Normalización Lingüística

Calendario 2010 Uxío Novoneyra

Con motivo de adicarlle este ano o Día das Letras Galegas a Uxío Novoneyra, dende a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrécennos un calendario con imaxes relacionadas con este autor ao que homenaxeamos neste 2010.
Podedes descargar o calendario premendo na seguinte imaxe.

A rebelión do monicreque

O vindeiro 16 de novembro, luns, ás 10:00 horas, na Casa da Cultura de A Pastoriza, os alumnos de infantil e primaria terán a oportunidade de asisitir a un espectáculo mixto de monicreques e actores. Trátase da obra "A rebelión do monicreque" a cargo da compañía Matapiollos dentro do programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa editorial Galaxia. 
Na representación daráselles aos nenos unha bolsa onde irá incluída unha publicación coa historia do “Rato Pincho”, reescrita nesta ocasión de novo por Gloria Sánchez para ser representada; na segunda parte da publicación os cativos e cativas atoparán o traballo de Carme Domech, “Monicrequeamos”, no que se lles explica como construír monicreques con materiais que teñen por casa e de reciclaxe.
Podedes descargar o tríptico da campaña aquí.

A carta dos ENDL

Dende a Coordinadora dos ENDL pídese que se envíe unha carta  dirixida ao Conselleiro de Educación semellante á que mostramos a continuación:

Sr. conselleiro de Educación:

Como coordinador/a do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do (nome do centro), e despois de ter recibido información por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería que vostede dirixe, informando de que ata o próximo ano non van ser convocadas as axudas para as actividades dos equipos, quero compartir con vostede, como máximo representante da política educativa en Galicia, as miñas inquietudes e explicarlle os motivos desta carta:


• Dende que foron creados os ENDL, ao abeiro do Decreto 247/1995, estes veñen desenvolvendo un papel fundamental na activación da vida cultural dos centros educativos de toda Galicia, que se traduce na programación e realización de actividades nas que participa toda a comunidade educativa (e en moitos casos transcende moito máis alá dela) e que son fundamentais para axudar á formación do noso alumnado.

• Entre as ditas actividades podemos citar algunhas como a elaboración de axendas e calendarios escolares, a convocatoria de certames literarios, a creación de grupos de teatro, a realización de vídeos (nalgúns casos ata de longametraxes), a edición de revistas en formato tradicional ou dixital, a elaboracións de blogs e páxinas web, a difusión da música galega, ciclos de conferencias sobre temas científicos ou artísticos, e un longo etcétera.

• Na realización destes traballos participan de maneira moi activa distintos sectores da comunidade educativa (persoal administrativo, profesorado, ANPAS... pero sobre todo alumnado) que, aínda que de maneira lúdica, están regalando o seu tempo e esforzos para adquirir e transmitir aos outros valores tan necesarios como a responsabilidade, o respecto polo traballo colectivo e, de maneira esencial, o aprecio pola cultura e a lingua galega.

• Todo este traballo, se de verdade se quere que sexa efectivo, é imposible realizalo sen un labor previo de organización e programación, de aí que unha das demandas reiteradas polos ENDL dende a súa formación foi a necesidade de que xa dende principios de cada curso se fixesen explícitos os proxectos de cada equipo. Só se sabemos cales son pautas que marca a Consellería e con que presuposto contamos para a execución dos nosos programas de actividades, poderemos desenvolver de maneira efectiva o noso traballo. Nos últimos cursos así se fixera e os resultados foran moi satisfactorios.

• Somos conscientes de que o goberno ao que vostede pertence ten na austeridade económica unha das súas máximas pero parécenos (e é ben seguro que comparte esta idea connosco) que a educación é un bo investimento e, neste momento, as actividades realizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística son pezas claves na adquisición das destrezas e competencias (non só lingüísticas senón tecnolóxicas, sociais...) que conforman a bagaxe cultural do noso alumnado.

Por todo o anterior, gustaríanos que se tivesen en conta as nosas razóns e se revisase esta decisión que, dende o noso punto de vista, resulta moi prexudicial para os centros educativos galegos.
Distribuir contido