Bibliotecas escolares

Radio na Biblio emite. Curso 2019/2020


 

Neste curso 2019/2020 integran o programa Radio na Biblio 80 centros. Durante o primeiro trimeste moitas emisoras iniciaron o seu camiño, tempos de obras, renovación de espazos, busca de nomes, creación de logos, formación de alumnado e profesorado e moito,  moito traballo.
Ao tempo, as emisoras veteranas van sistematizando os seus programas, creando novas seccións e aumentado, de xeito moi visible e audible, a calidade do seu traballo.
 

Día Mundial da Radio: Pluralismo, representación e diversidade

 

No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 

Este ano celébrase co lema: "Pluralismo, representación e diversidade"  xa que a radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. Un lema en sintonia co das bibliotecas escolares para este curso "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" e do valor inclusivo do programa Radio na Biblio.

Animamos aos 80 centros do programa Radio na Biblio a  celebrar esta xornada defendendo o pluralismo e a diversidade dende as súas emisoras.

Na imaxe o alumnado do CEP Brea Segade (Rianxo-A Coruña) 

CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra). Un centro LÍA.2

 
A Quinta dos Libros é o nome polo que se coñece a biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra), unha biblioteca escolar singular que soubo adaptarse ás necesidades e características dun "centro público integrado" (CPI, que alberga alumnado de infantil, primaria e de secundaria), sen caer na tentación de arredar as diferentes etapas, como pasa ás veces; pola contra, o equipo docente foi construíndo aos poucos unha biblioteca común, centro neurálxico das prácticas educativas innovadoras, unha das referencia para todos os centros deste tipo. O seu CMAL (Centro Médico de Atención Lectora), o seu Club de Jazz, ou a emisora de radio, A Voz da Mata, son exemplos de actividades de dinamización e formación, pero tamén de estratexias para a vinculación entre os integrantes da comunidade educativa. Integrada no proxecto PLAN LÍA.2, no ano 2017, esta biblioteca gañou novos espazos e novas funcionalidades que lle permite ser ese "centro creativo das aprendizaxes" que se pretende. O camiño segue na medida en que a biblioteca sabe adaptarse ás novas esixencias educativas, pero tamén ás tendencias comunicativas e ás necesidades da sociedade que entre todos estamos a construír... E se queremos unha sociedad lectora, crítica, formada, participativa, xusta e igualitaria, pódese empezar pola biblioteca escolar, que están demostrando as súas posibilidades de contribución a estas finalidades. 

CEIP de Meaño-As Covas (Meaño-Pontevedra). Un centro LÍA.2

O CEIP de Meaño-As Covas (Meaño, Pontevedra) ten unha biblioteca LÍA.2, froito do traballo de toda a comunidade educativa e do compromiso desde hai tempo co traballo por proxectos, as metodoloxías activas e a innovación educativa desde e coa biblioteca escolar. Integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares no ano 2008, recibiu premios no Concurso de Traballo por Proxectos: Aquí todos pintamos moito (2016); Encende Telecoviña (2017); Construímos con Coviña (2018); Puro teatro (2019) e en 2017 foi incorporada a este proxecto BIBLIOTECAS LÍA.2, que busca a exploración das posibilidades da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".O traballo colaborativo, as prácticas participativas e innovadoras, a música, o teatro e a formación audiovisual forman parte do ADN desta biblioteca: 

 

Bibliotecas escolares solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado para o curso 2019/2020 (primaria e secundaria)

 

Portal Educativo publicou as relacións de centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  4 de novembro de 2019.

Segue aumentando o número de centros inscritos en cada un dos grupos:

VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 106 centros inscritos. 

VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR (alumnado de ensino secundario): 121 centros adheridos.

Esta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e RR HH) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2019

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA),  que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares . Neste número 78 de decembro de 2019 publícanse un total de 8 artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades arredor dos programas de Biblioteca Creativa, Radio na biblio,  Voluntariado na biblioteca escolar, Lecturas no Canmiño, Clubs de lectura e Traballos por proxectos. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación e viveiros de cidadanía.

 

 

 As bibliotecas gañan espazos. Avaliar para aprender.

 Asesoría de Bibliotecas Escolares

 

 

 Protagonistas. Axudantes de biblioteca Escolar.

 IES Valadares (Vigo-Pontevedra)

 

 A voz da Mata. Podcast Os Cabaqueiros.

 CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra)

 

 Sementando curiosidade.

 CEIP Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados-Pontevedra)

 

 Falarte: un proxecto documental integrado da EOI de Lugo

 Escola Oficial de Idiomas de Lugo

 

 Lecturas no canmiño. Lecturas apoiadas por cans.

 Marta Jaquet e CEIP Lamas de Abade  (Santiago de Compostela- A Coruña)

 

 Ler para facer. Retos do espazo creativo e traballo co texto instrutivo.

 CEIP de Leirado (Salvaterra do Miño-Pontevedra)

 

 Un club sobre rodas. As viaxes literarias como motores dos clubs de lectura.

 Ies Universidade Laboral de Ourense

CEIP Nicolás del Río (Cedeira-A Coruña). Un centro LÍA.2

 

A biblioteca do CEIP Nicolás del Río, de Cedeira (A Coruña), ten xa unha traxectoria asentada de traballo coa comunidade, que foi merecedora de diversos premios no concurso de Traballos por Proxectos ("Mares de Cedeira"-2017; "Crónicas..." - 2018; "Pegadas na iauga"- 2019, en colaboración co IES Punta Candieira). É unha biblioteca activa que foi ampliando os seus espazos e configurando a súa personalidade sobre o teatro, o traballo colaborativo, a creación, e a vinculación coas familias,  con outros centros da contorna e con institucións culturais do concello, nunha viaxe cara ao que pode ser unha "comunidade de aprendizaxe". Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2", ampliou os seus espazos e actividades. Da man dos voluntarios e voluntarias de lectura, visitamos esta biblioteca e coñecemos mellor o seu día a día como "centro creativo de aprendizaxes".

Biblioteca Inclusiva: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

 

"... o instrumento perfecto para que o noso alumnado poida expresarse a través dos seus talentos" reflexión do profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra) sobre o valor inclusivo do programa Radio na Biblio. 

Neste 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade queremos facer nosa esa reflexión  e pensar en como as bibliotecas escolares galegas deben ser espazos nos que o alumnado atope o seu sitio para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todas e todos, espazos que sexan auténticos viveiros de cidadanía.

Hai dous cursos, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Biblioteca Escolares. Este programa pretende avanzar cara a unha biblioteca que responda ás necesidades de todo o alumnado do centro e enfronte o reto da diversidade. Queda moito por facer, pero a inclusión e a diversidade é unha realidade nas nosas bibliotecas que chegou para quedarse.

Estos son algúns dos materiais do programa:

Actividades das bibliotecas escolares galegas neste 3 de decembro:

25 N: accións para denunciar a violencia de xénero e educar en igualdade, desde as bibliotecas escolares

Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU, un ano máis, lanzan a campaña de 16 días de activismo contra a violencia de xénero baixo o lema "Pinta o mundo de laranxa: Xeración Igualdade condena a violación", centrada na existencia dunha impunidade xeralizada na violencia sexual e na violación.

Os centros educativos e as bibliotecas escolares súmanse á conmemoración do 25 de Novembro con múltiples actividades destinadas a educar en igualdade e contribuir a unha maior consciencia do problema por parte dos distintos sectores da comunidade educativa. O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir una paso atrás.

Recollemos aquí algunhas das accións levadas a cabo arredor desta data nas bibliotecas escolares galegas:

Radio na Biblio informa: Biblioteca Inclusiva

Na Xornada Biblioteca Inclusiva. Cidadanía na Diversidade, celebrada o pasado 15 de novembro na EGAP,  presentouse un tríptico que achega o valor inclusivo do programa Radio na Biblio. Este documento recolle as opinións de profesorado, alumnado e familias que reflicten o valor da radio como unha ferramenta de inclusión. A radio proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemneto de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, un espazo que permite ao alumnado desenvolver os seus talentos e capacidades.

Viñetas Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

No mes de outubro de 2019, todas as bibliotecas escolares galegas recibiron o cartel co lema deste curso: BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, creado polo ilustrador Óscar Villán. O cartel nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. Situacións que contribúen a crear ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as novas xeracións.

Continuando con esta liña de traballo, dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares poñemos a disposición dos centros as viñetas desagregadas do citado cartel, para que cada equipo as poida empregar do xeito que consedere máis oportuno.

Enlace de descarga:

Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable

Desde o ámbito bibliotecario recoñécese a importancia dos Obxectivos da Axenda 2030 e a contribución das bibliotecas como  espazos que ofrecen acceso e oportunidades para todos e todas. As bibliotecas escolares están comprometidas coa Axenda 2030, xa que traballan a prol dunha educación de calidade (Obxectivo 4), na protección e salvagarda do patrimonio cultural (Obxectivo 11.4) e promoven a inclusión do acceso á información e ás tecnoloxías da información e comunicación (Obxectivos 5.b, 9.c, 16.10, 17.8.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente) achéganos os ODS traducidos ao galego, documento que sabemos será de interese para os proxectos e documentos das bibliotecas escolares.

Biblioteca Inclusiva. Cidadanía na diversidade: xornada formativa

 

 

O venres 15 de novembro a EGAP (Escola Galega de Administración Pública)  de Santiago de Compostela acollerá a xornada formativa BIBLIOTECA INCLUSIVA. CIDADANÍA NA DIVERSIDADE, organizada pola D.X. de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dentro do seu programa BIBLIOTECA INCLUSIVA, en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado.

Asistirá profesorado vinculado á biblioteca escolar de centros públicos e concertados de educación especial, de centros con unidades específicas de atención a alumnado NEAE, así como  centros de escolarización preferente, especificamente convocados pola dirección xeral organizadora. Ampliouse a posibilidade de asistencia a profesorado dos departamentos de Orientación destes centros. En total unhas 230 persoas compartirán experiencias e participarán das charlas e talleres previstos no programa que prevé a intervención, entre outros, de Susana Peix, bibliotecaria especialista en accesibilidade e inclusión; Rosa Piquín, experta en materia de bibliotecas escolares e atención da diversidade, e Blanca Mata, xornalista e coordinadora da Asociación "Lectura Fácil Euskadi". 

Os talleres correrán a cargo de Paola Guimeráns (Libros pop-up e circuítos), Blanca Mata (Lectura fácil), Felo Couto (Recursos tecnolóxicos e atención da diversidade) e Susana Peix (Unha colección para a biblioteca inclusiva).

Compartirán a súa experiencia no ámbito da atención á diversidade desde a biblioteca escolar os responsables das bibliotecas do CEIP Escultor Acuña, IES Valadares, CEE Manuel López Navalón e CEEPR Juan María. 

 

- PROGRAMA

- POR UNHA BIBLIOTECA INCLUSIVA  (documento descargable)

 

CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense). Unha biblioteca LÍA.2

A biblioteca do CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense) incorporouse ao proxecto LÍA.2 en 2018. A través do alumnado, de dúas nais e do equipo directivo accedemos a algunhas escenas que falan dunha biblioteca activa na que as nenas e os nenos atopan recursos e oportunidades para vincularse á lectura pero tamén para desenvolver habilidades de traballo colaborativo, para investigar e explorar, para crear e expresarse de formas moi diversas. Como todas as bibliotecas integradas neste programa, a biblitoeca de Toén é unha "biblioteca viva" que seguirá a súa evolución, que vai continuar a explorar as posibilidades de adaptación dun modelo que debe incluír o traballo cos medios de comunicación para formar ao alumnado nas competencias no uso e produción dos medios,  tan importante para medrar como cidadáns activos e lectores críticos de mensaxes e textos, sexan estes escritos, orais, audivisuais, científicos, xornalísticos ou artísticos.

IES Santiago Basanta Silva (Vilalba, Lugo). Centro LÍA.2

O IES Basanta Silva, de Vilalba, é un centro cunha traxectoria moi notoria na dinámica de atención da bibiblioteca escolar. Existía xa unha biblioteca, integrada no PLAN de mellora de biblitotecas escolares desde o curso 2015/2016, cunha importante actividade, con espazos amplos e recursos renovados, pero ao entrar a formar parte do Plan LÍA. 2 modificouse a distribución dos recunchos da biblioteca cara a construír un espazo creativo no que dispoñen, por exemplo dun recuncho maker, retiráronse vellos mobles pouco versátiles e ampliándose o espazo de circulación e de lectura informal, entre outras actuacións. Así acadaron unha biblioteca escolar chea de oportunidades e posibilidades para aprender argallando, cun gran atractivo para a rapazada. Da man de alumnado de distintos niveis, usuario da biblioteca escolar e dos seus servizos,  e de profesorado do centro, podemos achegarnos á realidade desta biblioteca situada nunha vila do interior de Galicia: unha biblioteca viva onde a lectura, a cultura, a comunicación e a exploración son unha realidade cotiá que axuda a tecer complicidades entre os distintos membros da comunidade educativa. 

CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña). Un centro LIA.2

O CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños é un centro con longa traxectoria no coidado e atención á súa biblioteca escolar e ao traballo para a formación lectora, literaria e nas competencias informacionais e mediáticas do seu alumnado. Xa fora un centro tomado como referencia anteriormente, cando se gravaron vídeos en bibliotecas escolares galegas en colaboración co Ministerio de Educación.  Actualmente o CEIP Milladoiro é un dos 20 centros incluídos no proxecto CENTROS LÍA.2, a través do que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional explora a evolución do modelo de biblioteca escolar acorde coas necesidades do alumnado actual e coas tendencias en materia bibliotecaria e educativa.

