Normalización Lingüística

24 de Febreiro. Día de Rosalía de Castro

 

 

O 24 de Febreiro recordamos o nacemento de Rosalía de Castro. E dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) veñen promovendo dende o ano 2010 institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor.

A AELG promoveu unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro, no que se conmemora como xa dixemos o nacemento da nosa escritora máis universal.

Hai que ter en conta que o 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura. Ademais dende esta asociación  convidouse aos centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

 

Para Educación Infantil e Primaria a AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:

 

Canta, paxariño alegre,

canta!

Canta porque o millo medre,

canta!

Canta porque a luz te escoite,

canta!

Canta que fuxeu a noite.

 

Podedes descargar aquí un modelo de tarxeta postal deseñado por Pepe Barro.

 

 


 

Uxía canta a Manuel María

"Andando a terra. Uxía canta a Manuel María" é o nome do disco que recolle o concerto que a artista  deu o 6 de outubro de 2015 na casa-museo do escritor en Outeiro de Rei, xusto o día no que o autor faría 86 anos. O repertorio está formado por composicións sobre poemas do escritor.

En palabras da propia Uxía, os temas do repertorio que se percorre neste espectáculo é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, quixen arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que fun atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa que quixo tanto e que agora será a Casa dos soños liberados de cadeas, o seu humor, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso. Tamén me permitín adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' na voz da miña querida María Manuela. A poesía de Manuel María flúe coma un río. El é o gardador das albas e da íntima esperanza que nos fai crer aínda no ser humano. Crer a quen leve a música dentro de si, a quen nunca sentirá medrar, no seu interior, a moura flor da soidade. Agora sabemos que a súa poesía, coma el mesmo di das fontes romanas, escribiuna para espantar soidades, melancolías e nostalxias e tamén para ser recitada, cantada e devolta ao pobo que lla inspirou. Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser po, seixo ou silveira. Grazas, poeta, pola inspiración e a alegría que aínda nos entregas en cada verso. Galiza e o pobo galego estaremos eternamente en débeda contigo.”

LETRAS GALEGAS 2016

 

O escritor de Outeiro de Rei, Manuel María, será o autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2016. Manuel María é especialmente coñecido pola súa obra poética, un eido no que está considerado unha voz fundamental na segunda metade do século XX, aínda que tamén cultivou outros xéneros, especialmente o teatro e as narracións infantís. 

Ademais, Manuel María foi un activo promotor da cultura galega. Percorreu todo o país -así como a emigración- coa súa participación en recitais e charlas, tivo unha faceta de editor e tamén política, ámbito na que exerceu como concelleiro no qno 1979.

No portal da Casa Museo de Manuel María hai dispoñibles diversas unidades didácticas, en formato pdf, para traballar arredor da súa figura e obra. Podedes acceder a todas elas premendo na seguinte imaxe.

 

 

Conxunto de actividades sobre este precioso conto de M. María, ilustrado por X. Marín, destinado a nenos/as de 6 anos en diante e editado pola Casa-Museo Manuel María. Autoría: Lorena Ares, Armando X. Herrero e Rebeca Fdez.

 

Unidade didáctica pensada como complemento á lectura d'Os soños na gaiola e As rúas do vento ceibe, as obras de poesía infantil máis emblemáticas de Manuel María. Orientada ao alumnado ...
 

 

Distribuir contido