Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Danzas tradicionais de Cangas. IES Monte Carrasco

O Proxecto Interdisciplinar é unha materia de 1º de ESO, cunha carga lectiva dunha hora semanal, que está orientada a que o alumnado adquira as habilidades necesarias para poder realizar traballos de investigación con distintas fontes informativas, e a guiar a súa propia aprendizaxe, a través da realización de traballos concretos mediante a metodoloxía de proxectos, cun enfoque interdisciplinar. Cando a biblioteca escolar ten clara a súa función, apoia de forma incondicional ao profesorado que imparte esta materia e, en ocasións, son os membros do equipo de biblioteca quen se encargan de impartila, porque atopan unha ocasión única para impartir os contidos ALFIN, esa cuestión urxente no ensino secundario. 

AS DANZAS TRADICIONAIS DE CANGAS é o proxecto presentado polo IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo) que acadou premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º de ESO. O traballo desenvolvido ao longo do curso 2013/2014 conseguíu que o alumnado de 1º de ESO coñecese en profundidade as danzas tradicionais do seu concello, un patrimonio cultural de gran valor; que interrelacionase con  membros da comunidade  escolar e con institucións culturais de Cangas para recabar información, para aprender a facer os traxes e mesmo a bailar unha das danzas, a danza de Darbo, parroquia na que está ubicado o centro. O proxecto estivo coordinado por un membro da biblioteca escolar e esta foi unha ferramenta fundamental para todo o traballo de documentación, como é a súa función.