Latín e Grego

Departamentos de Latín e Grego

I Campionato mundial de Kahoot MGB

Mañá venres no 2º recreo, na MeGaBiblioteca, terá lugar o I campionato Mundial MGB de Kahoot, no que participarán os alumnos de Latín, Grego e Cultura Clásica.

Dende os seus teléfonos móviles tentarán responder a unha serie de preguntas relacionadas coa Vías romanas, a Via Nova, o campamento de Aquis Querquennis e o exército romano.

Haberá podium con tres doces agasallos para os vencedores!

kahoot.png

Visita cultural aos concellos de Bande e Lobios (Ourense)

Dentro do programa de actividades extraescolares para o curso 2015-2016, terá lugar o vindeiro martes, 24 de novembro, unha saída organizada polo departamento de Latín, en colaboración co de Xeografía e Historia, destinada ao alumnado de Cultura Clásica, Latín e Grego (3º,4º de ESO e Bacharelato), co seguinte programa: Portela do Home, visita aos miliarios romanos e ruta a pé pola Vía Nova (5 km); Corga da Fecha, visita á pousada romana de Aquis Originis; campamento romano de Aquis Querquennis, visita e baño nas termas. A hora aproximada de regreso son as 20:30 h.

6921604881_c9cc78b5f3.jpg

Excursión á via Nova 2015

Excursión á Via Nova e campamento de Aquis Querquennis (Lobios-Bande, Ourense)

Dirixida aos alumnos de Cultura Clásica de 3º e 4º de ESO e Latín e Grego de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato.

Organizada polo departamento de Latín e Grego en colaboración co de Xeografía e Historia.

Datas da viaxe

martes, 24 de novembro de 2015

Saída: 8:45 dende o Centro

Regreso: 20:30 horas, aproximadamente.

Programa

Chegada a Portela do Home, visita aos miliarios romanos e ruta a pé pola Vía Nova (5 km), pasando pola Corga da Fecha e a pousada romana de Aquis Originis (Lobios).

Traslado en autobús ata o centro de visitantes do campamento romano de Aquis Querquennis. Visita ao campamento, comida e baño nas termas naturais próximas.

Regreso á Estrada.

Prezo aproximado por alumno 10€

Inclúe autobús (a entrada ao centro de visitantes é gratuita)

A comida non vai incluída, así que todo o mundo deberá levar a súa.

Recoméndase roupa cómoda e calzado axeitado para a ruta a pé.

 

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Saída a Lugo

O vindeiro luns, 2 de marzo, alumnos/as do noso centro, dos cursos 3º e 4º da ESO (das materias de cultura clásica e latín) e de e de Bacharelato (da materia de latín),  visitarán a cidade de Lugo e o Auditorio Gustavo Freire, onde asistirán, en sesións de mañá e tarde, ás representacións de teatro clásico seguintes:
 
 Edipo Rei de Sófocles, SV Producciones (Madrid).
 Cestiña de Plauto, SV Producciones (Madrid)

 A actividade está organizada polo Departamento de Latín, acompañando aos alumnos/as os profesores, Beatriz Mera e Álvaro Pérez.

lugo.JPG

X edición do Concurso de Cultura Clásica Odisea

Durante toda a mañá do xoves 29 de febreiro, dende a Biblioteca e as salas de informática, os alumnos de Cultura Clásica e Latín do MGB participarán na X edición do concurso de Cultura Clásica Odisea 2015, xunto con outros centros de GaliciaValencia, CastellónAlacantCatalunyaAragónValladolid, Extremadura, Cádiz, Córdoba, Granada, Málaga, Sevilla e La Rioja.

Organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEECGalicia), a temática este ano xirará en torno a “O Amor en Grecia e Roma”.

Ademais, o venres 30, durante o primeiro recreo, terá lugar na MeGaBiblioteca a entrega dos premios "internos" para a Odisea do MGB, e proxectarase, en estrea mundial, o documental Hic et Nunc (aquí e agora), realizado polos alumnos de Latín o pasado curso.

icono-barco.png

A Coruña romana

Este é o vídeo da visita realizada o pasado martes 18 de novembro polos alumnos de Latín e Cultura Clásica ao museo do Castelo de Santo Antón e á Torre de Hércules na Coruña.

Vae Victis!

Roma, ano 695 ab urbe condita. A cidade está dominada polo primeiro triunvirato formado por Craso, Pompeio e Xulio César, pero este último ideou un plan para engrandecer a gloria de Roma... e facerse con todo o poder.

Ámbar, unha escrava de orixe celta, descobre os plans de César e comeza unha terrible odisea para voltar ao seu fogar, as Galias, a advertir ao seu pobo do perigo que se cerne sobre as súas cabezas...

Este é o argumento de Vae Victis!, un referente da novela gráfica histórica, con debuxos de Jean-Yves Mitton e guión de Simon Rocca e que podedes atopar na sección de novidades da MeGaBiblioteca.

É esta unha edición integral que consta de 3 volumes, con tres capítulos en cada un. Acción asegurada e unha ben documentada base histórica que nos farán pasar un bo rato e viaxar dende Roma ata Britannia, pasando polos diferentes pobos que configuraban a Gallia. A vida no exército, o papel dos druídas, as alianzas e enfrotamentos entre Roma e os pobos galos. Todo isto e moito máis a través das páxinas desta obra altamente recomendada para os lectores do MGB.

Para máis información podedes ler aquí unha reseña ou a completa entrada que lle dedica a wikipedia francesa.

* Esta nova é a primeira dunha serie que terá carácter semanal e coa que o equipo da Biblioteca quere dar a coñecer as súas recentes adquisicións.

Saída Cultural á Cidade de A Coruña

Alumnos/as do IES Manuel García Barros visitarán o vindeiro martes, 18 de novembro, a cidade da costa noroeste galega, visitando o Castelo de San Antón e a Torre de Hércules. A actividade, organizada polos departamentos de Xeografía e Historia e Latín, vai dirixida a alumnos/as de 3º e 4º ESO e 1º e 2º de bacharelato (das materias de latín e cultura clásica).

torre de hercules.jpeg

Dives Gallaecia, un exemplo de traballo colaborativo

O pasado venres 21 de marzo, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, no marco das xornadas escol@tic 2014 organizadas polo CAFI, os profesores do MGB Marisa Otero e Álvaro P. Vilariño presentaron o traballo desenvolvido no proxecto Dives Gallaecia, no que tamén participou o profesor Miguel Bugallo, e que podedes ver nesta presentación en Prezi.

Festival de teatro grecolatino de Lugo 2014

O vindeiro luns día 24 de marzo, un grupo de 32 alumn@s de 4º ESO e 2º de bacharelato acudirán ao festival de teatro Greco-Latino de Lugo, organizado por SEECGalicia, que se celebrará no Auditorio "Gustavo Freire".  As representacións deste ano serán a traxedia "Hipsipila" de Eurípides e da comedia"Aulularia" de Plauto.

* Fotografía de Miguel Bugallo

Odisea 2014, a peli!

Unha vez rematada a Fase Estatal da edición 2014 do concurso, onde a Panda de Plauto, do IES Mariano Quintanilla de Segovia, acadou o primeiro posto, Capricornio, do IES Vila de Cruces, o segundo, e Aresto Momentum, do INS Gallecs de Mollet del Vallès, o terceiro, dende o MGB queremos recordar todos eses momentos de emoción vividos neste pequeno vídeo, que recolle as mellores escenas do día do preguntón.

Clasificación final Odisea 2014

Unha vez rematada a primeira fase do concurso Odisea 2014, ningún equipo do Centro conseguiu pasar ao desempate na sede de Galicia, aínda que por moi pouco, xa que un só erro nunha pregunta privou ao equipo NIKE de disputar a seguinte fase. A clasificación final no MGB queda como segue:

A entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, día 10 de febreiro, no 2º Recreo, no salón de Actos do Centro.

Dives Gallaecia e Concurso Odisea 2014

No Faro de Vigo aparece a entrevista feita ao profesor deste IES Álvaro Pérez Vilariño como coordinador do Proxecto "Dives Gallaecia", recentemente premiado por partida dobre,  e tamén  outro artigo da participación do alumnado, vinculado tamén a este proxecto, no concurso Odisea 2014.

Odisea 2014

Durante toda a mañá do xoves, 6 de febreiro, dende a Biblioteca e as salas de informática, os alumnos de Latín e Grego do MGB participarán na IX edición do concurso de Cultura Clásica Odisea 2014, xunto con outros centros de GaliciaValencia, CastellónAlacantCatalunyaAragón e Valladolid. A temática este ano xirará en torno a un tema de actualidade, “o teatro en Grecia e Roma”. Temos apuntados os seguintes equipos:

4º de ESO: 1º BACHARELATO 2º BACHARELATO
  • ATENEA

  • TARPEIA

  • AS SABINAS

  • VICTORIUM

  • NIKE

  • CEREBRUS ILUMINATUS

  • DEMÉTER E PERSÉFONE

  • INVICTUS

  • FIAT LUX

  • LATIN QUEENS

  • CAVE ALVARUM

Este ano, grazas ao conseguido polo proxecto Dives Gallaecia, os premios que outorgaremos aos 3 primeiros clasificados do MGB serán algo mellores que os do ano pasado: un cheque-regalo de 90€ para o 1º, 60€ para o 2º e 30€ para o 3º.

E ademais, ao rematar as clases desa mañá, reunirémonos na cafetería do Centro a degustar uns solemnes pinchos. Esperamos contar coa compaña dos exalumn@s que participaron no proxecto en anos anteriores. Os postres corren pola nósa conta.

Dives Gallaecia na TVG

No telexornal de onte saiu a reportaxe realizada no Centro sobre o Proxecto Dives Gallaecia. 

Distribuir contido