A través desta nova produción audiovisual, coa axuda das alumnas voluntarias, visitamos de novo a biblioteca escolar dun centro da Galicia rural que pon ao servizo do seu alumnado todos os recursos posibles, pero que sobre todo ofrece oportunidades de aprendizaxe variadas, significativas e imprescindibles na actual sociedade da comunicación e da información. 

Convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2019/2020

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución de 4 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" para o curso 2019/2020.

TEXTO DA CONVOCATORIA

No curso pasado realizaron voluntariado na biblioteca escolar un total de 1.245 alumnos e alumnas de secundaria, así como 2.245 alumnos e alumnas de primaria (5º e 6º). O seguinte cadro resume o contido do programa e as datas clave para cada unha das modalidades: 

 

 

Iniciativa

Finalidade

Características

1

Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”

Recoñecer a bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan ovoluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. 

-  Convocatoria anual.

-   Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2020.

-   Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar)

-  As candidaturas deberán responder aos obxectivos da Axenda 2030 da ONU, de desenvolvemento sustentable.

2

Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

-  Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar, para
o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción
voluntaria correspondentes.

-  Destinado a alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial.

-  As bibliotecas escolares deberán adherirse ao programa no momento que se estipule e levar rexistro das actividades do alumnado (data límite: 30/11/2019).

-  Remitir datos alumnado  (data límite: 28/05/2020)

3

Voluntariado de lectura – A

(Primaria)

Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria.

-  Inscrición con data límite 30/11/2019

-  Os centros inscritos presentarán memoria de actividades (data límite 27/04/2020).

-  Seleccionaranse  un mínimo de 10 experiencias.Concreción en convocatoria complementaria (febreiro 2020)

 

CEIP Plurilingüe A PEDRA (Bueu, Pontevedra). Centros LÍA.2

Gravación realizada no CEIP Plurilingüe A PEDRA, de Bueu (Pontevedra) en xuño de 2019. Este centro de educación infantil e primaria está integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares e foi seleccionado pola D. X. De Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como “Centro LÍA.2”, un programa no que se está explorando as posibilidades da biblioteca escolar como “Centro Creativo das Aprendizaxes”.

Guiados polo alumnado voluntario da biblioteca escolar, podemos coñecer os diferentes espazos desta bibliotecaque, como centro LÍA.2, incorpora recunchos para a investigación, a manipulación, a creación, a expresión, o traballo colaborativo e o xogo. Os libros e a lectura vehiculizan toda a actividade da biblioteca, gañan presenza e conseguen involucrar a toda a comunidade educativa. Os equipamentos están ao servizo das prácticas que se pretenden incentivar, coa vista posta sempre no reforzo das competencias clave contempladas no currículo e, especialmente, no desenvolvemento persoal do alumnado e a creación de vínculos coa lectura, a escrita, a comunicación, o coñecemento e a cultura en xeral. Finalmente, estas bibliotecas son espazos que atenden á dimensión social, constituíndo un factor de igualdade no acceso aos bens culturais dispoñibles.

Radio na Biblio. Resolución da convocatoria. Curso 2019/2020

 

 

O Portal Educativo publica a Resolución de 7 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2019. Tamén se detallan os centros  integrados en convocatorias anteriores  e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 80 centros con alumnado de ensino infantil, primaria, ESO, bacharelato ou formación profesional e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2019/2020 . 

 

Biblioteca creativa. Resolución da convocatoria. Curso 2019/2020

 

O Portal Educativo publica a Resolución de 3 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2019/2020, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2019. Tamén se detallan os centros  integrados en convocatorias anteriores  e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 79 centros con alumnado de ensino infantil e primaria e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2019/2020 . 

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

 

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. 

Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas. 

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta. 

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2019/2020

 

O DOG do 24 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2019 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2019/20.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2010, e de convocatorias de 2014 a 2017, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2011 a 2013, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2018, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2019 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020

 

Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 5 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas) ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2019.

TEXTO DA CONVOCATORIA

FORMULARIO DE SOLICITUDE 

Convocatoria do programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020

Radio na Biblio

Portal Educativo vén de publicar a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 3 de setembro, pola que se convoca o proxecto RADIO NA BIBLIO para o curso 2019/2020. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos integrados no PLAMBE no curso 2019/2020 que matriculan alumnado de educación infantil, primaria ou secundaria. Incorporaránse 30 novas bibliotecas escolares. Tamén poderán solicitar a súa continuidade no programa os 50 centros integrados en anteriores convocatorias. 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2019. 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2019/2020

Portal Educativo vén de publicar, con data de 2 de setembro de 2019, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2019/2020, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de tres documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo I , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 16 de abril de 2019).