Ciencias Sociais
Unha imaxe vale máis con 250 palabras
Enviado por isabel.cobas o Dom, 28/05/2023 - 16:00Os alumnos e alumnas de 3º de ESO A e B e 4º de ESO A e B participaron por terceiro ano consecutivo na actividade Unha imaxe vale máis con 250 palabras que se realiza ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial do Plan Proxecta, Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos, do PFPP do centro, e VI certame Imaxes do patrimonio, organizado pola Asociación Ponte...nas ondas!
Para esta actividade, o alumnado, coa axuda imprescindible das súas familias, seleccionaron unha fotografía familiar e explicaron en 250 palabras o seu significado. Deste xeito o alumnado e as familias contribuiron ao coñecemento da historia familia no contexto da historia global e tamén ao coñecemento, difusión e conservación non só do patrimonio material representado polas fotografías, senón tamén do patrimonio inmaterial, e aínda máis fráxil, constituido pola historia que explica e dá un valor adicional ás fotografías.
Moitas grazas e moitos parabéns ao alumnado e as familias por contibuir á conservación da historia e o patrimonio colectivo!
Deixámosvos a seguir algúns exemplos. Se queredes coñecer máis historias podedes facelo no Museo Virtual KaleidoScapes.
María Claudina, a miña bisavoa, naceu en agosto do 1917, nunha humilde casa de labradores, en Bertamiráns, municipio de Ames, provincia da Coruña. Desde ben pequena foi moi traballadora. Xa a idade de seis anos comezou a levar ás vacas e sachar na horta, ensinada polo seu avó.
Aínda que naquela época predominaba a discriminación e era estraño que a muller traballara, Claudina foi peón de estrada, axudou a construír os camiños de Noia e Negreira, e aínda que non era modista, pedíronlle que cosera camisas para os soldados do bando nacional nos comezos da guerra civil, e así o fixo.
Con vinte anos, casou cun xastre e tiveron unha filla. Porén, durante o seu embarazo, o seu marido marchou a Cuba, deixando só a esperanza da súa volta, algo que non sucedeu ata trinta anos máis tarde.
Claudina estivo un ano no cárcere, pois ao estar soa na casa, mercou unha pistola, que escondía no hórreo, para disparar ao aire no caso de roubo, debido á escaseza causada pola guerra.
Claudina traballou como xornaleira, cociñeira e coidadora de nenos, todo para criar á súa filla, que anos máis tarde tería descendentes. Desgraciadamente, esta morreu cando Claudina tiña 89 anos.
Nesta fotografía pódese ver a esporádica ledicia tras unha vida chea de sufrimento e de traballo, sosténdome a min, a súa bisneta, a quen chegaría a coñecer moito, pois tan só cinco anos despois, abandonou este mundo para entregarse ao descanso eterno. María Freire Buján (4º ESO B)
Exposición ao aire libre
Enviado por isabel.cobas o Sáb, 27/05/2023 - 14:50Agora que vai sol e calor, os alumnos e alumnas de 1º de ESO da materia de Xeografía e Historia decidiron amosar ao resto da comunidade educativa o herbario de plantas da contorna e do eido do propio centro que estamos construíndo cooperativamente desde hai seis anos ao abeiro do Proxecto Terra, e Educación Patrimonial, ambos do Plan Proxecta.
O primeiro herbario que realizamos era sobre plantas das zonas de procedencia do alumnado que recolleron e clasificaron grazas á axuda da familia. Hai tres anos comezamos a facer un herbario coas plantas do eido. Algunhas das plantas recollidas foron empregadas para a exposición Flores para Rosalía, polo que este ano estamos a recoller de novo esas plantas ademais de engadir as plantas de nova catalogación durante o presente curso.
Parece que se achega unha semana chuviosa, así que imos poñer a proba a eficacia das bolsas con peche hermético. Esperamos que funcionen!
Naturalixo no paseo fluvial de Bertamiráns
Enviado por isabel.cobas o Sáb, 27/05/2023 - 13:06Os alumnos e alumnas de 1º de ESO A, 2º de ESO G e 4º de ESO E das materias de Cultura científica, Matemáticas e Xeografía e Historia realizaron unha recollida de lixo no paseo fluvial de Bertamiráns e unha posterior análise dese lixo.
