Biblioteca escolar. Laboratorio creativo de aprendizaxes

Como foi o proceso transformador
A Biblioteca do CEIP A LAMA como eixe dinamizador da escola. Onde chegamos logo de 15 anos de intenso traballo cun rumbo ben definido: converter a Biblioteca Escolar nun auténtico Laboratorio Creativo de Aprendizaxes, principal centro de recursos e espazos educativos, para ser motor de innovación e compensadora das desigualdades.

Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez, mestre especialista en Educación Musical
sanchezagustino@edu.xunta.gal
Cristina Campos Pérez, mestra especialista en Educación Infantil
cristinacampos@edu.xunta.gal
Coordinadores da Biblioteca do CEIP A Lama (A Lama-Pontevedra)

 

 

O Recanto de Leo, Biblioteca do CEIP A Lama

 

Ao longo deste últimos 15 anos o Proxecto de biblioteca do CEIP A Lama foi experimentando importantes transformacións en todos os ámbitos.

Despois da entrada no Plan de mellora das bibliotecas escolares aló polo ano 2009 (PLAMBE 5), a comunidade educativa foi asumindo con naturalidade que o eixe vertebrador do noso colexio pasaría a ser este novo espazo, que comezabamos a deseñar e que foi crecendo ao mesmo ritmo que a formación dos membros do equipo ía medrando en aspectos como a animación á lectura, a formación de usuarios e, sobre todo, a alfabetización informacional e mediática (ALFIN-AMI).

Sempre nos preguntamos se o noso espazo debería de ser un lugar único, uniforme, compacto, inamovible..., pero axiña fomos atopando as respostas a esas cuestións. Os brazos da biblioteca pronto se foron estendendo ás aulas, adquiriron presenza nas entradas da escola, nos corredores... e, en canto foi posible, ampliouse cara a outros espazos segundo as necesidades que se nos presentaban.

No ano 2012, grazas aos recursos económicos que nos foron concedidos polo Primeiro Premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas para a Dinamización e Innovación das Bibliotecas Escolares, creamos o laboratorio da comunicación.

Novos espazos educativos para usos non tradicionais

Este espazo para a creación audiovisual foi pioneiro entre as bibliotecas escolares e naceu como necesidade para o noso colexio, logo de que nos mergullásemos nesta práctica educativa coa finalidade de promover a alfabetización mediática e informacional entre o noso alumnado.

Foron eses primeiros PDI e a participación nos primeiros certames do concurso Nós tamén creamos, Olloboi ou OUFF Escola os que nos deron unha visión moi positiva dos réditos que iamos obter con este tipo de proxectos escolares.

 

Laboratorio da Comunicación - 2012

 

E que veu despois? Novos programas, novas necesidades

O proxecto de biblioteca nunca estivo estancado e sempre foi evolucionando coas novidades que ían chegando. 

Durante moitos cursos fomos dándolle pequenos pulos coa solicitude e entrada nos novos programas que a Asesoría de Bibliotecas Escolares ía deseñando: E-LBE, Escornabots e impresión 3D (máis tarde Biblioteca Creativa) e Radio na Biblio.

Nunha versión inicial, remodelamos algúns espazos para lles dar entrada a estes novos recursos: reconvertemos o recanto informal de lectura nun recanto de robótica, impresión 3D e construción e, máis tarde, instalamos os aparellos para facer radio preto da audioteca.

 

Recanto Creativo - 2017

 

 Radio na Biblio - 2018

 

Os réditos destas dúas iniciativas foron os que nos levaron á decisión de converter a antiga aula de informática en dous novos laboratorios: creativo e de radio, que ocuparon ese espazo e lles engadiron maior versatilidade aos novos recursos cos que contabamos.

Tamén é digno de mención o vencello que lle demos cos Contratos-Programa nas distintas modalidades, destacando as de EDUexcelencia e as destinadas á mellora das competencias lingüística, matemática e STEM, xa que na xestión dos recursos e na disposición dos espazos o equipo da biblioteca xogou un papel fundamental.

 

Laboratorio Creativo e de Radio - 2019

 

Ata este momento, curso 2019/20, a biblioteca fora medrando e fagocitando os espazos contiguos converténdoos en apéndices funcionais, pero sen a anhelada integración física.

 

O recanto de Leo: biblioteca LIA.3

A finais do curso escolar 2020/21, o CEIP A Lama recibe a invitación por parte da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para desenvolver un novo proxecto que integrase todos os recursos e prácticas que se foran achegando á nosa escola durante os 12 anos de participación no PLAMBE e que servise como referencia para outros centros educativos á hora de desenvolver os seus proxectos de biblioteca escolar.

 

Proxecto final aprobado en maio de 2022

 

Durante meses fomos pensando de que xeito poderiamos incorporar os recursos e espazos que xa existían, e para levalo adiante contamos coa colaboración desinteresada do arquitecto Carlos D. Besada Ferreiro (c_besada@coag.es), que deseñou un formidable proxecto que integrou os 310 m2 útiles cos que nos dotamos.

A biblioteca ía medrar cara ao modelo de biblioteca do século XXI en canto a recursos, prácticas, espazos e visión ampla do que lle pode ofrecer a unha escola, inspirándonos en exemplos tan emblemáticos como os da Tabakalera Media Lab en Donostia ou a Oodi en Helsinki adaptándoos á escala educativa e á nosa realidade poboacional.

Foron meses de pensar e repensar os espazos, buscar as persoas que materializarían o proxecto e planificar a adquisición de novos fondos, mobiliario e algún novo recurso tecnolóxico. 

Tamén para programar a obra para que o centro quedase o menor tempo posible sen biblioteca. Comezamos a remodelación a primeiros de xullo de 2022 e a finais de novembro do mesmo ano xa estaba totalmente operativa.

 

Plano xeral da Biblioteca en decembro de 2022

 

Con que espazos contamos?

Ao incluír nesta ocasión a superficie da aula de música e un amplo corredor, a nova biblioteca pasou a contar con máis de 300 m2 que se reparten en cinco espazos diferenciados e integrados ao mesmo tempo:

  • Biblioteca central
  • Laboratorio de radio
  • Laboratorio creativo 
  • Corredor
  • Laboratorio da comunicación

A biblioteca central ocupa unha superficie duns 100 m2 e nela podemos atopar a meirande parte dos fondos dos que dispoñemos, descontando os que están nun depósito e os que se situaron no Departamento de Orientación, na aula de música e na de inglés.

Dispón dun amplo espazo informal, unha zona de xestión, unha audioteca, mesas de traballo, recanto para os centros de interese e andeis que tamén se poden empregar como asentos. A ela pódese acceder desde as dúas ás do edificio, a de primaria e a de infantil.

A principal finalidade desta superficie é a de sala de lectura, administración e xestión dos fondos, punto de encontro da comunidade educativa, espazo para a dinamización cultural e intelectual, a formación documental e os recreos na biblio.

 

Instante dun recreo na Biblioteca en decembro de 2022

 

O seguinte espazo definido no proxecto foi o dedicado a Radio na Biblio, programa no que participamos desde a súa primeira edición.

Este laboratorio de radio está integrado co laboratorio creativo e a biblioteca central a través de fiestras fixas que foron deseñadas para conectar visualmente todos os recantos que compoñen o conxunto.

Os recursos tecnolóxicos foran adquiridos en anos anteriores con cargo ao programa Radio na Biblio e aos gastos de funcionamento do centro.

A mesa da cabina é regulable en altura, para podérmonos adaptar ao diverso alumnado co que contamos.

 

Espazo deseñado para Radio na Biblio - 2022

 

A continuación atopámonos co espazo creativo, que conta con porta corredoira que nos permite a independencia do espazo en caso de necesidade. 

O amoblamento deste recanto realizouse co material achegado polo programa Polos Creativos, que veu ampliar tamén os recursos dos que xa dispoñiamos no tocante a robótica, xogos de construción, impresión 3D, circuítos en papel, ferramentas... e nos trouxo outros recursos novos para nós como o plotter de corte ou a pantalla interactiva.

