Skip to main content

CURRÍCULO CEDEIRÉS

CEDEIRA, RESERVA MARIÑA #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais.

Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas.

Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte:

c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade

Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica. 

Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea.

Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas…

 

Aquí van algunhas delas:

 

Berberechos

Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.

 

 

 

Ardecasas

Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!

 

 

 

Cangrexo ermitaño

Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:

 

Xebra

Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.

 

 

 

 

Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar.

Por iso, propoñemos facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña. 

Nese cartel ten que ir o título: 

 

Ría de Cedeira, Reserva Mariña 

 

E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.

 

Aquí vai o noso:

 

Esta actividade didáctica realízase en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com

Xa podedes ver algunhas creacións no facebook do museo.

 

 

 

O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as nosas voces e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.

 

 

 

Fotografías: Rafael López Loureiro

 

 

 

 

 

 

 

 

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - CADERNO DE NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

O respecto e coidado do medio ambiente comeza cando nos achegamos a coñecelo.

Presentamos os cadernos de naturalistas realizados polo alumnado de 5 anos nas súas

Aulas ao aire.

 

PAXARIÑOS PIADORES, CASIÑA DO MEU CONTENTO

 

(Preparando un día de clase nas aulas no aire)

 

Carmen: -Que levante a man o que algún día, paseando, escoitara o canto dos paxaros...

Alba: -Seguro que moitos levantaron a man. Verdade, Carmen?

Carmen: -Si, muller... se os puidese ver, seguro que había tantas mans levantadas como cando preguntamos quen quere falar na asamblea da escola... pero aí vai outra:

(poñemos o reclamo dun paporroibo)

Carmen: -Que levante a man o que seipa que paxariño está cantando

Alba: -Que levante a man o que sepa o nome do rei dos paxaros...

Carmen: -Esa non sei eu se a saberán...

Alba: -Seguro que moitos de vosoutros levantastes a man unha vez, dúas... ou se cadra tres, pero pequenos naturalistas, asegurámosvos que despois do día de hoxe, se abrides ben eses ollos tan atentos que tedes, e afinades con precisión o oído, porque xa sabedes que "o que non atende non aprende", se cadra, algún día paseando recoñeceredes o cantar dalgún paxariño.

 

Pois para empezar, imos contarvos unha fábula, que sabemos que vos gustan...

 

O Rei das Aves

 

Houbo unha vez, hai moito tempo, en que todos os paxaros do mundo se reuniron porque querían nomear un gobernante , e así, xuntáronse nunha asamblea para decidir quen de todos sería o Rei das Aves. 

- O Rei das Aves terá que ser aquel que poida voar máis alto, que para iso son os paxaros! -dixo unha águia (que xa se vía no máis alto do podium con coroa e todo).

E así foi como empezou unha gran competición por ver quen acadaba o posto máis alto. Os paxaros voaron, esforzáronse moito... batían as ás con todas as súas forzas para poder chegar moi arriba...

Así son as competicións...

Os voitres e as águias eran os primeiros, os mellores, ata que unha delas empezou a subir, un águia enorme, fermosísima... unha águia real! Chegou máis alto que ningunha outra.

Foi daquela cando ao verse gañadora, chamou polos demáis paxaros para anunciar que ela sería a raíña, pois estaba por enriba de todos eles...

Pero meus pequenos naturalistas... a águia sinteu que algo lle rebulía no medio das súas ás. Por entre aquelas plumas enormes foise asomando un paxariño, coma un chisco, coma un faragulliño de pan dos que quedan na mesa despois da merenda... e sen pensalo nin esforzarse, púxose na cabeza da rapiña, e berrou:

O rei son eu! O rei son eu!

 

E así foi como o tuí, o máis pequeno de todos os paxariños, se fixo o Rei das Aves e os Paxaros...

 

 

E agora, a actividade de hoxe. 

Seguro que tedes ben gardado o voso caderno de naturalistas. Veña...rapidamente a buscalo, que hoxe imos facer máis páxinas.

Aprenderemos os nomes de catro paxariños que podedes atopar en Cedeira, e algunhas cousas de cada un deles. Non tedes que escribir todo... cada un o que poida.