Esta actividade foi levada a cabo dentro do programa Basuraleza, de Aulas Libera e a SEO, e no proceso os alumnos e alumnas foron guiados polos educadores medioambientias Elia e Manu.
A actividade comezou cunha charla de Elia no eido do instituto, na que informou ao alumnado do contexto da actividade, o proceso que ían seguir e a importancia desta actividade para a sostibilidade medioambiental. A seguir o grupo desprazouse ata o paseo fluvial para levar a cabo a actividade.
No paseo fluvial, a rapazada recolleu o lixo que observou na zona de traballo e posteriormente realizou o seu reconto.
Para realizar o reconto, o alumnado baleirou o lixo recollido en dúas moreas sobre unha superficie de plástico e, organizado en dous grupos, foi contando as unidades dos diferentes tipos de lixo (envases de plástico, envase de cristal, latas, tecido, cartóns, papel, cabichas, elementos de metal, etc.) e colocándoos nas bolsas correspondentes (bolsas azuis para o papel e cartón, bolsas amarelas para os envases de plástico e metal, bolsas verdes para o vidrio, e bolsas negras para outros elementos). Para finalizar, os alumnos e alumnas pesaron o lixo das diferentes bolsas.
Os datos obtidos da análise do lixo foron subidos a unha aplicación de Aulas libera para que poidan ser consultados tanto pola cidadanía como polos investigadores, contribuíndo así á ciencia cidadá.
Dámoslles moitos parabéns ao grupo pola súa contribución a que o paseo fluvial estea máis limpo e por esforzarse por conseguir un mundo máis sostible!
Roteiro literario do club de lectura de memoria democrática
Enviado por isabel.cobas o Sáb, 27/05/2023 - 10:33Os alumnos e alumnas do Club de lectura de memoria democrática realizaron un roteiro literario en Vigo polos lugares nos que se desenvolven a novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Esta actividade relaciónase tamén cos PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos e Educación en pensamento crítico.
A novela conta a historia da familia Beckmann ao longo de tres xeracións ata a actualidade facendo referencia a eventos históricos como a II República, o auxe do fascismo en Europa, e a Guerra Civil, a relación do fascismo español co nazismo na II Guerra mundial, e a ditadura franquista. Na obra, Vigo é un protagonista máis.
O grupo visitando os restos dos silos do cable inglés, no porto de Vigo, próximos ás oficinas da familia Beckmann.
"Dous cabos telegráficos, o inglés e o alemán, como senllas arterias submarinas, bombeaban no corazón de Vigo as noticias do mundo, o latexo das bolsas e a hora do meridiano de Greenwich. Os funcionarios do Cable reuníanse en clubs sociais que organizaban elegantes bailes, that's jazz, do you like it...?, carreiras de cabalos, combates de boxeo e partidos de football contra os equipos locais. Bebían cervexa e viño do Porto, algún cocktail". Páxina 33.
"A saudade da terra firme escurecía tamén os soños de milleiros de emigrantes para os que Vigo era só o porto do adeus, un precipicio habitado e ruidsoso, o lugar no que se chantar diante do océano antes da travesía e volver a vista atrás ou formular unha promesa. Cunha maleta de cartón vagaban por todas as partes cunha pasaxe no peto da chaqueta tramitada pola Axencia Beckmann". Páxina 180.
Plantas aromáticas para os polinizadores
Enviado por isabel.cobas o Sáb, 27/05/2023 - 10:26Os alumnos e alumnas de 1º ESO da materia de Xeografía e Historia crearon un novo xardín de plantas aromáticas ao carón da casa dos insectos para axudar aos polinizadores.
O xardín polo de agora inclúe dúas variedades de lavanda, dúas variedades de romeu e tomiño.
Ademais, tamén foi revisada a casa dos insectos con axuda da educadora medioambiental Elia Pérez, quen recomendou colocar a casa dos insectos máis ao sol, mudar as canas con outras de diámetro menor, e engadir máis pedras de diferente tamaño. O alumnado está agora valorando como facer eses cambios.
Recomendámosvos os libros Unha historia con aguillón, de Dave Goulson, e Guía de campo dos polinizadores de España, de Luis Óscar Aguado Martín, Alberto Ferreres Castile e Elisa Viñuela Sandoval, para que poidades aprender máis sobre a importancia dos polinizadores e como axudalos.
Mostraxe de naturalixo no eido do centro
Enviado por isabel.cobas o Xov, 18/05/2023 - 09:36Os alumnos e alumnas de 1º ESO A, 2º ESO G e 4º ESO das materias de Cultura científica, Matemáticas e Xeografía e Historia levan o curso todo a analizar o naturalixo da zona da fraga do NW, tamén coñecida como locus amoenus. Este labor desenvolveuse ao abeiro do programa Patio con(vida) que se encadra no Proxecto Terra, do Plan Proxecta, e tamén co PFPP A cultura da sostibilidade.
O propósito da recollida da mostraxe é identificar os patróns de comportamento da comunidade educativa con respecto aos residuos e poder contribuir a buscar unha solución para que tomemos consciencia da necesidade de non xerar residuos e, en caso de facelo, depositalos nos colectores correspondentes ou, preferentemente, levalos de volta para as casas. Hai cada vez máis espazos sen papeleiras como xeito de evitar o naturalixo e non e só existen en lugares arredados senón tamén en Galiza. Animámonos a probar?
Para documentar o lixo, os alumnos e alumnas utilizaron un modelo que podedes consultar nesta ligazón podes acceder ao modelo de recollida de naturalixo no eido do centro. A través desta folla recolleron datos en cinco zonas diferentes, diferenciando por tipo de lixo e rexistrando tamén as condicións meteorolóxicas pois partimos da hipótese que hai unha correlación entre as condicións meteorolóxicas e a cantidade de lixo tanto no eido do instituto como no interior do edificio.
O día 25 de novembro o alumnado participará nunha actividade de recollida do lixo no paseo fluvial de Bertamiráns, guiada por unha educadora medioambiental. Esta actividade está organizada por SEO/Birdlife e Aulas Libera.
Este traballo compleméntase co que está a realizar o comité climático de análise do lixo dentro do edificio. Quen queira participar contará coa nosa benvida!
Conmemorando o Día mundial da auga
Enviado por isabel.cobas o Mér, 17/05/2023 - 16:05O día 22 de marzo celébrase o Día mundial da auga co obxectivo de concienciar á cidadanía do problema da escasez e non potabilidade da auga en moitas zonas do planeta e a necesidade de resolver ese problema.
Como todos os anos, no noso centro realizamos diferentes actividades para celebrar ese día desde o proxecto Patio con(vida), do Proxecto Terra e Plan Proxecta.
Estas actividades concentráronse no contorno da charca en consistiron no seu acondicionamento e na análise da calidade da agua para garantir que siga a ser un lugar axeitado para o desenvolvemento da flora e a fauna.
Os alumnos e alumnas de 1º de ESO da materia de Xeografía e Historia comprobaron que coa primavera están a medrar as plantas acuáticas e tamén a aumentar a microfauna da charca que, á súa vez, atrae outros animais, como os paxaros. Tamén documentaron na cámara de detección de movemento como os ourizos remataron o seu período de hibernación e volven visitar a charca en busca de auga e alimento.
Aproveitamos tamén este día para colocar dous comedoiros con sementes para os paxaros. Os comedoiros están feitos reaproveitando a parte exterior dun coco. Gústanvos?
Visita aos petróglifos de Ames
Enviado por isabel.cobas o Mér, 17/05/2023 - 15:42O día 25 de maio, os alumnos e alumnas de 1º ESO A, da materia de Xeografía e Historia, visitaron os petróglifos de Monte do Castelo e Peneda Negra, en Ames da man de Luis Leclere, membro do Colectivo A Rula.
Esta actividade enmárcase no programa Educación Patrimonial, do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no que os alumnos e alumnas están a investigar sobre a paisaxe prehistórica e clásica do concello de Ames.
O alumnado puido observar como os petróglifos se sitúan na zona pola que discorría o trazado orixinal do camiño de Santiago a Fisterra, o que evidencia unha continuidade do uso da paisaxe entre a Prehistoria e a Idade Media. Coa recuperación do camiño na actualidade mudouse o trazado por mor dos cambios na paisaxe orixinados polo ser humano.
Danzando a Historia
Enviado por isabel.cobas o Mér, 17/05/2023 - 15:33O día 29 de abril celébrase o Día Internacional da danza. Esta conmemoración foi establecida pola UNESCO en 1982 coincidindo co día de nacemento do bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre. O obxectivo deste día é homenaxear a danza como unha arte universal e promover o coñecemento e desfrute desta manifestación artística e patrimonio inmaterial.
Cada ano a danza vai gañando máis presencia no noso centro e por iso este curso decidimos dedicar todo o mes de abril á danza e á música, con diferentes actividades promovidas ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial, Proxecto Deportivo do Centro e ProxectoTerra, todos eles do Plan Proxecta.
Os alumnos e alumnas de 3º ESO A e B e 4º ESO A e B participaron nesta celebración a través das seguintes actividades:
Os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B dcomezaron o xoves, 13 de abril co obradoiro de roda cubana da man do profesor Gonzalo Berdeal. Despois do catro sesións de obradoiro os alumnos e alumnas realizaron unha actuación no ximnasio do instituto o día 29 de abril. Gonzalo contaxiou de tal modo ao alumnos e alumnas da súa paixón pola salsa que estes quixeron continuar a aprender máis alá da actividade inicial e seguen a recibir clases durante o primeiro recreo dos venres. Neste vídeo podedes ver ao grupo en acción.
O mércores, 19 de abril, os alumnos de 4º ESO A e B cambiaron de estilo e experimentaron coa danza contemporánea coa profesora de danza Loli Fojón, da Academia LoDanzas.
O luns, 24 de abril, os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B viaxaron aos anos 30 participando nun obradoiro de baile swing. O obradoiro correu a cargo do profesor de swing Carlos Tomico, da Academia Alfaia.
O día 26 de abril, os alumnos e alumnas de 3º de ESO A e B participaron nun obradoiro de danza medieval, renacentista e barroca guiados pola profesora de danza Loli Fojón, da Academia LoDanzas.
II Xincana polo eido do centro
Enviado por isabel.cobas o Mér, 17/05/2023 - 15:10O 26 de abril celébrase o Día da Educación Física na Rúa, unha data na que se amosa a importancia da Educación Física para o desenvolvemento integral e integrado en todas as idades, conciénciase dos problemas do sedentarismo e difúndese a actividade física saudable.
Esta xornada foi celebrada por primeira vez en 2011 por COLEF Asturias e na actualidade desenvólvese en trece comunidades autónomas, entre elas Galicia.
Con motivo desta celebración leváronse a cabo diferentes actividades no centro o abeiro do Proxecto Terra e do Proxecto deportivo de centro, ambos pertencentes ao Plan Proxecta.
Os alumnos e alumnas de 1º de ESO A, B e C das materias de Educación Física, Matemáticas, e Xeografía e Historia, participaron na II xincana polo eido do centro guiados polos alumnos e alumnas de 3º ESO G. Os participantes tiveron que orientarse polo eido, atopar diferentes fitos e realizar probas relacionadas coas materias mencionadas.
O 16 de maio anunciáronse os equipos gañadores da xincana. O alumnado fixo un traballo excelente, e tanto foi así que houbo dous equipos vencedores: o equipo formado por Adrián Rodríguez, Darío Boquete Calvo eYago Silvenda, de 1º ESO A, e o equipo formado por Iván Barreal, Candela Abelleira, Sara Muñiz e Samuel Iglesias, de 1º ESO B. Moitos parabéns!
Os organizadores de 3º ESO G, que fixeron un traballo excelente de organización, mais os equipos gañadores foron premiados cunha merenda da que desfrutaron no xardín norte aproveitando o soliño e rodeados polo cantos dos paxaros.
Moitos parabéns a todas as persoas participantes!