Último número

ENTREGA PREMIOS XIV CERTAME BENJAMÍN PAZ- EDICIÓN REVISTA A PRAVIA Nº 60

O venres, día 28 de maio de 2010, ás 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, o CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, organiza o acto de entrega de premios do XIV Certame Literario e de Debuxo Benjamín Paz, que convocou coa colaboración da Asociación de Minusválidos “Benjamín Paz” e o propio Centro Cultural Recreativo, e que ten como fin primordial e fundamental o de lembrar a figura de Benjamín Paz Cordal. O acto enmárcase tamén dentro das actividades que o noso Colexio programa co gallo das Letras Galegas tendentes a fomentar a creatividade artística e literaria, por un lado, e a potenciar o idioma galego cara a consecución da súa plena normalización, por outro. O acto completarase cun pequeno recital poético a cargo de alumnos e alumnas gañadores no Certame e coa actuación do Grupo Pandereteiras de Andrade. Así mesmo, nestes días o CEIP “A. Insua Bermúdez” edita un novo número da revista escolar A PRAVIA, coincidindo co mes das Letras Galega, e que fai o número 60. Nesta ocasión, inclúese un traballo sobre o escritor homenaxeado este ano, Uxío Novoneyra, que inclúe pasatempos e cómic sobre a súa figura; unha entrevista a Pilar Fraga, de Lambuxos; unha ampla reseña do XIV Certame Benjamín Paz; os traballos das aulas; as noticias do Cole; os nosos murais; a páxina de APA; Medio ambiente e Investigación; o homenaxe dos alumnos a un mestre e unha mestra do Centro que se xubilan; un novo artigo sobre orientación educativa; o apartado de recensións de libros lidos por membros do equipo de redacción e que leva por título “Que lindo é ler!”a colaboración de tres alumnas de Maxisterio que fixeron as prácticas no noso Centro; os recortes de prensa, e un recordo especial para David, no 1º Cabodano do seu pasamento. A revista repártese a tódolos membros da comunidade educativa, aos centros educativos da bisbarra, ás institucións e aos organismos públicos, asociacións culturais, medios de comunicacións, etc.

PUBLICAMOS UN NOVO NÚMERO DA NOSA REVISTA A PRAVIA

Nestes días de preámbulo do Nadal, o CEIP “A. Insua Bermúdez” editou un novo número da revista escolar A PRAVIA, que está dedicado preferentemente ao Capón de Vilalba: proceso evolutivo, receitas, comicapón datos actualizados desta e da última Feira… Pero tamén inclúe outros traballos interesantes. Á parte dos contos, poesías, debuxos, noticias do Cole, pasatempos, etc. –traballos todos eles realizados nas distintas aulas do colexio- nesta ocasión publícanse: 
· O Prólogo corre a cargo de FÉLIX VILLARES MOUTEIRA, sacerdote, escritor e profesor. 
· A Entrevista realizámoslla a RAMÓN VILLARES PAZ, presidente do Consello de Cultura Galega  e membro da Real Academia Galega. 
· Na sección “Falamos con…” podemos coñecer polo miúdo unha das mellores coleccións de figuras e obxectos de vacas do mundo. O seu propietario, MOISÉS CARBALLEIRA GAUTE, explícanos todo o relacionado coa mesma.  
· Outros artigos interesantes que se poden ler neste número son: Un sobre a Gripe A e a súa incidencia no Colexio; outro sobre medio ambiente, sobre a árbore da Pravia e o respecto á natureza; outro sobre asa actividades da ANPA do noso Centro, e un interesante artigo sobre a Autoestima, realizado polo Departamento de Orientación.  
· Por último, e para conmemorar a efeméride que representan 30 anos de revista, publicamos unha escolma das portadas máis significativas deste período así como unha selección de pasatempos.     

EQUIPO DE REDACCIÓN DA REVISTA “A PRAVIA”CEIP “A. INSUA BERMÚDEZ” - VILALBA

Distribuir contido