Skip to Content

Visita da boxeadora Clara Millares - 8M

Hoxe conmemoramos o 8M, Día Internacional da Muller, coa visita de Clara Millares, boxeadora, atleta, nai, traballadora e, como di ela, "medioagricultora" de Ribeira.
Da súa man coñecemos este deporte, que non é tan bruto como parece e soubemos que o practican moi poucas mulleres. Tanto é así, que nunha ocasión tivo que competir cos mesma adversaria porque non había máis.
Entre os seus logros contan unha medalla de prata e duas de bronce, do campionato de España de boxeo e varias de atletismo a nivel autonómico: salto de lonxitude, 5K, 10K...
Quedamos cunha frase que repetiu en varias ocasións: "Se nos organizamos hai tempo para todo" e co convencemento de que o boxeo, igual ca todos os deportes, tamén é para as rapazas e mulleres.
Grazas por vir ao cole Clara!

 

 

Olímpicas Galegas

En Marzo conmemoramos o mes da muller, este curso non podiamos desaproveitar a ocasión de coñecer a todas as galegas olímpicas e paralímpicas. 

Se pensabas que só eran Teresa Portela e Ana Peleteiro vas levar unha gran sorpresa pois temos 19 mulleres que algunha vez foron ás Olimpiadas! 

Queres coñecelas? Aquí tes uns xogos para que te divirtas aprendendo. 

 
 

Visita de Titimoki

Comezamos o mes de marzo coa visita da escritora Titimoki, que veu falar cos cursos inferiores do seu libro Pomodoro, no que un oso é feliz compartindo as súas mazás coa veciñanza. Un bo punto de partida para un reflexión sobre a sociedade actual.
O alumnado estivo moi interesado en todo o que lles contou sobre a creación e lectura do conto.

Esta actividade enmárcase dentro do programa Faro da Escola, que conta coa colaboración da Editorial Xerais.


Grazas, Titimoki!

 

 

 

Escola de familias: xestión das emocións no deporte

A primeira escola de familias despois da Covid tratou sobre a xestión das emocións a través do deporte. Manu Santos, psicólogo e adestrador de baloncesto, explicou, entre outras cousas, o importante que son os anticorpos da frustración, que se adquiren con cada pequena frustración (ao perder un partido, cando algo non sae como queren...) e nos preparan para a vida.
Agradámosvos no vindeiro encontro, que terá lugar no mes de abril e será tamén ofrecido polo CFR de Pontevedra.
Grazas, Manu!

Procedemento de ADMISIÓN de NOVO ALUMNADO Curso 24-25

Informamos que este venres, día 1 de marzo da comezo o procedemento de admisión para alumnado de nova incorporación para o curso 24-25.

Na seguinte presentación pódese ver toda a información. É posible descargar o documento desta información desde os ficheiros adxuntos.

O horario de secretaría é: Luns a venres de 14:00 a 14:50

                                       Martes e venres de 09:50 a 10:40

IMPORTANTE: A documentación entregarase SÓ á secretaria ou á directora do centro.

 
 
 
 

Visita de María Lado

Rematamos o mes de febreiro coa visita de María Lado, coautora de Caramomia, da man de Faro da Escola e a Edictorial Xerais. A experiencia foi marabillosa, explicounos todo o proceso creativo e resolveu todas as dúbidas de cativos e cativas. Antes de marchar asinou cadanseu libro.
Moitas grazas, María por vir ao noso cole! Agardamos volver repetir.

 

Formación do profesorado

O profesorado do cole está en continua formación. Neste caso, o tema a tratar foron as matemáticas manipulativas da man de Manuel Felpeto, grazas ao CFR de Pontevedra. Regletas, centicubos, xeoplanos, espellos... Cantos materiais para comprender mellor os conceptos matemáticos!

Día de Rosalía 2024

Hoxe celebramos o Día de Rosalía con motivo do seu aniversario. Nesta ocasión todo o cole traballou o poema "Adiós ríos, adiós fontes". Entre todos realizamos un mural no que representamos cada estrofa do poema e quedou precioso.

Despois, reunímonos para recitar cada grupo a súa estrofa e escoitar da boca da mesmísima Rosalía un fragmento do poema. Para finalizar cantamos xuntos a versión musicada do poema que fixo o grupo Astarot.

 

 

Escola de Familias

 

Estimadas familias, informámosvos que este curso retomamos a Escola de Familias organizadas polo CFR de Pontevedra. A primeira cita será o vindeiro martes, día 5 de marzo de 19:00 a 21:00 horas. Contaremos con servizo de gardería co cal podedes vir acompañados dos vosos fillos e fillas. 

Nesta primeira charla, contaremos con Manuel Santos Nores, psicólogo e adestrador de baloncesto, que nos falará das emocións, da súa xestión e o seu control. Tamén falaremos de normas e límites e, como non podía ser doutro xeito polo proxecto que estamos a traballar este curso, da deportividade e a competitividade no deporte.

Estamos seguras de que aprenderemos moito.

Animádevos a asistir!

Visita do escritor Eduardo Santiago

Hoxe o escritor Eduardo Santiago veu falar connosco do seu libro "A miña amiga invisible", grazas ao programa Faro da Escola, de Faro de Vigo, e a colaboración da Editorial Xerais.

Ademais, falamos de como se inspira en persoas que coñece para escoller os nomes e outras características das súas personaxes, de como se inspira noutros libros, do proceso dende que escribe o libro ata que se publica e moitas cousas máis. Incluso nos dixo cal é o seu libro favorito da literatura infantil en galego.

Moitas grazas por vir, Eduardo Santiago. Quedamos con ganas de ler "O mundo máxico de Lía".

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut