Formación Impresión 3D- Proxecto Escornabots na biblioteca escolar-2

 

 

O venres 6 de outubro reuniranse en Compostela (EGAP) integrantes dos equipos de biblioteca dos 16 centros integrados por segundo ano no Proxecto Escornabots na biblioteca escolar, unha iniciativa que está a creación de recunchos "maker", de recunchos creativos, de recunchos fedelleiros, nalgunhas bibliotecas escolares, e marcando o camiño para moitas outras nesa evolución do modelo de biblioteca cara un "centro creativo das aprendizaxes".  O profesorado participante adquirirá os rudimentos da impresión 3D a través dun obradoiro (impartido por Ricardo Feijoo Costa) no que se realizará todo o proceso e coñecerá de primeira man unha experiencia xa asentada nunha biblioteca escolar, a da EEI Barrionovo (Arteixo), da man de María Pousa. Haberá ocasión para intercambiar experiencias, inquedanzas e propostas. Entre todos, seguro que atopan algunha resposta máis á "gran pregunta" que desde a perplexidade se escoita con frecuencia: Para que unha impresora 3D na biblioteca? 

“Desde o inicio da revolución dixital a comunidade bibliotecaria asumiu un papel de liderado no esforzo para axudar ás persoas de todas as idades a desenvolver as habilidades e competencias que necesitan para prosperar nun mundo de alta tecnoloxía. A impresión 3D expande a fronteira da transformación dixital en curso da nosa sociedade. En consonancia coa nosa reputación de liderado dixital, os profesionais da biblioteca axudan a que as persoas e as comunidades aproveiten este desenvolvemento. A impresión 3D capacita á xente para participar na aprendizaxe creativa, lanzar proxectos empresariais e resolver complexos problemas de saúde” (America Library Association, ALA, 2014).

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa este camiño como pode verse nestas entradas do blogue da biblioteca da EEI Barrionovo (Arteixo)

Nas imaxes, probas preparatorias da actividade formativa, a impresora en acción