Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

 

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. 

Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas. 

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.