 

 

O PAPORRUBIO

 

 

O paporrubio, tamén chamado paporroibo, peizoque ou richinó, é un paxariño solitario e moi territorial, que non acepta a presenza doutros conxéneres, ata o punto de zouparse contra a súa propia imaxe se a ve nun espello ou nun vidro. Fundamentalmente insectívoro, libra aos nosos campos de moita bichería, razón pola que sempre se lle ve arredor das xentes que traballan nas terras. Residente durante todo o ano na nosa bisbarra, no inverno chegan grandes cantidades do norte de Europa.

 

O paporrubio ten un cantar moi especial. Aquí tedes o seu son:

 

 

"O peizoque Roque" é un conto de Dores Tembrás que ten como protagonista a este paxariño. "O peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que recenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida"

 

 

 

O MERLO

  

O merlo e a merla son ben diferentes. O merlo é negro e a merla é parda. Paxaros moi comúns e abondosos son coñecidos de todos polo seu melodioso e potente cantar á caída da tarde. Estes paxaros comen de todo: insectos, grans, froitos... e aínda que teñen o plumaxe negro, moitos deles teñen abondosas plumas brancas, chegando algún deles a ser completamente branco. De aí naceu o famoso dito: "Eres máis raro ca un  merlo branco".

 

"A merla de trapo", un conto de Antón Cortizas. Unha historia de fadas pero que non ten fadas. É a historia de Antonia, unha costureira que salva a un merlo de ferro dun estorbo no peteiro que lle impedía cantar. O merlo pouco a pouco entristece,e Antonia cose unha merla de trapo para que lle faga compaña...

 

 

 

 

O MARTÍN PESCADOR

 

 

Puidera ser o máis famoso paxariño da nosa contorna. As súas cores rechamantes, a súa voz metálica, e o seu voar en liña case a ras das augas, cautivan a atención de todo aquel que o ve por primeira vez. Gusta de pousarse nalgunha póla alta á beira dos ríos, dende a que asexa os peixiños  que nadan na auga, para zouparse rapidísimo e conseguir algo para comer.

O Martín pescador, tamén chamado Picapeixe na zona de Ourense é o paxaro que dá nome á asociación de pais e nais dos nenos e nenas da escola de Cedeira: a ANPA "Picapeixe".

 

 

 

A PÍLLARA DAS DUNAS

 

Paxariño emblemático dos nosos areais, agora mesmo en Galicia está en perigo crítico de desaparición. Por isto a píllara das dunas foi nomeada ave do ano 2019.

O seu niño, extremadamente discreto é moi difícil de percibir para os ollos humanos, pero non tanto para o olfato dos cans que pasean polas praias.

 

Sodes capaces de atopar o niño de píllaras nesta fotografía?

Para a súa protección e sobrevivencia existe un plan de protección oficial da Xunta de Galicia:

 

 

E despois de toda esta información, xa estades preparados e preparadas para facer as novas páxinas do noso caderno de naturalistas. Cada un pode apuntar a información que vexa máis interesante. Aquí van as nosas páxinas:

 

 

 

E para que os debuxos sexan máis fáciles de facer, deixámosvos os paxariños paso a paso:

 

 

 

 

 

 

A tomar nota, pequenos naturalistas!

 

As fotografías que acompañan esta entrada pertencen ao arquivo particular do mestre e naturalista Rafael López Loureiro

Nas súas palabras....

"Eu quedo no niño"

 

 

Mil gracias.

 

 

 

 

 

Podedes seguir aprendendo nas Aulas ao aire:

 

- Caderno de naturalistas "Eu quedo no niño"

 

 

- Animaliños que nos visitan... / Caderno de naturalistas "As vosas bolboretas"

 

- Bichiños

 

- Xente de auga e de terra / Caderno de naturalistas "Grandes exploradores"

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

 

CADERNO DE CAMPO VAGALUMES #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

 

Os vagalumes presentan o seu caderno de campo interactivo.

 

Esta actividade nace dentro do proxecto intercentros sobre o patrimonio inmaterial, no que participan Os Vagalumes e o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Punta Candieira.

Con anterioridade realizaron documentación e saída con Andrés Toxeiro.

