Gallego

Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual

Gallego

Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada

O evento enmárcase no protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e a Fundación do Fútbol Galego

Gallego
Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada
Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; e Sergio Álvarez, porteiro do RC Celta de Vigo; compartiron hoxe con ao redor de 100 alumnos e alumnas unha xornada de fútbol inclusivo. O evento enmárcase no protocolo asinado entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Fundación do Fútbol Galego para poñer en valor os innumerables valores positivos do balompé e aproveitalos para fomentar a inclusión na escola.

Román Rodríguez felicitou ao alumnado e docentes participantes na xornada por facer do que ocorre a diario nas aulas unha situación normal tamén no caso do fútbol. Neste sentido lembrou que en Galicia preto do 92% dos escolares con necesidades específicas de apoio educativo asiste a centros ordinarios. Deste xeito, actividades como a de hoxe estenden esta integración ao recreo e ao tempo de lecer.

O conselleiro quixo ademais agradecer á Fundación do Fútbol Galego (enmarcada na Real Federación) a súa colaboración para avanzar o que é unha das liñas prioritarias de actuación do seu departamento, a inclusión educativa. Así mesmo, salientou a cooperación do Concello de A Estrada para a celebración desta xornada.

Os CEIP Plurilingüe nº1 (Tui), Julio Gurriarán Canalejas (O Barco), de Figueiroa (A Estrada) e Princesa de España (Verín) foron os participantes na xornada de hoxe de fútbol 7 inclusivo (equipos compostos por alumnas e alumnos sen e con necesidades específicas de apoio educativo). Ademais dos partidiños, ao longo da mañá celebráronse actividades de precisión (lanzamento a portería) e habilidade (circuíto técnico). Ademais, impartiuse un relatorio sobre as boas prácticas no deporte. Todos os escolares recibiron unha medalla como recoñecemento á súa participación.

Convenio de cooperación educativa entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Asociación Asistencial TDAH Salnés

Ponse a disposición das comunidades educativas o Convenio de cooperación educativa entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Asociación Asistencial TDAH Salnés

Gallego

Educación e COGAMI colaboran no impulso da lingua galega entre o alumnado

Gallego
Educación e COGAMI colaboran no impulso da lingua galega entre o alumnado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) colaboran no desenvolvemento dun programa de actuacións en lingua galega para que o alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria poida acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades.

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron hoxe este convenio.

Ao abeiro de dito acordo, COGAMI comprométese a elaborar unha unidade didáctica sobre a lingua galega que se porá á disposición dos centros escolares e que tamén estará aloxada na web lingual.gal e na web da entidade cogamil.gal.

Así mesmo, elaboraranse catro xogos en liña, cada un deles con varios niveis adaptados a diferentes idades e capacidades; así como outros materias para descargar, imprimir e traballar nas aulas, nos fogares e mesmo nas entidades sociais.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade será a encargada de organizar, xestionar e executar todas as actividades, así como facilitar o persoal, as infraestruturas e os medios de que dispón para a súa execución. Mentres que a Consellería de Educación facilitaralle a COGAMI o apoio e asesoramento técnico en relación con aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados con ditas actividades.

O orzamento para estas actividades é de 16.105 euros, dos cales 12.000 os achegará a Consellería a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mentres que COGAMI aportará os 4105 restantes.

Este acordo enmárcase dentro da colaboración da Xunta con asociacións e entidades a prol da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade. De feito, contribúe a desenvolver o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico aprobado polo Consello da Xunta, e que responde á necesidade de  poñer en práctica medidas par ao fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia, establecendo unha dinámica de participación con entidades asociativas para apoialas  e promover actividades que faciliten o emprego do galego no seu funcionamento ordinario e nas súas actuacións.

Educación, Fundación María José Jove e INGADA renovan a colaboración a través da cal levan formados 700 docentes na atención a alumnado con TDAH

Gallego
Educación, Fundación María José Jove e INGADA renovan a colaboración a través da cal levan formados 700 docentes na atención a alumnado con TDAH

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de renovar a colaboración iniciada en 2014 coas fundacións María José Jove e INGADA para a formación do profesorado na atención ao alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente da Fundación INGADA, Ángel Carracedo, asinaron esta mañá a addenda para levar a cabo a quinta edición deste programa formativo para o vindeiro curso 2018/19, e que estará dispoñible para un máximo de 350 docentes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Ao acto asistiu tamén o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

A finalidade desta iniciativa é aportar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa integración. Ao abeiro da mesma lévanse formado máis de 700 docentes no conxunto das catro edicións do programa que se realiza a través da Rede de Formación do Profesorado da Consellería.

Precisamente como novidade este ano, -ademais do incremento de prazas ofertadas (que se elevan a 350 con respecto ás 200 da pasada edición), achégase esta formación a todo o ámbito autonómico, xa que se garante a oferta dos cursos nos sete centros de formación do profesorado da Consellería nas catro provincias (os CFR da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo; e no CAFI de Santiago), ademais de na sede da Fundación María José Jove. Así mesmo, mantense a posibilidade de formación en liña a través dunha oferta a distancia que se implantou por primeira vez no curso 2016/17, con acceso a contidos e recursos.

O conselleiro Román Rodríguez subliñou que acordos de colaboración coma este son moi importantes para avanzar nunha das liñas estratéxicas do seu departamento como é avanzar nun sistema educativo máis inclusivo e equitativo, que garanta a igualdade de oportunidades para todos.

O titular de Educación sinalou que a formación do profesorado constitúe un piar esencial para garantir a atención especializada a cada alumno. Por iso, a Consellería deseña un Plan anual de Formación do Profesorado, cun apartado específico para a atención á diversidade. A día de hoxe dous de cada dez profesionais do noso sistema educativo son especialistas nesta atención.

Así mesmo, nos últimos anos estanse implementando ferramentas e programas de apoio educativo específico como son diversos protocolos, entre eles o de TDAH, para os cales é preceptivo contar co apoio e o asesoramento dos profesionais das entidades especializadas en cada ámbito.

Neste senso, Román Rodríguez aproveitou para agradecer a xa consolidada colaboración tanto da Fundación María José Jove como da Fundación INGADA no ámbito da atención á diversidade; e que se reforza cunha Guía específica desenvolvida polos profesionais do Instituto Galego do TDAH que dirixe Ángel Carracedo .

Formación teórica e práctica

O programa formativo consta de 25 horas de formación teórica e práctica impartida por un equipo multidisciplinar formado por profesores, pedagogos, psicólogos, logopedas, expertos en aspectos clínicos e prevención. Todos estes profesionais abordarán aspectos como os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula, ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.

Os docentes que participan no programa formativo deberán presentar un proxecto final que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso. Posteriormente, as fundacións María José Jove e INGADA convocan unha beca, dotada con 3.000 euros, para o proxecto seleccionado polo comité avaliador.

Colectivo: 

Educación avanza na inclusión e a atención á diversidade cun protocolo para o alumnado coa síndrome de Down

Esta guía establece accións específicas en materia de convivencia, de formación do profesorado e de organización interna dos propios centros, entre outros, para acadar unha mellor atención no proceso de aprendizaxe destes nenos

O documento, que foi elaborado por expertos constituídos nun grupo de traballo creado ad hoc, foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez

Gallego
Educación avanza na inclusión e a atención á diversidade cun protocolo para o alumnado coa síndrome de Down

O conxunto da comunidade educativa ten á súa disposición desde hoxe o Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou con discapacidade, un amplo manual que recolle orientacións específicas para acadar unha mellor atención no proceso de escolarización e de aprendizaxe dos nenos que presentan esta característica.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o Protocolo, nun acto no que estivo acompañado do presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, así coma dos técnicos especialistas que participaron no grupo de traballo ad hoc creado para tal fin.

Román Rodríguez destacou que un dos piares básicos dun sistema educativo equitativo, democrático e de calidade é atender a todas as especificidades do alumnado e que “cada neno dispoña das oportunidades e das condicións necesarias para a aprendizaxe”. Isto é “converter a diversidade nunha oportunidade”.

O conselleiro subliñou que o seu departamento está traballando de cheo en avanzar neste sentido, sobre todo no eido da formación do profesorado, e tamén poñendo en marcha novas ferramentas específicas coma o protocolo presentado hoxe, froito da colaboración con colectivos e expertos en cada materia, a quen agradeceu a súa participación.

En Galicia, segundo os últimos datos do Ministerio, en Galicia o 91,9% do alumnado NEE está escolarizado en centros ordinarios, a porcentaxe máis alta de todo o Estado. Isto -en palabras do conselleiro- esixe dun esforzo por parte do conxunto da comunidade educativa para construír espazos participativos e accesibles, de integración, de inclusión e de convivencia que permitan eliminar todo tipo de barreiras.

Formación do profesorado

Román Rodríguez fixo especial fincapé na formación do profesorado como un dos piares para acadar este obxectivo. A día de hoxe, 135 centros educativos contan cun plan de formación en centros con liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade.  Ademais, o cen por cen das actividades de formación que se realizan nos centros contan cun módulo específico en convivencia, inclusión e igualdade (módulo ICI), cun total de 780 horas lectivas realizadas no que vai de ano, que foron superadas por máis de 9.000 profesores.

Pautas específicas na organización interna do centro escolar

No caso do Protocolo Down (que está dispoñible no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24709), establécense unha serie de pautas específicas para a atención educativa a estes nenos que abrangue cuestións como a organización interna do propio centro, orientacións metodolóxicas e de aula, medidas curriculares, seguimento do alumnado e orientacións para as propias familias.

No que se refire á organización interna dos centros cómpre destacar que se buscará a estabilidade do profesorado que atende a estes alumnos, e se potenciará a figura do titor como profesional de referencia tanto para o alumno como para o resto do equipo docente e da propia familia. Ademais, promoverase a participación do alumnado en todas as actividades de grupo dentro e fóra da aula, e poñeranse en valor e daráselle visibilización a situacións de éxito.

Orientacións metodolóxicas

O documento recolle unha serie de orientacións metodolóxicas sobre a comunicación na aula; sobre a adaptación dos ritmo de traballo en función da especificidade de cada caso; sobre a presentación dos contidos e materiais de aprendizaxe nas distintas modalidades sensoriais (imaxes, gráficos, debuxos, pictogramas,...), e sobre as normas (responsabilidade no coidado de material, por exemplo), entre outros.

Ademais, para mellorar a autoestima do alumno, primarase a valoración do esforzo sobre outros aspectos académicos.

Medidas curriculares

Respecto ás medidas curriculares, avógase pola interpretación flexible do currículo, cunha programación na aula que se adapte ás características do conxunto do estudantado, e que conte cos recursos e apoios necesarios para a participación integral e efectiva do alumno ca síndrome de Down na dinámica da clase.

Para iso recoméndase a aplicación de metodoloxías e estratexias de ensino-aprendizaxe que sexan flexibles, participativas e creativas; e propiciar situacións centradas nas potencialidades do alumnado. Nesta liña é importante aproveitar as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e comunicación. Naqueles casos nos que estas adaptacións non sexan suficientes, a lexislación prevé medidas extraordinarias como a adaptación curricular.

Avaliación e seguimento do alumnado

O protocolo recolle uns apartados específicos sobre a avaliación e o seguimento do alumnado nos que se establece prestar especial atención á avaliación inicial de cada alumno co fin de determinar o seu nivel de competencia e, deste xeito, poder elaborar unha programación específica de aula atendendo ao seu nivel de desempeño. Trátase de personalizar a avaliación adaptándoa ás peculiaridades dos nenos e asegurando a súa concordancia coa metodoloxía de aprendizaxe.

Canto ás accións de seguimento, establécese unha avaliación trimestral na que se valoren as medidas de atención á diversidade que está a recibir o alumno en cada caso.

Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual

Gallego

Xúntase o Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual

Preto de 150 docentes amplían a súa formación sobre inclusión e atención á diversidade

Entidades especialistas, así como profesionais en proxectos deste ámbito, ofreceron conferencias e actividades para promover un coñecemento máis detallado sobre esta realidade entre o profesorado

Un total de 135 centros educativos contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade

Dentro deste contexto, Galicia creará unha nova materia de libre configuración autonómica, Sociedade inclusiva, para 1º e 2º de ESO, a primeira destas características en toda España

Gallego
Preto de 150 docentes amplían a súa formación sobre inclusión e atención á diversidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe á xornada de formación sobre educación inclusiva, que congregou a preto de 150 docentes de toda Galicia co obxectivo de ampliar os seus coñecementos neste ámbito e divulgar as boas prácticas. Nesta xornada participaron, ademais, entidades especialistas na atención á diversidade, así como diferentes profesionais que impartiron conferencias e ofreceron actividades para dar a coñecer proxectos inclusivos sobre alumnado con TEA (Trastorno do Espectro Autista) ou TDAH  (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade).

Esta xornada, que se enmarca no plan anual de formación do profesorado que pon en marcha todos os cursos a Consellería, componse de 8 horas presenciais de duración.  A maiores, tamén está previsto organizar outros dous eventos formativos de educación inclusiva, dirixidos a especialistas e a xefaturas de departamentos de orientación.

Galicia, referente na educación inclusiva

Cómpre destacar que Galicia é referente na educación inclusiva e de feito, o último informe do Ministerio reflicte que o 91,9% do alumnado con NEE está integrado en centros ordinarios. Co obxectivo de seguir mellorando na atención destes mozos e mozas, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten diversas accións formativas tanto dentro coma fóra dos centros. Neste contexto, un total de 135 centros contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (1918 horas) de formación nos que participaron 1155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras.

Así mesmo, todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico de Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas, sobre os contidos recollidos nos protocolos e documentación pertencentes á Estratexia galega de convivencia escolar. A través deste módulo, durante o último curso, un de cada tres profesores recibiu nocións de inclusión, convivencia e igualdade.

Nova materia pioneira en España

Así mesmo, e co fin de seguir ampliando esta vía formativa, crearase unha nova materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º de ESO. Será un fito pioneiro no sistema educativo español, posto que ningunha comunicade oferta unha materia destas características.

Ademais, tamén se prepararán novos protocolos para mellorar o servizo que se presta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tal e como explicou o conselleiro esta mesma semana na reunión con representantes de entidades que traballan na atención á diversidade, estase revisando o protocolo vinculado a alumnado con síndrome de Down e crearanse grupos de traballo para a elaboración dun dedicado á discapacidade auditiva e doutro orientado ás altas capacidades.

Colectivo: 

Alumnado do CIFP Compostela amplía a súa formación no servizo de persoas con discapacidade visual

O conselleiro Román Rodríguez participa nunha cea a cegas organizada en conxunto entre o centro educativo e a ONCE

Gallego
Alumnado do CIFP Compostela amplía a súa formación no servizo de persoas con discapacidade visual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou onte pola noite nunha cea a cegas no CIFP Compostela, organizada en conxunto entre a ONCE e o propio centro educativo. A través desta iniciativa, os alumnos e alumnas dos ciclos superiores de Dirección de Cociña (réxime modular), de Dirección de Servizos (réxime modular) e de Xestión de Aloxamentos Turísticos (réxime ordinario) puideron ampliar a súa formación no servizo e atención a persoas con discapacidade visual. Para iso, previamente recibiron clases prácticas por parte do persoal da ONCE.

Xunto ao conselleiro, na cea tamén participaron o director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado Puente; o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; a subdirectora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, María Eugenia Pérez Fernández; o director do CIFP Compostela; Ramiro Esparís, así como alumnos e outros responsables do centro educativo e da ONCE.

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación prepara novos protocolos para mellorar a atención á diversidade do alumnado

O conselleiro reuniuse esta mañá con entidades representativas, ás que lles propuxo, ademais, a creación dunha materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º da ESO

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación prepara novos protocolos para mellorar a atención á diversidade do alumnado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia con representantes de entidades que traballan na atención á diversidade, aos que lles anunciou que o seu departamento está a preparar novos protocolos para mellorar o servizo que se presta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Neste sentido, explicou que o seu departamento está a revisar o protocolo que se ocupa do alumnado con síndrome de Down, e que se crearán grupos de traballo para a elaboración de un dedicado á discapacidade auditiva e outro ás altas capacidades.

O conselleiro sinalou que tamén se están elaborando dúas unidades didácticas, unha sobre diversidade e inclusión, en colaboración co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), e outra sobre a historia do pobo xitano en Galicia, en colaboración con Secretariado Xitano.

Escola inclusiva, dinámica e igualitaria

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que xa están constituídos grupos de traballos, nos que se contará coa participación das devanditas entidades para mellorar as orientacións metodolóxicas para unha escola inclusiva, así como para que os patios sexan dinámicos, inclusivos e igualitarios. De feito, xa hai 13 proxectos de formación do profesorado en centros educativos que traballan sobre este último aspecto.

Entre outras novidades, abordouse tamén a posibilidade de que os centros soliciten as maletas de Inclusión educativa, unha iniciativa que a Consellería porá en marcha a través da Rede de Formación do Profesorado para que os interesados poidan solicitar estes paquetes de recursos bibliográficos especializados formados por libros de lectura para o alumnado e para os docentes. A súa finalidade é fornecer os centros dun recurso que poida contribuír a traballar sobre a inclusión, convivencia e igualdade.

Neste mesmo contexto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia propuxo ás entidades sacar adiante outras dúas iniciativas. Por unha banda, a creación dunha materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º da ESO. Nela trataríanse temas como o valor das diferencias, a sensibilización sobre as mesmas, a comunicación aumentativa e alternativa (sistemas pictográficos, lectura fácil...), a linguaxe de signos ou o Braille. Por outra banda, plantexouse a convocatoria dun premio dirixido a centros educativos para o recoñecemento das boas prácticas en materia de educación inclusiva.

Aposta pola formación do profesorado

Román Rodríguez comprometeuse coas entidades a seguir apostando pola formación permanente do profesorado para mellorar a inclusión e a atención á diversidade. Neste sentido explicou que xa son 135 os centros educativos que contan cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (un total de 1918 horas) de formación de docentes nos que participaron 1155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras.

De feito, entre as novidades deste último curso está a inclusión no Plan Anual de Formación do Profesorado de cursos de Iniciación á linguaxe de signos para profesorado en xeral (30 horas) e de linguaxe de signos para profesorado especialistas de apoio a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (50 horas), ambos en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). Así mesmo, todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas sobre os contidos recollidos nos protocolos e documentación pertencentes á Estratexia galega de convivencia escolar. A través deste módulo, durante o último curso, un de cada tres profesores recibiu nocións de inclusión, convivencia e igualdade.

Por outra parte, e co obxectivo de ofrecer recursos tamén ás familias a través das escolas de nais e pais, no curso 2017/18 ofértase a actividade A educación a debate, con arredor de 220 prazas destinadas a profesorado, familias e entidades.

No relativo aos novos eventos para o curso 2017/18, está previsto organizar tres xornadas de educación inclusiva, unha dirixida a profesorado en xeral, outra a especialistas e unha terceira para xefaturas de departamentos de orientación.

Colaboración frutífera

Román Rodríguez fixo balance da colaboración coas entidades dedicadas á atención á diversidade, que cualificou como frutífera. Non en balde, neste curso 2017/18 son xa 932 centros educativos e máis de 1200 alumnos os que se benefician dos acordos asinados entre a Consellería e estas asociacións, tanto para a sensibilización como para a formación de docentes e familias e o  asesoramento e orientación no tratamento do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.