Facilitando a lectura

A lectura fácil. Un recurso imprescindible
Valórase o interese e vantaxes dos textos de "lectura fácil", textos que están construídos atendendo a un conxunto de pautas e recomendacións relativas á redacción, ao deseño e maquetación dos documentos e á validación da comprensibilidade dos mesmos. Os textos denominados de "lectura fácil" están destinado a facer accesible a información para as persoas con dificultades de comprensión lectora, polo que resultan un recurso especialmente útil para facer máis inclusivas ás bibliotecas escolares.

María Sánchez Cid
IES de Allariz (Allariz-Ourense)
mscid@edu.xunta.gal

 

 

 

A vida está chea de casualidades que nos permiten explorar universos novos e adquirir aprendizaxes que quedan para sempre en nós e a través das cales melloramos non só no ámbito profesional, senón tamén no  persoal.

Iso foi o que me aconteceu a min co descubrimento do mundo da «lectura fácil», ao que cheguei hai moi pouco tempo, pero suficiente para decatarme de que é un instrumento cheo de vantaxes en calquera tipo de ensino, xa que lle facilita o acceso á lectura a todo tipo de alumnado, sobre todo a aqueles que presentan máis dificultades de aprendizaxes ou simplemente amosan unha actitude de rexeitamento cara a ela.

Despois de vinte anos traballando en institutos ordinarios con adolescentes como profesora de Lingua e Literatura e exercendo tamén labores de bibliotecaria, a pandemia deume a oportunidade de acceder a un mundo descoñecido para min, pero polo que sempre sentín curiosidade: a educación de adultos.

Durante tres cursos académicos (2020-2023) tiven o oportunidade de impartir clases na EPAPU de Ourense e esta experiencia deixou unha fonda pegada en min no persoal e no profesional, cambiando, sen dúbida, o modo de entender a docencia e abríndome a mente a novas experiencias e recursos que ata entón só coñecía de oídas, como foi o caso da lectura fácil.

O primeiro ano de traballo resultou un pouco difícil ao principio, xa que tanto a organización deste tipo de centros (distribución dos cursos en cuadrimestres; combinación de ensino presencial, a distancia e semipresencial; impartición de clases fóra do centro (Centro de Menores e Proxecto Home) como a presenza dun alumnado variado (inmigrantes, alumnado que chega moitas veces «rebotado» doutros centros ordinarios, alumnado de centros de menores e Proxecto Home que levan unha gran mochila ás súas costas ou alumnado maior que despois de moitos anos sen estudar necesita ter o título da ESO para mellorar as súas condicións laborais…) fai que o profesorado se teña que «reinventar» e buscar novos recursos para facer máis doado e atractivo o ensino cada día, tendo que romper moitos dos patróns aprendidos.

Como profesora de Lingua Española, atopei nos libros de lectura fácil un recurso moi valioso para traballar con todo este tipo de alumnado e que me deu moi bos resultados desde o principio. 

A primeira experiencia foi co alumnado do Proxecto Home, persoas de distintas idades ás que vía un día á semana. Na maioría dos casos eran alumnos que tiñan un contacto moi afastado coa lectura. A idea era que accedesen dun xeito doado a obras clásicas que, ademais de introducilos na lectura, lles valesen tamén para levar mellor ese tempo de «encerro» sometidos a duras terapias e lles permitisen escribir reflexións sobre os temas que se trataban nos libros, contribuíndo así á mellora da comprensión e expresión escrita.

Comecei levando lecturas variadas e atractivas e deixándolles escoller a eles. O alumnado dispuña do libro elixido durante toda a semana e a seguinte clase iniciábase sempre cunha posta en común do que leran, organizando un pequeno faladoiro no que se falaba de libros, pero tamén doutras cousas que lles foran pasando durante a semana. Iso facía que algúns dos alumnos se motivasen pola lectura dos seus compañeiros e quixesen ir intercambiando os libros, de tal xeito que ao final do curso acababan lendo distintos libros sen apenas darse de conta. Algúns deses alumnos recoñeceron que a través deste tipo de libros se achegaran de novo á lectura e atoparan nela moitos momentos de pracer e que lles permitira reflexionar sobre a súa situación e incluso os animara a seguir adiante. 

Ademais, na EPAPU creouse un club de lectura chamado InCLUBsión formado por distintos grupos tanto de alumnado coma de profesorado e no que os libros de lectura fácil foron moi empregados e con moi bos resultados.

Esta experiencia funcionou tan ben que empecei a aplicala no resto dos grupos e sempre obtiven moi bos resultados, xa que se len rápido e resúltanlles moi doados.

Durante o curso 2023/24 incorporeime de novo ao ensino ordinario e desde o inicio propuxen que se intentase traballar con este tipo de lecturas, sobre todo co alumnado que presenta máis dificultades. Así podíanse propor versións en lectura fácil para que puidesen facer as mesmas lecturas ca o resto.

Tamén se lle propuxo á responsable da biblioteca mercar libros de lectura fácil para ter nas aulas á disposición do alumnado, sobre todo pensando na Hora de Ler. Son libros moi axeitados porque poden rematalos nun breve espazo de tempo e, ademais, ao ter variedade, cada día poden acceder a lecturas distintas.

Como proxecto de cara a este curso, propúxose a creación dun club de lectura fácil co alumnado do primeiro ciclo da ESO, que empezará a funcionar a partir do segundo trimestre. A idea é detectar o alumnado que presenta dificultades durante o primeiro trimestre e co que se comezará a traballar no resto do curso empregando este recurso para reforzar dun xeito atractivo a expresión e comprensión oral e escrita do alumnado con máis dificultades e tamén doutro alumnado que queira participar no club.

A coordinación deste tipo de clubs de lectura farase partindo do profesorado que imparte linguas, en colaboración estreita co departamento de orientación e traballando directamente coas PT e AL do centro, que son as especialistas e coñecen estratexias para traballar con este tipo de alumnado.

De novo a lectura fácil ábreme outra porta a un mundo marabilloso, cheo de posibilidades, que deu moi bos resultados na educación de adultos e que espero que funcione ben para que, pouco a pouco, se vaia incorporando no ensino ordinario como un instrumento moi valioso de aprendizaxe e tamén de integración.

 

 

 

Sección: