2019/2020

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2019/2020

 

O DOG do 24 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2019 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2019/20.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2010, e de convocatorias de 2014 a 2017, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2011 a 2013, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2018, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2019 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2019/2020 - Centros públicos

O DOG publica hoxe a Orde de 2 de abril de 2019 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2019/2020.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2011, 2012 e 2013 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2018/2019.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio.