Skip to Content

 

   

Biblioteca

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2023

Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Para ler o manifesto e coñecer as actividades que temos preparadas desde a biblioteca escolar, preme na imaxe ou consulta directamente o noso blog (icona vermella na parte superior). 

 

APERTURA DA BIBLIOTECA ESCOLAR 23-24

Coa chegada do mes de outubro a biblioteca da escola abre as súas portas.

O alumnado de primaria pode acudir, no tempo de recreo, a coller libros en préstamo, ler, debuxar, estudar, xogar...  O alumnado de infantil ten unha sesión semanal asignada e tamén comezaron o empréstito de libros e contos.

En breve comezarán a circular as bolsas dos tesouros en primaria e as mochilas viaxeiras en infantil.

O corredor nestas primeiras semanas estará decorado en homenaxe a Francisco Ibáñez, creador de personaxes tan coñecidos como Mortadelo e Filemón. 

 

 

APADRIÑAMENTO LECTOR

Este ano retomamos a actividade dos apadriñamentos lectores, despois de varios cursos con certas limitacións nas interaccións entre grupos. O alumnado de 5º e 6º de primaria preparou unhas lecturas para os nenos e nenas de 5º e 6º de infantil, respectivamente. 

Primeiro houbo un encontro na biblioteca para coñecerse, falar dos seus gustos e crear un pequeno vínculo. Despois nenos e nenas de 5º e 6º de primaria acudiron á biblioteca para atopar unha lectura axeitada e preparala nas aulas. 

Finalmente produciuse un novo encontro, ao aire libre, no que se realizaron as lecturas. Premendo na primeira imaxe poderedes ver un video da actividade. 

 

 

LECTURAS FAVORITAS

O remate de curso invita a reflexionar, tamén no eido da biblioteca escolar. Porén, elaboramos un mural coas lecturas favoritas deste ano para o alumnado de infantil e primaria. 

Narval, Mortiña, Pitufos, Gummball, Sonríe, o Polo Pepe, os contos de Bumba ou clásicos, como "Os tres porquiños" están entre os favoritos da nosa biblioteca. 

 

 

 

 

 

 

DÍA DO LIBRO 2023

Para conmemorar o Día do Libro o Equipo de Biblioteca organizou unha nova edición do concurso "O Preguntón".  Este ano convertímolo nun xogo de pistas, que se desenvolveu entre a biblioteca da escola e o Museo do Xogo Popular, dinamizando así este espazo do colexio. Premendo na imaxe poderedes ver un video do alumnado participando no xogo. 

UN NOME PARA A RADIO ESCOLAR

Este curso o noso centro foi aceptado dentro do programa "Radio na Biblio" así que o Equipo de Biblioteca convocou un concurso para atopar un nome e logotipo para a nosa radio escolar.  Premendo no enlace poderedes ver no blog da biblioteca todos os debuxos participantes. En breve saberemos o escollido!

 

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No catálogo da nosa biblioteca contamos con moitas lecturas sobre igualdade, e agora podedes consultar cales son no catálogo online. Podedes acceder premendo no seguinte enlace: 

https://ceipesteiro.edubib.xunta.gal/

Na parte superior esquerda aparece "Listas":

Cando despregamos aparecen as listas públicas do catálogo, entre elas "Libros para o 8M":

Moitos destes libros están circulando polas aulas co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, pero están á disposición da comunidade educativa durante todo o curso. 

 

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia realizamos varias actividades, entre elas un taller de chapas con todo o alumnado de infantil e primaria. 

Premendo na imaxe accederás ao blog da biblioteca e poderás ver como desenvolvemos no taller.

LECTURAS POLA PAZ

No mes de xaneiro sempre facermos unha selección de lecturas relacionadas coa paz, a solidariedade, as consecuencias da guerra, a empatía... Deste xeito o alumnado e profesorado pode preparar a celebración do Día da Paz e da non Violencia que se conmemora o 30 de xaneiro. 

O NADAL CHEGA Á BIBLIOTECA

Coa chegada de decembro elaboramos unha pequena exposición con lecturas ambientadas no Nadal. Neste mes o equipo de biblioteca está a preparar diferentes actividades, como a tradicional guía de lectura, con suxestións de libros e outros materiais. Tamén celebraremos unha sesión de xogos na biblio -co alumnado de 3º a 6º de primaria- e un contacontos -para o alumnado de infantil, 1º e 2º de primaria-, este último realizado polos axudantes da biblioteca deste trimestre.  

 

Distribuir contido


by Dr. Radut