Skip to Content

Sabela Olímpica

PDI do curso 2023-24

Visita da boxeadora Clara Millares - 8M

Hoxe conmemoramos o 8M, Día Internacional da Muller, coa visita de Clara Millares, boxeadora, atleta, nai, traballadora e, como di ela, "medioagricultora" de Ribeira.
Da súa man coñecemos este deporte, que non é tan bruto como parece e soubemos que o practican moi poucas mulleres. Tanto é así, que nunha ocasión tivo que competir cos mesma adversaria porque non había máis.
Entre os seus logros contan unha medalla de prata e duas de bronce, do campionato de España de boxeo e varias de atletismo a nivel autonómico: salto de lonxitude, 5K, 10K...
Quedamos cunha frase que repetiu en varias ocasións: "Se nos organizamos hai tempo para todo" e co convencemento de que o boxeo, igual ca todos os deportes, tamén é para as rapazas e mulleres.
Grazas por vir ao cole Clara!

 

 

Olímpicas Galegas

En Marzo conmemoramos o mes da muller, este curso non podiamos desaproveitar a ocasión de coñecer a todas as galegas olímpicas e paralímpicas. 

Se pensabas que só eran Teresa Portela e Ana Peleteiro vas levar unha gran sorpresa pois temos 19 mulleres que algunha vez foron ás Olimpiadas! 

Queres coñecelas? Aquí tes uns xogos para que te divirtas aprendendo. 

 
 

Día de Rosalía 2024

Hoxe celebramos o Día de Rosalía con motivo do seu aniversario. Nesta ocasión todo o cole traballou o poema "Adiós ríos, adiós fontes". Entre todos realizamos un mural no que representamos cada estrofa do poema e quedou precioso.

Despois, reunímonos para recitar cada grupo a súa estrofa e escoitar da boca da mesmísima Rosalía un fragmento do poema. Para finalizar cantamos xuntos a versión musicada do poema que fixo o grupo Astarot.

 

 

Escola de Familias

 

Estimadas familias, informámosvos que este curso retomamos a Escola de Familias organizadas polo CFR de Pontevedra. A primeira cita será o vindeiro martes, día 5 de marzo de 19:00 a 21:00 horas. Contaremos con servizo de gardería co cal podedes vir acompañados dos vosos fillos e fillas. 

Nesta primeira charla, contaremos con Manuel Santos Nores, psicólogo e adestrador de baloncesto, que nos falará das emocións, da súa xestión e o seu control. Tamén falaremos de normas e límites e, como non podía ser doutro xeito polo proxecto que estamos a traballar este curso, da deportividade e a competitividade no deporte.

Estamos seguras de que aprenderemos moito.

Animádevos a asistir!

 
 

Visita do escritor Eduardo Santiago

Hoxe o escritor Eduardo Santiago veu falar connosco do seu libro "A miña amiga invisible", grazas ao programa Faro da Escola, de Faro de Vigo, e a colaboración da Editorial Xerais.

Ademais, falamos de como se inspira en persoas que coñece para escoller os nomes e outras características das súas personaxes, de como se inspira noutros libros, do proceso dende que escribe o libro ata que se publica e moitas cousas máis. Incluso nos dixo cal é o seu libro favorito da literatura infantil en galego.

Moitas grazas por vir, Eduardo Santiago. Quedamos con ganas de ler "O mundo máxico de Lía".

 

 

 

 

Entroido 2024

Aínda que a chuvia non nos permitiu saír ata o centro cultural, que ben o pasamos na celebración do Entroido!

Comezamos a xornada desfilando ante os nosos compañeiros. Non faltaron os aros e antorchas olímpicas, deportes e deportistas. A cada cal, mellor.

Despois, cantamos a comparsa creada para a ocasión e fomos merendar os doces típicos feitos polas familias.

Rematamos a mañá xogando e bailando no ximnasio. Pasámolo xenial!

 

 

Coñecemos as emocións no deporte

Continuamos coas actividades ao redor do Día da Paz. Nesta ocasión Saúl Ares falounos do xogo e das emocións no deporte. Que sentimos ao gañar ou perder? E cando é o meu rival ou o meu equipo favorito quen o fai? Que emocións se presentan mentres agardo o resultado da foto finish?

E como non, puxemos en práctica a teoría e analizamos como nos sentimos se non nos sacan a xogar e quedamos mirando.

Grazas, Saúl por unha mañá tan interesante!

Día da Paz 2024

De couleurs vives, da cantante francesa Zaz, foi a canción escollida este ano para celebrar o Día da Paz. Bailamos xuntos, unidos por lazos das cores dos aros olímpicos que representan a unión de todos os países dos 5 continentes.

 

 

Valeria e a casa "Arco da Vella das Bágoas Secretas"

Durante a última semana, todos os nenos e nenas de primaria preparamos un conto para conmemorar o 25N. 1º e 2º gravaron as voces, 3º e 4º realizaron as ilustracións e 5º e 6º colorearon as ilustracións en formato dixital e fixeron a tradución do conto. Ademais, fixemos un imán con forma do arco da vella do conto.

Un traballazo do que estamos moi orgullosos.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut