Gallego

O servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia está a participar no proxecto europeo KA2 "Sportsign: Sign Language Index for Sports and Physical Education".

Sportsign
Sportsign
Gallego

SportSign ten como obxectivo desenvolver un Glosario Deportivo Bilingüe que funcionará como unha ferramenta pedagóxica de autoaprendizaxe gratuita utilizando un enfoque innovador para incrementar a efectividade da estratexia pedagóxica dirixida a estudantes xordos en Educación Física e Deportes. Os principais grupos destinatarios deste proxecto son: profesores de Educación Física, persoas intérpretes de lingua de signos e alumnado con discapacidade auditiva.

Participamos un total de 4 países: Eslovenia, Italia, Portugal e España, sendo o Portugal o país coordinador.

Máis información

Sportsign

 

Tema: 

Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado

Esta guía parte da necesidade de involucrar a toda unha comunidade (familias, docentes, persoal sanitario, persoal auxiliar) no proceso de recuperación e reintegración do alumnado afectado dunha enfermidade que supón un afastamento temporal, case sempre prolongado, da súa contorna académica habitual. Desta maneira acométese un protocolo para minimizar as consecuencias emocionais, psicolóxicas e educativas inherentes a esta longa ausencia do ámbito social ordinario do alumnado.

Gallego
Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado

Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e  Universidade da Xunta de Galicia  e a Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame)

Ponse a disposición das comunidades educativas o Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e  Universidade da Xunta de Galicia  e a Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea

Gallego

Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado

A Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado, é un documento que servirá de axuda neste proceso ao círculo de persoas que rodean ao alumno durante a súa recuperación, e que se basea nas necesidades detectadas por persoas que xa viviron esta experiencia.

Esta Guía busca involucrar a toda a comunidade (familias, docentes, persoal sanitario e auxiliar) no proceso de recuperación e reintegración do alumnado afectado por unha longa hospitalización na súa contorna académica habitual, minimizando as consecuencias emocionais, psicolóxicas e educativas, considerando a escola como un factor de normalización.

Neste sentido, propón actuacións directamente relacionadas co alumnado afectado e a súa familia como co centro educativo, o profesorado e os compañeiros do estudante. Así, recolle as situacións e emocións que se poden producir nesta circunstancia e propostas para abordalas (flexibilización das normas do centro, preparación do grupo de aula, fomento da comunicación, apoio personalizado...).

Para facilitar este traballo, a guía contén unha proposta de intervención no proceso de regreso ao centro educativo do alumnado tras a súa hospitalización, estruturada en nove actividades diferentes, en función da idade do estudante afectado, que teñen como obxectivo potenciar conceptos emocionais como a asertividade, a empatía e a resiliencia. As accións están enfocadas, así mesmo, cara ao autocoñecemento do alumno, a súa concentración, a relaxación e a proactividade.

Todas as actividades incluídas son multioperativas, de tal forma que poden aplicarse segundo as necesidades puntuais que vaian xurdindo en cada caso particular. O documento inclúe, así mesmo, recursos para o desenvolvemento das diferentes accións propostas.

Gallego
Asotrame

Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Asociación de Altas Capacidades (ASAC)

Ponse a disposición das comunidades educativas o Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia  e a Asociación de Altas Capacidades (ASAC)

 

Gallego

Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns Amencer-Aspace

Ponse a disposición das comunidades educativas o Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia  e a Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns Amencer-Aspace.

Gallego

A Xunta, a Fundación María José Jove e INGADA levan formados preto de 1.300 docentes na abordaxe educativa do TDAH

O acordo de cooperación, en marcha desde o curso 2014/2015, renovouse hoxe nun acto no que se galardoaron os proxectos gañador e finalistas da VI Bolsa Ingada-María José Jove

Gallego
A Xunta, a Fundación María José Jove e INGADA levan formados preto de 1.300 docentes na abordaxe educativa do TDAH

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA), levan formados desde o curso 2014/2015 preto de 1.300 docentes en 38 actividades formativas para a abordaxe educativa do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), ao abeiro do convenio de colaboración subscrito para este fin. A conselleira, Carmen Pomar; a presidenta da devandita Fundación, Felipa Jove; e o presidente de Ingada, Ángel Carracedo; asinaron hoxe a addenda a este acordo, nun acto no que se deron a coñecer os proxectos gañador e finalista da VI Bolsa Ingada-María José Jove.

Durante a súa intervención a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, sinalou como un dos principais obxectivos do seu departamento o impulso da calidade de resposta educativa fronte á diversidade

Pomar explicou que a Xunta de Galicia leva anos traballando no desenvolvemento dun sistema educativo inclusivo e equitativo, tarefa na que sinalou como fito o  Decreto 229/2011 de atención á diversidade do alumnado, “que  situou a Galicia como pioneira no conxunto de España, e cambiou tamén o concepto da atención á diversidade, deixando atrás a noción de discapacidade para contemplar unha realidade máis ampla, na que todos e cada un de nós somos diferentes e diversos”.

“Con esta  base –explicou– desenvolvemos distintos protocolos a partir da colaboración con asociacións para a atención á diversidade na aula, profesionais do mundo sanitario e universitario e outras institucións”, dos que un dos primeiros foi o Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario. Así mesmo lembrou que se creou na Consellería o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa, centrado nas medidas para o fomento da equidade e a inclusión, o impulso á orientación educativa, o asesoramento ás familias e á coordinación dos axentes da comunidade educativa.

A conselleira quixo agradecer o compromiso dos docentes, como os recoñecidos no acto de hoxe, e reafirmou a aposta decidida do seu departamento pola formación do profesorado, na que se enmarca o convenio de colaboración que se asina anualmente coa fundación María José Jose e Ingada para a abordaxe do TDAH. Así mesmo, destacou a contribución destas dúas entidades á formación continua e á actualización do profesorado. “Todos estamos inmersos no proceso de educar aos cidadáns da Galicia do século XXI. E nese proceso non podemos permitirnos o luxo de deixar a ninguén detrás”, dixo.

Curso de formación

Os cursos de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) impartidos ao abeiro da colaboración entre as tres devanditas entidades están dirixidos a docentes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Trátase de formación impartida por neuropsicólogos, psiquiatras, logopedas, médicos e pedagogos co obxectivo de achegarlles aos asistentes o coñecemento necesario sobre o TDAH, para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento do alumnado e a súa integración

Colectivo: 

Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Dislexia (AGADIX)

Ponse a disposición das comunidades educativas o Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Dislexia (AGADIX)
 

Gallego

A Consellería de Educación publica o primeiro Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe

Carmen Pomar presentou hoxe o documento

O documento salienta a importancia da detección e da colaboración entre todos os axentes implicados

Faise fincapé na metodoloxía de aprendizaxe do alumnado como base para calquera intervención psicoeducativa

O protocolo facilita a familias, docentes e orientadores unha serie de indicadores de alerta, relación de probas estandarizadas e compoñentes esenciais do proceso de detección e avaliación do alumnado

Ademais hoxe asinouse un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Dislexia para mellorar a atención educativa a este alumnado

Gallego
A Consellería de Educación publica o primeiro Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada da presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales; presentou hoxe o primeiro Protocolo para a Intervención Psicoeducativa da Dislexia e outras Dificultades Específicas da Aprendizaxe, un documento dirixido a facilitar a atención educativa deste alumnado, ofrecendo ás familias, aos docentes e aos servizos de orientación indicadores para o proceso de detección, pautas para a intervención psicoeducativa e para o proceso de seguimento e de avaliación. Así mesmo, relaciónanse as ferramentas TIC máis axeitadas para estes casos e as probas estandarizadas útiles, entre outras ferramentas.

Segundo explicou a conselleira, o documento que publica o seu departamento é un recurso que visibiliza as alertas que permiten identificar as dificultades para poñer en marcha, de xeito coordinado, todos os recursos humanos e materiais  presentes nos centros educativos para actuar tanto desde a prevención como da propia intervención psicoeducativa. Ademais Carmen Pomar destacou que un dos puntos fortes do protocolo é que fai fincapé na prevención, dado que “a dislexia non é fácil de detectar, senón que implica un proceso de detección, de seguimento da alumna ou do alumno”.

Traballo multidisciplinar

A conselleira explicou que o Protocolo é o resultado dun traballo multidisciplinar e que a súa elaboración contou coa participación de profesionais de ámbitos como os servizos de orientación, a universidade, os centros educativos, as entidades sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade educativa do alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe e as propias familias dese alumnado. Deste xeito, a Consellería pon de manifesto desde o primeiro momento que un dos elementos clave no tratamento destas dificultades de aprendizaxe é a colaboración entre todos os axentes implicados.

Neste sentido Pomar agradeceu tanto o traballo do grupo redactor do protocolo, facendo especial fincapé no papel das entidades e agradecéndolles os seu traballo. “Mantemos relación constante con máis dunha trintena de asociacións centradas na atención á diversidade, na maioría dos casos compostas por familiares das persoas afectadas. Familias ás que escoitamos e coas que debemos colaborar porque son quen mellor coñecen o alumnado e son piares fundamentais para calquera intervención educativa”.

Así mesmo a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo destacar o traballo dos centros de ensino, o profesorado e os servizos de orientación, “responsables de detectar, poñer en marcha, avaliar e facer o seguimento das medidas educativas e, sobre todo, de construír centros inclusivos nos que estas diferenzas sexan oportunidades e nos que cada un aprenda en función das súas capacidades”.

Necesidade específica de apoio educativo

O documento divídese en nove epígrafes, do que o primeiro funciona como introdución. Nel sitúase a dislexia e as demais dificultades de aprendizaxe –discalculia– dentro das necesidades específicas de apoio educativo, ás que se debe dar  resposta cos medios e recursos que cada alumno necesita para acadar unha escola inclusiva.

Ademais, faise fincapé na necesidade de considerar, en primeiro lugar, a metodoloxía de aprendizaxe, a forma de aprender do propio alumno, os seus coñecementos previos... e todo o que vai condicionar a súa aproximación ao currículo, co fin de evitar dificultades.

Delimitación conceptual

Na segunda epígrafe abórdanse os aspectos conceptuais da dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, considerando os factores causais e as características das dificultades da lectura, da escritura e das matemáticas. Trátase de achegar a información teórica necesaria para comprender os procesos cognitivos que interveñen na lectura, na escritura e no cálculo.

Neste sentido ofrécense definicións das dificultades específicas da aprendizaxe tanto desde o punto de vista académico como do da lexislación educativa e desde un enfoque clínico. Así mesmo debúllanse os factores causais –biolóxicos, cognitivos, socioafectivos e motivacionais, familiares e escolares–.

Abórdanse tamén as características e tipos das dificultades específicas da aprendizaxe e explícanse os erros que leva consigo cada unha delas e os signos de alerta que poden denotar que unha persoa as padece.

Identificación

Continuando nesta liña, o epígrafe terceiro desenvolve todo o proceso de identificación do alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, tanto desde os

primeiros indicadores como do conxunto do proceso de detección e valoración polos servizos de orientación, facendo fincapé en que esta detección ten como principal finalidade contribuír ao axuste da intervención educativa por parte do profesorado e, de ser o caso, da familia.

Para isto descríbense indicadores de identificación dirixidos ás familias –diferenciados pola idade do menor– e ao profesorado –diferenciados pola etapa educativa–. Tamén se ofrecen pautas para a detección desde o punto de vista do profesorado titor e para a valoración por parte dos departamentos de orientación, que elaboran o informe psicopedagóxico.

O Protocolo salienta que esta fase é fundamental para o axuste e individualización da intervención educativa e que debe ser desenvolvida, principalmente, pola xefatura do departamento de orientación de cada centro coa colaboración, de ser o caso, do equipo de orientación específico.

Intervención psicoeducativa

Na cuarta epígrafe abórdase a intervención psicoeducativa, considerando tanto o propio enfoque metodolóxico -que pode actuar como auténtico factor de prevención- como as orientacións para o alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, para o centro educativo, para o profesorado e para as familias.

Neste sentido incídese en que o éxito do proceso de ensino e aprendizaxe require unha coordinación moi estreita entre todos os axentes implicados na educación e no desenvolvemento integral do alumnado: familia, profesorado titor, profesorado de apoio, resto de docentes e, de ser o caso, outros profesionais externos ao centro que participen no proceso educativo.

Avaliación

A avaliación do alumnado debe ser entendida como un contínuum, que forma parte dos procesos de ensino e de aprendizaxe e que ten como principal finalidade obter información que permita adecuar o proceso ao progreso real na construción de aprendizaxes por parte de cada unha das alumnas e alumnos.

Para abordala dun xeito axeitado, a epígrafe quinta ofrece orientacións sobre o desenvolvemento do proceso da avaliación curricular. Así mesmo, incídese na necesidade de sumar a estes aspectos específicos un extraordinario coidado do desenvolvemento psicolóxico, do terreo emocional, de forma que o alumnado perciba que o profesorado coñece e comprende a súa realidade, que lle vai axudar en todo o que precise, considerando para iso a flexibilización dos tempos na realización das tarefas, así como as formas de manifestar a súa competencia, pero que tamén lle vai esixir esforzo e rendemento acorde ao seu potencial.

Seguimento

A sexta epígrafe ofrece orientacións para levar a cabo un seguimento adecuado da intervención psicoeducativa do alumnado, considerando catro niveis: alumnado, equipo docente, departamento de orientación e familia. Neste apartado indícase, ademais, que no informe de avaliación individualizado que se elabore ao remate do curso, o profesorado titor, asesorado polo orientador ou pola orientadora do centro, recollerá información referida ás medidas educativas adoptadas, aos resultados de ditas medidas e ás orientacións ou propostas para o seguinte curso escolar.

Así mesmo, ao comezo de cada curso, a persoa orientadora será a encargada de informar ao profesorado titor e ao equipo docente das necesidades específicas de apoio educativo do alumnado e das medidas propostas, en base ao informe psicopedagóxico e á información do equipo docente do curso anterior e da familia; intentando darlle continuidade ás medidas xa adoptadas e ofrecendo outras novas ao longo do proceso formativo.

Recursos e ferramentas

As tres última epígrafes van dirixidas a ofrecer recursos e ferramentas para a intervención psicoeducativa deste alumnado, tales como unha relación de recursos TIC que poden ser moi útiles e contribúen ao cambio metodolóxico (epígrafe sétima) ou unha relación de bibliografía para afondar no coñecemento da propia dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe (epígrafe oitava).

Na  epígrafe novena figuran os anexos I, II, III e IV, nos que se recollen, respectivamente, unha síntese das principais características das dificultades específicas da aprendizaxe, os indicadores de alerta e indicadores de dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, unha relación de probas estandarizadas útiles para a avaliación psicopedagóxica e psicoeducativa e unha síntese dos compoñentes esenciais do proceso de detección e avaliación deste alumnado.

Convenio de colaboración

No marco de presentación deste protocolo a conselleira e a presidenta de Agadix asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de acción e actividades dirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado con dislexia. Neste sentido establécese que ambas partes colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas destes estudantes.

Pola súa banda, a Consellería comprométese a promover na formación permanente do profesorado a cooperación de Agadix nas acción relativas á atención á diversidade e na formación dos docentes que atenden ás alumnas e alumnos con dislexia. Ademais, facilitarase a colaboración do persoal da asociación nos centros educativos que escolaricen estes estudantes.

O persoal de Agadix poderá prestar asesoramento na atención educativa, propoñer actuacións de carácter preventivo e concretas, apoiar na orientación sobre metodoloxías axeitadas e dar información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros requira. En calquera caso esta colaboración deberá ser acordada pola Dirección do centro, o persoal especialista da Asociación e as familias; e o profesorado titor será o responsable de coordinar as posibles actuacións concretas.

Este acordo enmárcase na cooperación que a Consellería de Educación mantén cunha trintena de entidades e colectivos especializados na atención á diversidade.
 

File: 

Protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia e a Federación do Futbol Galego para a promoción dos valores da educación inclusiva, a convivencia e a igualdade a través das actividades deportivas

Ponse a disposición das comunidades educativas o Protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia e a Federación do Futbol Galego para a promoción dos valores da educación inclusiva, a convivencia e a igualdade a través das actividades deportivas

Gallego

Tema: