Actividades Ext

VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES DO ALUMNADO DE 3º DE EP

Os alumnos e alumnas de 3º visitamos o Museo de Belas Artes na Coruña o xoves, 2 de decembro.

Tivemos a oportunidade de coñecer como é un museo por dentro, estar nas salas onde se expoñen todas as obras e gozar de tanta arte!

A visita guiada levou por título “Liña. Mancha. Cor”.

Aprendemos que a liña, a mancha e a cor son tres dos elementos principais aos que nos enfrentamos á hora de realizar unha produción artística ou analizala.

Ademais, aprendemos como e cando xorden as cores, que pode haber figuras sen liñas, que as manchas poden expresar sentimentos ou que as cores poden ter moitas tonalidades diferentes. E tamén vimos como os cadros son moi diferentes dependendo da época na que foron pintados.

  

Tivemos a sorte de contemplar obras moi importantes, descubrir o que os pintores querían expresar ou contar con elas e incluso tivemos a oportunidade de converternos en auténticos e auténticas artistas realizando as nosas propias creacións.

           

 

Foi unha xornada moi divertida!

 

           

CONMEMORAMOS OS DEREITOS DA INFANCIA

O 20 de novembro é unha data importante: conmemórase o DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA e conmemóranse os aniversarios da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno e da Nena (1959) e a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena (1989).

Esta Convención, a máis universal dos tratados universais, establece unha serie de dereitos para os nenos e as nenas, incluidos os relativos á vida, á saúde e á educación, ao xogo, á vida familiar, á protección fronte á violencia e á discriminación, e a que se escoiten as súas opinións.

O alumnado do CEIP de ARZÚA traballamos e aprendemos máis sobre esta conmemoración e demos un repaso aos Dereitos máis importantes dos Nenos e Nenas.

Mais este ano, como estamos a traballar o tema das “emocións” tamén quixemos profundizar un pouco máis nos dereitos que teñen todos os nenos e as nenas relacionados con este tema.

Aquí podedes ver o mural común no que participaron todas as aulas do colexio e que leva por título DEREITOS EMOCIONAIS DA INFANCIA.

O puzle encabézao o lema “Teño dereito a…” no que cada aula ilustrou un deses dereitos emocionais.

                      

 

Ademais, a nivel aula, fixéronse máis traballos e murais relacionados con esta data:

                 

 

 

DÍA DA INFANCIA

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa celebra o Día da Infancia con varias actividades culturais para o desfrute dos escolares arzuáns.

Para conmemorar esta data, fomos convidados e convidadas a desfrutar de diferentes espectáculos aos que asistiu todo o alumnado do colexio no Multiusos Terra do Queixo.

O luns, 15 de novembro os rapaces e rapazas de Educación Infantil gozaron co espectáculo “De aquí para alá” de Lydia Botana.

Foi un espectáculo sobre o libro-disco publicado en 2015 pola editorial Cumio na súa primeira edición. É un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao público que nos acompañe na procura de novos sons!

                                  

O martes, 16 de novembro os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º asistiron ao espectáculo “Os Trotasongs” de Conticánticos.

Unhas misteriosas personaxes que se fan chamar os Trotasongs, aparecen en escea na súa nave, a Trotaceos, para compartir co público o seu máis preciado segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súa viaxes a través do tempo e do espazo.

                                      

O mércores, 17 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º gozaron do espectáculo “Galego: Maxia” de Dani Polo.

Trátase dun espectáculo didáctico onde grazas á maxia ponse en valor a diversidade lingüística e territorial do noso idioma. A través de diferentes ilusións e moito humor, descubriremos xuntos e xuntas o poder máxico que agocha a lingua.

                                 

Moitas grazas ao Concello de Arzúa por pensar nos máis cativos e cativas e convidarnos a desfrutar destes espectáculos tan marabillosos!

6º EP VISITA O PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO

O alumnado de 6º EP visita o Parque Eólico Experimental de Sotavento, o 9 de novembro. 

Da man dos monitores do Parque eólico fixemos un percorrido polas distintas fontes de enerxía e comprobamos que aproximadamente o 64% da enerxía eléctrica que consumimos procede de fontes de enerxía non renovables. 

  

Centrámonos despois nas fontes de enerxía renovables. Fixemos dous pequenos experimentos para ver como se transforma a enerxía solar en enerxía eléctrica e en enerxía térmica. 

       

Aproveiatamos que tiñamos un día solleiro e puxemos en marcha a cociña solar para quentar o leite e facer un delicioso chocolate, que degustamos na metada da mañá.

Entramos nun aeroxerador para ver o seu interior e logo achegámonos ao taller para observar de preto as distintas partes das pezas da góndola e o seu funcionamento. 

   

 

Por último, entramos na vivenda bioclimática do Parque e alí puidemos ver como aproveitar os recursos que nos ofrece a natureza para aforrar enerxía á hora de quentar a casa, así como distintas medidas de aforro enerxético. 

  

 

  

 

 

 

MAGOSTO

O MAGOSTO é unha festa tradicional típica galega relacionada coa colleita das castañas.

A palabra Magosto significa “fogueira preparada para asar as castañas” en torno á cal se reunían os vecinos e veciñas para compartilas e festexar xuntos e xuntas.

Nesta festa a castaña e o lume únense para celebrar a chegada do outono.

Os nenos e nenas do CEIP  de Arzúa traballamos e aprendemos máis sobre esta festividade realizando diversos traballos e manualidades.

Ademais o venres, 5 de novembro, celebramos o noso Magosto no colexio degustando castañas asadas e tomando un chocolatiño ben quentiño e saboroso.

Foi unha xornada na que as castañas, a chocolatada e a compañía dos nosos compañeiros e compañeiras de clase fixeron que fose moi divertida.

Feliz MAGOSTO!

  

 

  

DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

O Día Mundial do Medio Ambiente é o maior evento da ONU para o fomento da acción en favor da conservación do medioambiente. Conmemórase o 5 de xuño e celebrouse  por primeira vez en 1974 onde se insta a gobernos e organizacións a que "emprendan actividades que reafirmen a súa preocupación pola protección e a mellora do medioambiente, con miras a facer máis profunda a conciencia dos problemas do medioambiente."

O alumnado do CEIP de Arzúa quixémonos sumar a este loita e elaboramos este mural colectivo que leva por título "ESTAMOS A TEMPO..."

                   

E como aínda estamos a tempo de protexer o que queda e reparar o danado, cada aula rotulou e debuxou diferentes lemas que axudarán nesta importante loita, creando así a forma dun reloxo:

1. Non tires lixo ao chan.

2. Reutiliza todo o que poidas.

3. Utiliza a auga de xeito responsable.

4. Recicla para xerar novos produtos.

5. Utiliza o papel reciclado.

6. Aproveita a luz natural.

7. Reduce o uso de envases.

8. Evita o uso das bolsas de plástico.

9. Aposta polo transporte público e as bicicletas.

10. Desconecta os aparellos eléctricos que non uses.

11. Planta árbores para reducir o quencemento global.

12. Evita utilizar produtos químicos.

 

 

 

EDUCANDO CON MALIBÚ, Ningún can sen fogar.

A "Casa Grande de Xanceda" trouxo ao noso colexio a iniciativa "Educando con Malibú" onde unha cadeliña que recibe este nome, Malibú, nos visitou co propósito de educar aos máis pequenos e pequenas na tenencia responsable de animais. Ela é o claro e triste exemplo de abandono de animais de compañía.

Pese a todo isto, Malibú está segura de que a educación en valores é moi importante para que os futuros donos e donas de animais sexan responsables, chegando así, a acabar co abandono. Esta cadeliña convirteuse no símbolo desta loita, fomentando en cada clase a adopción de animais abandonados, educando na solidariedade e no respecto aos animais.

Na visita que fixo ao noso colexio, dirixida ao alumnado de Primaria,  aprendemos algo máis sobre as escusas que os donos de mascotas poñen cando as abandonan, sobre os coidados necesarios ou sobre a importancia e obrigatoriedade de identificalas.

Pero o mellor de todo, foi poder desfrutar desta cadeliña tan boa, que nos deixou darlle unha caricia chea de esperanza. Grazas, Malibú.

 

 

 

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O Día Mundial da Saúde celébrase o 7 de abril. Esta data é unha conmemoración creada para lembrar a fundación da Organización Mundial da Saúde no ano 1948.

Todos os anos elíxese para esta xornada un tema de saúde específico a fin de destacar unha área relacionada co coidado da nosa saúde. Este ano abordouse o tema de "construir un mundo máis saudable e xusto".

Os rapaces e rapazas do CEIP de Arzúa traballamos e aprendemos máis sobre esta conmemoración e elaboramos este mural que leva por título "Hábitos saudables".

                     

Cada aula rotulou e decorou un destes hábitos saudables tan necesarios para o coidado da nosa saúde:

- "Móvete"

- "Comprando ben, comemos mellor".

- "Un almorzo saudable".

- "Froitas e verduras, 5 porcións ao día·".

- Desfruta da familia e dos amigos/as".

- "A auga é fundamental, bebe moita auga para non estar mal"

- "Eu estiro, tí estiras... nós estiramos".

- "Desconecta"

- "Planifica os teus menús saudables·".

- "Coidamos da nosa autoestima".

- "Xoga moito para medrar en saúde".

- "Medita e reláxate".

Estes son algúns dos nosos traballos:

 

ENTROIDO 2021

O ENTROIDO é unha das nosas festas favoritas do ano. E aínda que este, nos tocou vivir un Entroido atípico, as ganas e ilusión estaban máis presentes que nunca!

Aquí unha pequena mostra do guapos e guapas que fomos, do simpáticos e simpáticas que estabamos, e do ben que o pasamos!

Sempre cun sorriso! MOI FELIZ ENTROIDO A TODOS E TODAS!

 

 

ENTROIDO 2021

 

O Entroido, unha das festas máis importantes para nós, está moi próximo e estamos ansiosos e ansiosas!

Este ano imos retomar unha tradición relacionada con estas datas: O MECO.

O Meco é tradicional de moitas localidades galegas sendo o encargado de abrir, presidir e pechar as festas do Entroido.

O Meco manda...

Nestes días próximos á chegada do Entroido, o Meco manda máis ca ninguén. É por iso que os cativos e cativas do colexio poderán participar, a próxima semana, nesta festa e seguir as ordes deste famoso personaxe.

Aquí vos deixamos as consignas...

                                                  

 

Feliz Entroido!

 

Powered by Drupal - Design by artinet