Un dos principais usos que lle estamos a dar a este espazo é o de organizar obradoiros e estacións de aprendizaxe reservando dúas sesións semanais para cada ciclo. Deste xeito, podemos organizar actividades de distintos ámbitos educativos en grupos internivel. 

Tamén poderemos desenvolver nesas sesións a investigación do proxecto documental integrado promovido de xeito interdisciplinario polo equipo da biblioteca e que do mesmo modo se organiza por ciclos.

 

Laboratorio Creativo e de Radio - 2022

 

Paola Guimeráns desenvolvendo un obradoiro de Biblioteca Creativa – 2023

 

Alumnado de Educación Infantil traballando no seu PDI “Da horta ao prato” – 2023

 

O corredor serve de espazo para a organización dos xogos e recursos educativos baseados no mesmos cos que conta a biblioteca e que son xestionados como fondos desta.

Atópanse organizados por competencias matemática, lingüística e científica, e tamén contamos con recursos para o traballo da xestión das emocións.

A parede que o separa dos laboratorios de radio e creativo foi reformada cun impresionante deseño de ventás abucinadas con formas e tamaños diversos, obra do arquitecto Carlos Besada.

Con esta intervención, o espazo intégrase nos outros ambientes de xeito visual e mesmo permite que parte do grupo desenvolva nel actividades baixo a supervisión do profesorado que se pode atopar ao outro lado das fiestras.

 

Detalle integración do corredor

 

Organización dos fondos no corredor – Xogos por competencias

 

O laboratorio da comunicación é o ultimo dos espazos cos que conta a nosa biblioteca. Aínda que o levamos empregando para a creación audiovisual desde o curso 2011/12, nunca estivo tan integrado fisicamente coma agora.

Substituíronse as carpinterías e igualouse o piso e mesmo se lle abriron ventás que o conectaron visualmente cos outros espazos.

Conta coa mesma cabina para a dobraxe e os mesmos recursos audiovisuais cos que xa contabamos e dos que nos foramos dotando grazas aos premios obtidos.

Laboratorio da Comunicación – 2022

 

O laboratorio da comunicación converteuse nun recurso fundamental para a alfabetización mediática na nosa escola e nel desenvólvense os numerosos exemplos de creacións audiovisuais que poderedes visualizar nas seguintes ligazóns:

www.orecantodeleo.org

https://vimeo.com/orecantodeleo

https://vimeo.com/user9324961

Algúns deles son proxectos en si mesmos; outros, parte dos proxectos documentais integrados que tan bos resultados nos trouxeron ao longo dos anos.

 

Laboratorio da Comunicación – 2022

 

A satisfacción de poder contar no noso colexio cun espazo destas características é moi difícil de describir con palabras.

Non podemos sentirnos máis recompensados polo noso traballo, xa que a Administración confiou nunha pequena escola do rural para que fose referente para outros centros galegos e do Estado.

Foron moitos anos de esforzo, de ir ampliando horizontes, coñecementos, horas e horas de formación, que agora vemos recoñecidos.

 

Momento lúdico na biblioteca – 2023

 

Que maior sorte ca a duns pais que lle poden brindar ao seu fillo a mellor das educacións que teñen ao seu alcance!

Quixemos redondear esta intervención contando coas mellores persoas que o poderían desenvolver, profesionais todos da nosa contorna e, na maioría dos casos, membros da comunidade educativa. 

O empeño en facelo da mellor maneira posible quedou patente nunha obra que xa estamos a gozar do mellor dos xeitos, con aproveitamento diario dos seus recursos e espazos para actividades de aprendizaxe, substituíndo en moitos momentos as aulas e actividades tradicionais por experiencias innovadoras, inclusivas e compensadoras.

Sabemos que as e os grandes profesionais que traballan no noso colexio saberán sacarlles os mellores rendementos a estes recursos, pois, ao final, as escolas fanas as persoas; e niso andamos.

 

Galería de imaxes completa da biblioteca

 

Sección: