Emocións Básicas

Chist...! Estades aí?...Seguimos adiante co adestramento emocional!

*** AS EMOCIÓNS BÁSICAS ***

Ser emocionalmente intelixentes é posible para calquera neno ou adulto. Como todo na vida, temos que querer.

As emocións son a esencia da Vida. Son boas e necesarias. Sen emocións seriamos como máquinas.

As emocións positivas -alegría, amor, felicidade- achégannos ao benestar.

As emocións negativas -enfado, medo, tristeza- son máis intensas, máis frecuentes, máis duradeiras e apártannos do benestar. Son as emocións máis potentes que sentimos.

Hai emocións, sobre todo as negativas, que non se poden evitar, so REGULAR.

Merece unha consideración especial a “IRRUPCIÓN” DO ENFADO:

O detonante do enfado é a sensación de atoparse ameazado, calquera ameaza simbólica para a nosa autoestima ou para o noso amor propio (sentirse insultado, menosprezado, frustrado na consecución dun obxectivo, etc); percepcións, todas elas, que actúan a modo de detonante e co poder suficiente para desencadear un “secuestro emocional”.

* * *

UN BÁLSAMO PARA O ENFADO

Resulta sumamente importante o momento do ciclo do enfado no que intervimos: canto antes o fagamos mellores resultados.

Nos casos de irritación moderada, as distraccións son un recurso enormemente eficaz para modificar o noso estado de ánimo, xa que é difícil seguir enfadado cando un está a pasar un rato agradable. O poder sedante da distracción reside precisamente en poñer fin á cadea de pensamentos irritantes.

Outra estratexia -claramente eficaz- consiste en retirarse e quedarse a solas mentres ten lugar o proceso de arrefriamento.

O exercicio físico contribúe tamén a dominar o enfado. O mesmo pode dicirse dos métodos de respiración - relaxación.

* * *

Este libro – guía axudará aos rapaces e rapazas de 6 a 12 anos a superar os seus problemas coa ira e a responder dun xeito máis tranquilo cando algo sae mal.

Powered by Drupal - Design by artinet