.torrente.ballester@edu.xunta.es 

A data límite para comunicar o interese en participar na charla é o vindeiro luns 20 de maio.

Visita ó IES de Montecelo

Hai uns días un grupo de alumnos do instituto visitou o IES de Montecelo, co fin de coñecer os títulos de PCPI que alí se ofrecen e as instalacións onde se imparten. Aquí queda unha imaxe desta actividade.

Escolas sen racismo

O luns 29 de abril entre as 10.30 e as 11.15 horas, nunha cerimonia que terá lugar no Salón de Actos do instituto, seralle entregada ó centro unha placa que simboliza a adhesión do noso instituto á rede europea "Escolas sen racismo: Escolas para a Paz e o Desenvolvemento". Este proxecto iniciouse en Bélxica hai xa vinte e cinco anos e hoxe en día están implicados nel centos de centros educativos dese país, de Alemaña, Francia, Holanda, España...
A placa será entregada por representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e da Asemblea Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), entidades que desenvolven este proxecto en Galicia. No acto participarán todos os alumnos de 1º e 2º de ESO, que en distintas actividades elaboraron unha serie de materiais relacionados coa educación en valores, feito polo que nos unimos á citada rede. 
Dende o equipo directivo invitamos a participar nesta actividade a todos os membros da nosa comunidade educativa que estean interesados.

Asistencia a un xuízo na Audiencia Provincial

Os alumnos de 4º A e B de ESO tiveron onte a oportunidade de asisitir a un xuízo por tráfico de drogas na Audiencia Provincial. Despois de seguir o desenvolvemento deste e de comprobar in situ todos os pasos que se deben seguir nun proceso xudicial, puideron conversar cos xuíces, co fiscal, coa avogada da defensa e coa secreataria do xulgado. Aquí tedes unha imaxe desta actividade.

Actividades na semana do 22 ó 26 de abril

Durante a semana do 22 ó 26 de abril os alumnos do instituto van participar nas seguintes actividades complementarias:

     .- asistencia a un xuízo na Audiencia Provincial (alumnos de 4º A e 4º B de ESO; martes 23 de abril);

     .- asistencia a dous concertos didácticos no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela (alumnos de Música de

        3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato; mércores 24 e xoves 25 de abril);

     .- visita ás instalacións dos PCPI do IES de Montecelo (alumnos de 1º e 2º de ESO; venres 26 de abril).

 

Actividades da Biblioteca (abril-maio de 2013)

Durante os meses de abril e maio o Equipo de Biblioteca vai organizar unha serie de actividades relacionadas co mundo do libro, da literatura e da música. Inclúense entre elas concursos, exposicións, charlas con autores, actuacións musicais, etc. Na biblioteca poderedes atopar máis información sobre o desenvolvemento e as bases de todas estas actividades. Nós, polo momento, deixámosvos aquí o cartel deste conxunto de eventos que demos en chamar "Entre o libro e as letras": portada e contraportada.

I Certame de deseño de portadas

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o equipo de traballo da biblioteca María Victoria Moreno do noso instituto convocan o "I Certame de deseño de portadas". Aproveitando a exposición montada no centro ó redor da vida e a obra do noso compañeiro Manuel Lourenzo González, profesor e escritor, o obxectivo deste certame é deseñar unha nova portada para un dos libros publicados por Manuel Lourenzo. Facendo clic neste enlace poderedes acceder ás bases deste concurso. Lembrade que o prazo de presentación dos traballos estará aberto entre o 12 de abril e o 6 de maio (ambos os dous días incluídos). Animádevos a participar.


 

Exposición sobre Manuel Lourenzo

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca do instituto elaboraron e montaron na biblioteca unha exposición sobre a persoa e a obra do noso compañeiro profesor Manuel Lourenzo González. Esta exposición pretende ser un xeito de recoñecer o seu labor como escritor, unha carreira que nos últimos anos foi distinguida con diferentes premios (Xerais 2008, Barco de Vapor 2011 e Blanco Amor 2011). A mostra, que permanecerá montada ata os últimos días do mes de maio, inclúe paneis informativos sobre a súa vida e a súa obra, unha selección dos seus textos publicados e unha pequena colección de "obxectos dunha realidade ficticia". Os organizadores da exposición e o equipo directivo animan a todos os membros da nosa comunidade educativa a visitar a exposición. Aquí quedan algunhas imaxes (1, 2, 3).

Día Internacional do Pobo Xitano

O día 8 de abril está recoñecido como o Día Internacional do Pobo Xitano. Para conmemorar esta data sinalada, montouse no instituto unha exposición sobre a orixe, a historia, a música e outros elementos culturais propios deste pobo. Esta mostra púidose levar a acabo grazas ós paneis cedidos pola Fundación Secretariado Xitano. A exposición estará no centro ata o venres 12 de abril. Aquí vos deixamos algunhas imaxes (1, 2, 3).

Actividades na semana do 8 ó 12 de abril

Durante a semana do 8 ó 12 abril os alumnos do instituto van participar en dúas actividades complementarias, que consistirán en:

      .- visita á factoría de reciclaxe de SOGAMA (alumnos de 4º B, C e D de ESO; xoves 11 de abril);

      .- charla sobre riscos ó navegar por internet impartida por membros da Policía Nacional (alumnos de 1º de ESO; 

         venres 12 de abril).

Visita á Facultade de Bioloxía da UVigo

O pasado venres os alumnos de 1º de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía visitaron a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Alí tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións e o funcionamento dun centro universitario, así como de tomar contacto co plan de estudos dun grao e de participar nalgunhas clases prácticas nos laboratorios. Aquí vos deixamos algunha imaxe desta visita. 


 

SOLICITUDE DE ADMISIÓN DE ALUMNADO (Curso 2013-2014)

Hoxe, venres 5 de abril, comezou o prazo de solicitude de praza para o curso 2013-2014. Este proceso estará regulado pola Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG do 15 de marzo de 2013). Facendo clic neste enlace atoparase un resumo dos aspectos máis salientables do proceso de admisión. En todo caso, lémbrase a todos os interesados que o PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES ESTARÁ ABERTO DO 5 Ó 17 DE ABRIL, ambos os dous días incluídos.

Actividades de formación en linguas estranxeiras (2013)

No DOG do 22 de marzo publicouse a Orde do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2013. Facendo clic neste enlace poderedes consultar os aspectos máis salientables desta convocatoria. De todos os xeitos pódese acceder ó texto íntegro da convocatoria dende esta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/8911

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES REMATA O 22 DE ABRIL.

 

Club de debate

O pasado sábado 2 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º B, dirixidos polo profesor Xosé Álvarez, participaron na fase provincial do IV Club de Debate do Concello de Pontevedra. A actividade tivo lugar no Pazo de Cultura. Os nosos alumnos acadaron un meritorio terceiro posto neste evento, no cal debateron en quendas con estudantes doutros institutos e colexios da capital e a comarca, como o IES Ponte Caldelas, o IES Sánchez Cantón, o IES Luís Seoane, o IES A Xunqueira I, o IES de Poio e o colexio Salvador Moreno. Facendo clic no seguinte enlace poderedes acceder a unha reportaxe sobre o debate publicada por Ponte.TV: http://www.ponte.tv/2013/02/a-favor-ou-en-contra.

Aquí vos deixamos unha foto do equipo que nos representou. PARABÉNS A TODOS POLO VOSO ESFORZO.


Función teatral

O pasado 1 de febreiro os alumnos de 3º de ESO asistiron á representación teatral da obra "Azos de esguello" de Euloxio R. Ruibal no Teatro Principal. Aquí queda unha foto do grupo que participou nesta actividade.
 

Distribuir contido