O traballo continuou dentro da aula cun caderno de campo e consolidouse nas casas coas achegas e vivencias diarias do alumnado de 4º.

 

Preme na man para localizar e usar os elementos interactivos.

 

 

  

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - FLORES #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Respectar e coidar o medio ambiente resulta máis doado se o coñecemos.

Hoxe traemos dúas propostas:

un caderno naturalista (5 anos) e plantación de sementes (4 anos).

 

Un caderno de naturalista na casa?

Pois si, empezamos a crear un caderno para que o día que podamos saír a pasear

saibamos chamarlles ás cousas que vemos polo seu nome.

E por qué?

Pois porque a aprendizaxe debe construírse dende o noso entorno máis inmediato. Os nenos e nenas teñen que aprender os nomes das cousas,

e con esta actividade pretendemos isto mesmo: coñecer algúns nomes de flores.

 

Non digas unha árbore,

dille "carballo",

se che gusta a súa sombra

tes que nomealo.

Que ten un nome,

se che gusta a súa sombra,

que non se borre.

(Campo, M., 2005)

 

Fotografías: Rafel López Loureiro

 

Pois si, amiguiños e amiguiñas... son flores que hai en Cedeira. Cando poidades saír a pasear seguro que atopades algunha delas, e seguro que as ides coidar moito, estamos convencidas de que así será.

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

 

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - XOGOS TRADICIONAIS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

O proxecto anual deste curso plantexado desde a biblioteca versa sobre o medio ambiente: "Contra o cambio...eu cambio. E ti?".

Son moitas as actividades xa realizadas, e tamén durante o confinamento.

Iremos amosando moitas destas propostas ao longo da semana.

 

Hoxe comezamos cos

XOGOS TRADICIONAIS

do alumnado de educación infantil (4 e 5 anos).

 

 

Cando chega a hora do recreo na escola é un momento de felicidade: xogar, estar con nenos e nenas doutras aulas, correr, brincar, gritar, inventar xogos... Ao ler e escoitar isto, fainos retroceder á nosa infancia, aos xogos que aprendimos e recordamos ata o día de hoxe. Dámonos conta de que algúns deles producíronse nas rúas do noso pobo, nos campos da nosa vila, na plaza do sitio onde crecimos e incluso no patio do recreo da nosa escola. Os xogos tradicionais son chamados así por ser de dominio dos nenos e nenas dunha época atendendo aos seus costumes, crenzas, reglas e variantes. Ademais de ser transmitidos oralmente polos nenos e nenas de maior idade.

Moitas persoas cren que o xogo é unha perda de tempo e que non ten que ver coa aprendizaxe formal. Diversas investigacións vinculan o xogo coas matemáticas, xa que é un dos mellores vehículos que os nenos e as nenas teñen para explorar e dominar a súa contorna e, como consecuencia, para aprender gran parte das matemáticas elementais que se establecen como a base para o desenvolvemento de nocións máis complexas a desenvolver posteriormente. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xogade que é bo para a saúde... e compartide as vosas experiencias.

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

BAILAMOS CON PERCEBIÑO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Hoxe toca un pouco de baile, pero teredes que inventalo vós.

Que tal se ideades unha coreografía para o retrouso da canción "Ua, ua, ua!" de Percebiño!

Podedes mover as mans, os pés, dar unha volta, un chimpo...

 

 

 

Compartide as vosas creacións:

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

A NOVA VIAXE DE PERCEBIÑO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

A introducción da actividade de hoxe semella un novo capítulo do conto recén publicado. Pois a decir verdade, viaxe o que se dí viaxe entendido como o movemento dun lugar a outro podería ser. E todo isto por arte de maxia da nosa biblioteca escolar e a vosa axuda, por suposto. Entre todos imos facer que Percebiño viaxe por todos os sitios que se vos ocurran. 

Preguntarédesvos como. Aquí vai a explicación da proposta de hoxe:

 

1. O primeiro que temos que facer é proporcionarlle ao noso percebe favorito un medio de transporte, que polo que podemos supoñer, no que máis lle presta viaxar pode ser un barco.

Xa temos o primeiro paso: construír un barco de papel.

 

2. Cando teñamos o barco feito, metemos nel a Percebiño, e facémoslle unha foto. 

 

3. O último paso pode ser o máis complicado: decidir onde imos mandar a Percebiño.

Premede na imaxe para comezar a tarefa. Se precisades axuda, podedes acceder ao vídeo titorial que atoparedes un pouco máis abaixo.

Ao entrar dádelle a EDITAR.

 

 

 TITORIAL GOOGLE MY MAPS:

 

 

Compartide as vosas creacións:

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

CREA BANDA DESEÑADA CON PERCEBIÑO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Que vos parece convertir en banda deseñada o conto de Percebiño?

Podedes utilizar os debuxos orixinais de Diego Cheda e engadirlles diálogos e globos, empregar esas mesmas ilustracións coloreadas por Quique Vázquez e facer a vosa creación a través de ferramentas na rede (ou aplicación para Android), facer as vosas propias historietas...

 

 

 

 

Diego e Quique regaláronnos a súa obra.

Recordade nomealos sempre que a empreguedes.

Hai que respectar sempre os dereitos de autor.

 

Compartide as vosas creacións:

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

karaoke Ua, Ua, Ua! #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Hoxe toca cantar karaoke e que mellor que co noso karaoke de A viaxe de Percebiño!

Veña queremos escoitarvos dende todas as ventás!

VENRES DA SEMANA DO LIBRO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Desfrutáchedes coas aventuras de Percebiño? Seguro que si.

Moitísimas gracias a Diego e a Quique por tanta creatividade, e a Tonino pola súa colaboración artística a través da música.

No seguinte vídeo podedes ver a semente, de donde naceu a historia da viaxe de Percebiño.

 

 

 

 

 

 

Rematamos a semana xogando.

Si, hai que premer na imaxe.

 

 

 

Permanecede atentas e atentos porque moi prontiño amosaremos os vosos vídeos e as vosas fotos cos libros favoritos.

FELIZ DÍA DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR #euquedonacasa #bescoaresgalabertas

 

 

Preme no rectángulo da imaxe situada baixo este pequeno texto para acceder ao conto.

Na parte superior atoparás a imaxe dun libro,

preme e escolle deslizar para poder ir vendo a historia de Percebiño páxina a páxina.

 

 

 

 

 

 

Debaixo destas palabras podes descargar as ilustracións de Percebiño para colorear.

 

Verbas de Cedeira #EuQuedoNaCasa #bescolaresgalAbertas

Os Vagalumes necesitan da colaboración cidadá.

Antes de que esta pandemia azoutaseas nosas vidas, na aula de 4º A e en

1º de Bacherelato (Antropoloxiía e Cultura Científica) seguían co seu proxecto intercentros sobre o patrimonio inmaterial.

Estaban a recoller todas as verbas da nosa vila, preguntando aos máis sabios: as avoas e os avós.

Hoxe queremos abrir a colaboración a toda a comunidade educativa. Pois xuntos podemos crear mellor.

Trátase de poñer unha palabra propia da nosa vila e explicar o que significa.

Os nosos Vagalumes irán recollendo as vosas aportacións creando memoria colectiva.

Podedes poñer as vosas verbas nestes enderezos:

https://facebook.com/bibliotecacarloslabranha/…

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

Charla: O lixo que nos ameaza!

Esperámosvos!

Avaliación da charla: Onde vai a auga que usamos?

Agradecemos que se participaches na charla como aluna, aluno, mestra, mestre... realices a avaliación que se presenta.

Así podemos mellorar!

Gracias por participar.

Proxecto "Somos pediatras"

Neste segundo trimestre, os Vagalumes de 4º A, están realizando un miniproxecto que leva por título "Somos pediatras", coa intención de profundizar no estudo da nutrición e prevención de enfermidades comúns.

Para documentarse solicitaron a axuda dunha pediatra. Ana, a tía de Miguel García, foi a encargada de transmitir unha información moi valiosa.

Dende logo foi unha visita moi productiva, pois solventou dúas dúbidas de gran actualidade na vida cotiá da nosa vila:

- Por qué non temos sustituta ou sustituto de pediatría?

- Que pasa co coronavirus?

Agradecer que respondese a todas as dúbidas plantexadas e toda a preparación do material para a formación.

Dende a Biblioteca Carlos Labraña apoiamos "A revolta dos chupetes".

Aquí deixamos algunha información de interese.

Onde vai a auga que usamos?

O Concello de Cedeira a través da súa técnica de Medio Ambiente ven de ofertar ao alunado de 4º, 5º e 6º unha charla sobre os sumidoiros e os seus coidados.


A vista da súa información, hoxe sabemos de tres hábitos que se están dando na nosa vila que perxudican en gran medida o coidado do noso saneamento.

Toallitas, bastoncillos para a limpeza dos oídos e aceite son eliminados no aseo ou lavados, dando lugar a grandes atascos na rede de augas residuais.


As superheroínas e os superheroes do medio ambiente serán os encargados de transmitir tan valiosa mensaxe a todas as casas e locais da vila.


Esta charla complementa o proxecto de Medio Ambiente "Contra o cambio... eu cambio. E ti?"


Agradecer ao Concello de Cedeira e a Ana por transmitirnos tan valiosa información a través do seu programa: "A ría de Cedeira comeza no sumidoiro"

Noticia Concello

 

EXPOSICIÓN INSTRUMENTOS DE REFUGALLO

O ALUNADO DE 4º, 5º E 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA, DA MAN DO SEU MESTRE DE MÚSICA,

ALEJANDRO MIGUÉLEZ, DESEÑARON UNHA EXPOSICIÓN DE INSTRUMENTOS DE REFUGALLO.

A INTENCIÓN ERA IMPLICAR A RAPAZADA E AS FAMILIAS NA REALIZACIÓN DUN INSTRUMENTO

MUSICAL QUE SOARA E NO QUE OS SEUS MATERIAIS TIVESEN UN SEGUNDO USO.

 

ESTA ACTIVIDADE ENMÁRCASE DENTRO DO PROXECTO "CONTRA O CAMBIO... EU CAMBIO. E TI?"

CONVIDAMOS A TODA A VILA A GOZAR DESTA EXPOSICIÓN, ALOXADA NA NOVA SALA DA BIBLIOTECA CARLOS LABRAÑA.

PODEN ACUDIR TÓDOLOS DÍAS EN HORARIO DE 16:00 A 18:00 HORAS, SALVO O MARTES.

CONTRA O CAMBIO... EU CAMBIO. E TI?

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA VILA CONTINUAMOS A TRABALLAR NO PROXECTO DO MEDIO AMBIENTE.

 

APOSTAMOS POLA RECICLAXE, PERO QUEREMOS DEIXAR CLARO QUE O MÁIS IMPORTANTE É A REDUCCIÓN DO USO DE CERTOS MATERIAIS, POR EXEMPLO O USO DO PLÁSTICO.

ASÍ ARGALLAMOS UN CONCURSO PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA.


OLLADE AS BASES AO FINAL DA ENTRADA.

 

DENDE A BIBLIOTECA CARLOS LABRAÑA PROPUXEMOS UN OBRADOIRO, TODOS OS VENRES, PARA QUEN DESEXE REALIZAR BOCEXOS E MAQUETAS NA XORNADA DO RECREO.

MOITA SORTE A TODAS E TODOS!

PEGADAS, RASTROS E SINAIS - PROXECTO INTERCENTROS

O PROXECTO INTERCENTROS CONTINÚA DA MAN DOS VAGALUMES E O ALUNADO DE 1º DE BACHERELATO (ANTROPOLOXÍA E CULTURA CIENTÍFICA).

NESTA OCASIÓN SOLICITARON AXUDA E DOCUMENTACIÓN A ANDRÉS TOXEIRO, EXPERTO RASTREXADOR DE ENTORNOS NATURAIS, PERSOAS E VEHÍCULOS.


AS PRIMEIRAS DOCUMENTACIÓNS PROPORCIÓNANSE NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DO CEIP E DO IES, NAS QUE FIXO UNHA EXPOSICIÓN PARA RECOÑECER INDICIOS E DEIXAR CLAROS OS CRITERIOS Á HORA DE DIFERENCIAR RASTROS, SINAIS... (número de dedos, silueta, presencia de unllas ou non, tamaño, etc.). ASÍ POUCO A POUCO FORON PROFUNDIZANDO NA MATERIA. O ALUNADO REMATOU CUNHA ROLDA DE PREGUNTAS PARA ACLARAR DÚBIDAS OU CUESTIÓNS DO SEU INTERESE.


A SEGUINTE XUNTANZA CONSISTÍU NUNHA SAÍDA DIDÁCTICA AO CRISTO DOS CARRÍS, NA CAPELADA, PARA REALIZAR UNHA ACTIVIDADE PRÁCTICA DE RASTREXO. O ALUMNADO DEDICOUSE A OBSERVAR, A LER O MONTE NA BUSCA DE INDICIOS. ENTRE OUTROS SINAIS, ATOPARON FECES TUBULARES DE LOBO, QUE DAN CONTA DUNHA PEQUENA COLONIA DUNS CINCO LOBOS QUE APARECEU FAI UNS CATRO ANOS, SEGÚN CONSTATA ANDRÉS TOXEIRO.


AS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE CEDEIRA QUEREN DAR AS GRAZAS A ANDRÉS TOXEIRO POR ENSINARNOS TANTO, POR AMOSARNOS O QUE TEMOS E DARLLE VALOR, POR ENSINARNOS NOVOS CÓDIGOS DE LECTURA E POR SEMENTAR ACTITUDES DE COIDADO E PROTECCIÓN DA NATUREZA.


 NOTICIA A VOZ DE GALICIA

 

PROXECTO INTERCENTROS VAGALUMES - IES

O PROXECTO COMPARTIDO POLOS VAGALUMES DE 4ºA E O ALUMNADO DO IES (ANTROPOLOXÍA E CULTURA CIENTÍFICA DE 1º DE BACH.) DEIXA PEGADA NESTE PRIMEIRO TRIMESTRE. FIXERON INNUMERABLES TAREFAS DE INVESTIGACIÓN XEOLÓXICA CENTRADA NA CAPELADA. NESTES VÍDEOS AMOSAN O PESO DUN PROCESO NECESARIO PARA DESCOBRER, RESOLVER E APRENDER UNHA MOREA DE INCÓGNITAS QUE SE PLANTEXARON AO COMEZO DA INVESTIGACIÓN.

DOCUMENTACIÓN: o alumnado acude á Biblioteca Carlos Labraña para solucionar dúbidas, algúns acuden tamén á Biblioteca Municipal López Cortón. En ocasións cubren datos nunha ficha co obxectivo de crear unha mecánica na busca (salas, coñecer CDU, tejuelo,...) e localización.

LIÑA DO TEMPO: Coñecida e traballada a información na aula, estruturan a máis importante nunha liña do tempo que decoran polos corredores dos pasillos fronte á aula.

NOVAS TECNOLOXÍAS: A escola ten que ir coa sociedade, sería inviable investigar como fai 20 anos, a sociedade actual está inmersa nas tecnoloxía e posiblemente sexan unha das actividades máis motivadoras para as pequenas e os pequenos. A escola ten a obriga de ensinar a utilidade educativa que escornabots, ipads... poden ofertar ao alumnado.

DRAMATIZACIÓN E MINI AVALIACIÓN: Xogar a ser para aprender. O alumnado convértese en paleontólogos e paleontólogas e busca diferentes fósiles. Achados, teñen que limpalos e avisar ao capataz ou capataza para que xuntos cubran a ficha paleontolóxica, onde serán avaliados dos coñecementos aprendidos. Poñerán o lugar do achado, a peza, a era á que corresponde, se era de mar, terra ou aire... Agradecer a colaboración de Belén e Andy, pois sen a súa colaboración sería complicado realizar todas as tarefas nese tempo.

Neste inicio do proxecto realizaron outras moitas actividades, por exemplo interactivos coas familias sobre o proxecto, saídas con todo o alumnado á Capelada para recibir máis documentación da man de Francisco Canosa e Jorge Bellón...

ESTE PROXECTO AÍNDA ESTÁ EN PROCESO E POUCO A POUCO PUBLICARASE MÁIS INFORMACIÓN.

XUNTOS SOMOS MELLORES!

Distribuir contido