Actividades

Día da Paz e non violencia 2020

Celebrámola PAZ

Ao longo da historia e ao redor do mundo, os seres humanos eliximos diferentes imaxes e xestos para representar a paz. Estes símbolos mostran o valor que ten a paz para nós e teñen diferentes historias e orixes que merece a pena coñecer, e así o fixemos.

Os alumnos de infantil traballaron a pomba da paz. É un símbolo moi antigo. Aparece na biblia e representa a paz e a reconciliación tras o diluvio universal. Despois da Segunda Guerra Mundial a pomba da paz volveu ser unha imaxe moi recoñecida, debido a uns debuxos que realizou Picasso.

Os de primeiro fixeron a rama de oliveira. É outro símbolo de paz que a humanidade utiliza desde hai moito tempo. Era un dos atributos da deusa grega da paz, Irene, e simbolizaba a abundancia e a vitoria sobre os malos espíritos.

Os de segundo traballaron oSinal da "V" coa man”

Este xesto, coa man virada cara a fóra, ten diferentes significados pero popularizouse como signo de paz durante os movementos pacifistas posteriores á II Guerra Mundial e, especialmente, na década dos 60, durante a Guerra de Vietnam.

A papoula é o símbolo dos de terceiro.

Cóntase que, durante a Primeira Guerra Mundial en Europa, creceron moitas papoulas no que foran os campos de batalla, polo que esta flor foi adoptada como recordo dos caídos na guerra. Máis adiante, promoveuse a papoula como símbolo do pacifismo, a non violencia e contra os desastres da guerra.

Os de cuarto decoramos os logos da paz

Este logo foi creado en 1958 por Gerald Holtom, un deseñador gráfico inglés, para unha campaña en apoio do desarmamento nuclear, este símbolo fíxose mundialmente coñecido nos anos 60 a través do movemento hippie. As liñas dentro do círculo representan as letras D e  N (desarmamento nuclear) no alfabeto semáforo, que é o que se utiliza os brazos e bandeiras para enviar mensaxes visuais a longa distancia.

Os de quinto representamos as nosas mans e queremos que representen a tódolos nenos do mundo.

As mans estendidas mostrando a palma son un xesto de paz e de rexeitamento á violencia, en particular o terrorismo. Están abertas e estendidas cara á fronte, é un xesto de autoafirmación, de conciliación e que comunica que a persoa non oculta nada, ao contrario que un puño, que pode pegar e esconder.

Os maiores do cole somos uns expertos en origami xaponés e creamos estas estupendas grúas.

A lenda conta que quen logre unir 1.000 grúas de papel con fíos verá cumprido un desexo. Fixéronse populares como símbolo de paz tras a Segunda Guerra Mundial pola historia de Sadako Sasaki, unha nena xaponesa que enfermou de leucemia tras a bomba atómica de Hiroshima e á que a súa familia e amigos axudaron a encartar máis de 1.000 grúas durante a súa estancia no hospital

No CEIP Manuel Sueiro entre todos creamos este arco da vella. Queremos que sexa un símbolo de paz. Nós neste momento queremos deixar o noso gran de area para rexeitar a violencia.

Xadrez: aprender a aprender

Desde a Concellería de Educación en colaboración coa Escola Xadrez – Club Liceo Academia Postal,  presentouse no noso centro un programa de xadrez, orientando as bases para socializar aos nenos e nenas e crear  vínculos de comunicación e amizade.

Este programa ten a seguridade dun futuro para o alumnado participante, que lles axudará a desenvolverse e mellorar  o seu rendemento escolar, como a súa mellor arma pedagóxica para aprender a aprender toda a súa vida.

Está previsto que esta actividade se desenvolva de 16:00 a 18:00 dous días pola semana (martes e mércores) na biblioteca do noso centro.

Feliz 200 cumpleanos Museo do Prado

¡ FELIZ 200 CUMPLEANOS MUSEO DO PRADO !

O 19 de novembro de 2019 o MUSEO DEL PRADO está de aniversario. PARABÉNS!  Non se cómpren 200 anos todos os días.

Desde o CEIP MANUEL SUEIRO queremos enviarlle un bico enorme, desexando que sega coa súa labor moitos anos máis.

Hai xa dous cursos que desenvolvemos un proxecto documental integrado na área de plástica no plan de seccións bilingües dedicado ao museo, “My home, our home, the Prado Museum”.

Os/as que hoxe te felicitamos xa medramos un chisco, pero non esquecemos aquela aventura polos seus corredores e salas.

Tamén seguimos agradecendo as achegas para o noso proxecto facilitadas pola área de educación do Museo.

Para que lembredes o noso traballo poñemos á vosa disposición o enlace do produto final daquel proxecto.

E tamén un proxecto anterior no curso 2015/2016 dedicado á obra de Robert Campin “Santa Bárbara”, que formou parte dun proxecto no programa das Meteoescolas.

BICOS E APERTAS NO TEU ANIVERSARIO

Celebración do Samaín 2019

O 30 de outubro celebramos a Festa do Samaín no noso colexio. A maioría do alumnado e profesorado acudiu disfrazado ao centro.

O equipo de biblioteca decorou a biblioteca para que esta puxese en contacto o mundo dos vivos e dos mortos tal como nos di a lenda do Samaín. Por ela desfilaron todas aquelas persoas que o desexaron, algunhas pasárono tan ben que se animaron a repetir esta experiencia.

O alumnado de sexto de Ed. Primaria foi o encargado de darlle ambiente a este espazo de de conexión co máis alá que ten lugar na noite de Samaín.

Previamente, toda a comunidade educativa participou nun flash movie, coa interpretación da canción Monster Mash, para unir as festas do Samaín e do Halloween.

 

A Guarda

Presentación sobre os lugares que visitaremos na saída do mércores 12 de xuño:

 

Ti reciclas, Ourense gaña

O 11 de febreiro o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria participou nun obradoiro de reciclaxe que se desenvolveu na biblioteca do noso centro baixo o título “Ti reciclas, Ourense gaña”.

Os obxectivos principais desta actividade perseguen que o alumnado entenda o medio como un ben común a todos os cidadáns e digno de protección e que contribúa á redución da emisión de gases o efecto invernadoiro e en especial, que axude a reducir a pegada ecolóxica, comezando dende o ambiente escolar.

A evolución social dos últimos decenios acadou un aumento da calidade de vida reflectido na mellora da hixiene, da sanidade, da alimentación, do benestar social,... sen embargo, estas aínda que positivas, traen asociados impactos ambientais importantes que temos que xestionar do mellor xeito posible  para tratar de evitalos e para non alterar o medio ambiente no que vivimos. Un deses impactos é o aumento da xeración de residuos debido ao incremento do consumismo da poboación e do número de embalaxes que se empregan na comercialización de produtos ( papel, cartón, vidro, plásticos, metais,...) e polo emprego de envases de usar e tirar. Toda esta situación provocou un crecemento continuo no volume de refugallos xerados por habitante e día ata os 1,216 Kg/habitante rexistrados no ano 2009.

 

Obradoiro de Play Energy Endesa

O de 10 febreiro realizamos no centro un obradoiro de Play Energy Endesa co alumnado de 3º e 4º de Ed. Primaria.

Todos os participantes, mediante unha metodoloxía colaborativa, descubriron o mundo da enerxía e formáronse en conceptos como a enerxía renovable, a eficiencia enerxética ou o consumo eficiente.

O desenvolvemento desta actividade tivo un compoñente lúdico, atractivo e emocional, co obxectivo que os alumnos aprendesen mentres xogaban favorecendo así a memoria dos contidos ofrecidos.

Realizáronse unha serie de experimentos e xogos, probando o funcionamento de vehículos de propulsión eólica, vehículos híbridos solares e xiros lixeiros, entre outros.

A experiencia resultou altamente positiva para o alumnado.

Concertos didácticos

O 3 de abril o alumnado de 2º, 3º e 4º de Ed. Primaria acercouse ao conservatorio de música para asistir a un concerto didáctico que tivo lugar no seu escenario.

O concerto tivo como eixe principal a relación entre a música e as emocións.

Con esta actividade pretendemos transmitir aos nenos e nenas asistentes que a música é un medio de comunicación artístico, universal e moi completo. Cada melodía que escoitamos desencadea unha forza emocional capaz de espertar en nós sentimentos de agarimo, alegría, emoción, tensión, nostalxia ... Estes aspectos foron experimentados polo noso alumnado nun programa eminentemente sensible, práctico e interactivo.

Propuxéronnos un xogo no que tiñamos que relacionar catro músicos con catro emocións.

Pasámolo xenial!!

Para despedirnos, os profes do conservatorio animáronnos a coñecer os estudos de música que alí se imparten.

Ponlle as pilas ao teu bocata

O 2 de abril todo o alumnado e profesorado do centro participou na actividade "Ponlle as pilas ao teu bocata" dentro do programa "Aliméntate ben".

Esta campaña esta deseñada para a dar o coñecer as múltiples virtudes das conservas dos produtos do mar. Esta iniciativa desenvólvese nos colexios públicos e numerosas competicións deportivas e campamentos da comunidade autónoma.

Ter unha dieta rica e equilibrada é fundamental para crecer. Levar unha alimentación adecuada, completa e variada dáche a enerxía necesaria para facer o que che guste durante o día.

As especies mariñas en conserva, xunto cunha gran variedade de alimentos vexetais, cereais, lácteos.. serviranche para elaborar os teus propios bocatas! Na web do programa ofrécenche ideas para que experimentes con todas as combinacións que se che ocorran, así gozarás de infinidade de sabores que che achegarán todos os beneficios enerxéticos que necesitas para crecer san e forte!

Comezo do curso escolar 2018/2019

O 12 de setembro deu comezou o curso escolar 2018/2019 e tivemos o privilexio de contar coa presenza das autoridades locais para inicialo.

O Alcalde, a Concelleira de Educación, a Delegada da Xunta, a Xefa Territorial de Educación, O Inspector Xefe e o noso Inspector visitaron as aulas do noso centro e intercambiaron impresións con todo o alumnado.

Diferentes medios de comunicación locais e autonómicos deron cobertura á nova en diferentes espazos:

 

Distribuir contido