Convocado o certame Cooperativismo no ensino 2020

O Consello Galego de Cooperativas ven de convocar recentemente (Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 3 de decembro de 2019, DOG nº 5 do 9 de xaneiro de 2020) o certame Cooperativismo no ensino 2020, cuxo obxecto é difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

O certame premiará actividades e proxectos en tres modalidades e seis categorías:

  • Modalidade 1. Actividades artísticas: Poderá consistir na realización de debuxos, pinturas, maquetas, fotografías ou vídeos. Inclúe catro categorías de participación por niveis dirixidas, respectivamente, a alumnado de 2º ciclo de educación infantil, 1º e 2º de educación primaria, 3º e 4º de educación primaria e 5º e 6º de educación primaria.
  • Modalidade 2. Actividades cooperativizadas: Integra unha única categoría dirixida a alumnado de 1º e 2º ciclo de ESO e poderá consistir na organización de viaxes de ampliación de estudos, festivais de fin de curso, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas audiovisuais e obras de teatro, entre outras.
  • Modalidade 3. Proxectos empresariais cooperativos: Nunha única categoría poderán concorrer proxectos empresariais baixo a fórmula cooperativa que deben ser orixinais, coherentes e viables e estar desenvolvidos polo alumnado de ensinanzas de réxime especial e Formación Profesional.

Nas modalidades 1 e 2 premiarase con 2.500 € un traballo por categoría e está previsto tamén un accésit de 1.500 € por categoría.

Na modalidade 3 está prevista unha dotación de 4.500 € para o mellor traballo e un accésit de 3.500 € para o proxecto finalista.

Para participar no concurso pode consultar a web https://sede.xunta.gal/portada ou http://www.eusumo.gal/ ou chamar ao teléfono 881 999 268.

O prazo de participación estará aberto ata o 30 de abril de 2020.

Etiquetas: